Pasou xa o perigo da EHE este ano?

O profesor do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo Alberto Prieto considera que a caída das temperaturas nas últimas semanas reduce de maneira notable a presenza do vector da enfermidade e a circulación do virus, aínda que os animais infectados poden ser reservorio durante máis de dous meses

A inflamación dos ollos, do nariz e da boca son algúns dos síntimas da enfermidade

A inflamación dos ollos, do nariz e da boca son algúns dos síntomas da enfermidade

Case 5.000 animais confirmados como positivos e case 2.000 explotacións de vacún de leite e carne afectadas nas catro provincias. Son as estatísticas oficiais da incidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Galicia no 2024, un ano con vacas enfermas por case todo o territorio. 

Segundo os últimos datos feitos públicos pola Xunta, en Galicia a EHE afectou polo de agora, desde que se declarou o día 16 de abril o inicio do novo período estacional de circulación do vector transmisor por parte do Ministerio, a 1.986 explotacións de gando vacún de toda a comunidade.

O número de animais positivos confirmados mediante probas de laboratorio, tanto no Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, o laboratorio nacional de referencia para esta enfermidade, como no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural, ascendeu a 4.778, con importantes comarcas gandeiras, como O Deza ou a montaña de Lugo, cun nivel de afectación moi elevado nos meses de agosto e setembro.

Os primeiros casos de EHE en Galicia este ano déronse na provincia de Ourense a mediados do mes de xuño

Desde que se detectaran os primeiros casos no mes de xuño en Riós, houbo focos en 45 das 54 comarcas veterinarias existentes na comunidade: en todas as das provincias de Lugo e Ourense (14 en cada unha), en 10 das 18 que hai na Coruña e en 7 das 8 existentes en Pontevedra. Tan só as comarcas do Salnés en Pontevedra e A Coruña, Bergantiños, Betanzos, Fisterra, Noia, Pontedeume, Terra de Soneira e Xallas-Muros na provincia da Coruña se libran polo de agora da enfermidade, con ningún caso detectado este ano.

“O peor da enfermidade este ano xa pasou”

Alberto Prieto Lago, profesor do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo

Alberto Prieto Lago, profesor do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo

Alberto Prieto é profesor do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo e leva dous anos, desde que a enfermidade entrou en Galicia, estudando o comportamento da EHE e do seu vector de transmisión en granxas da comunidade.

Considera que “este ano o máis forte xa pasou”, pero matiza que “iso non quere dicir que non poida haber algún repunte de casos nalgunha zona onde as temperaturas mínimas son máis suaves e hai menor amplitude térmica entre o día e a noite”.

Eu considero que este ano o máis forte xa pasou, o que non quere dicir que non poida repuntar algún caso nalgunha zona

Segundo os datos que ofrecen diferentes estudos, “sempre que a temperatura máxima baixe de 12-13 grados o vector diminúe practicamente a cero a súa actividade”, asegura. “En Lugo estes días de noite a temperatura mínima baixa a 7 grados pero de día sobe a 18 grados. Non está habendo novos casos nestas últimas semanas do mes de outubro, a maioría dos últimos animais enfermos o contaxio produciuse a finais de setembro”, explica.

O ciclo do vector complétase máis doado en agosto, polo que hai máis individuos ca agora. Os días de frío que xa tivemos axudaron a minguar a transmisión

Coa baixada das temperaturas un dos riscos é a entrada dos mosquitos aos establos. “Algunhas especies de culicoides unha maneira que teñen de sobrevivir é refuxiarse dentro dos establos. É un mecanismo de resistencia que ten o ciclo do vector, pero de cara ao inverno non sería doado que puideran manter a trasmisión da enfermidade, porque terían que atopar animais enfermos que lles serviran de reservorio para o virus”, asegura.

O virus segue activo en sangue até 70 días

A Facultade de Veterinaria de Lugo está levando a cabo neste momento un estudo para determinar o tempo que os animais permanecen virémicos tras infectarse. “Collemos en granxas casos nos que houbo sintomatoloxía e facemos un mostreo lonxitudinal para ver como evoluciona a carga vírica. Falábase de viremias de entorno a 50 e 60 días pero estamos atomando animais que a 70 días seguen ter o virus no sangue, sen patoloxías nin síntomas asociados, pero que seguen a ser reservorios do virus e poden transmitir a enfermidade a animais sans se existe un vector para que isto aconteza”, explica.

En animais de leite con patoloxías asociadas, a EHE provoca caídas drásticas na produción

Onde máis visible foi este ano a incidencia da EHE en Galicia durante os meses do verán foi en ganderías de vacún de carne en extensivo, pero tamén houbo moitas granxas de leite afectadas, asegura Alberto.

“Ademais de laminite e problemas en patas, o que máis relatan os veterinarios que atenderon estes casos son caídas de produción moi importantes. En moitos casos a enfermidade apareceu combinada con outas patoloxías e nestes casos un máis un non son dous, ás veces son catro”, exemplifica.  

Inmunidade de rabaño

Sen un estudo de seroprevalencia, Alberto non se atreve a afirmar se a inmunidade de rabaño acadada pode supoñer xa un escudo para explotacións galegas, pero apela ao acontecido en zonas como Ferrolterra “onde o ano pasado a enfermidade pegou moi duro e este ano a cousa foi máis suave”, explica.

Despois do barrido que fixo este ano por toda Galicia, é esperable que o ano que vén sexa un pouco máis leve

Por iso, pensa que “despois do barrido que a EHE fixo este ano por toda Galicia, é esperable que o ano que vén sexa un pouco máis leve”. “O esperable é que en zonas como A Fonsagrada, O Deza, ou a montaña de Ourense (Maceda, Montederramo), onde houbo moitos casos este ano, haxa máis inmunidade, pero pasa como con todas as enfermidades, ten que ir facéndose endémica pouco a pouco en todo o territorio”, describe.

“Unha de cada tres doses da vacina comercializadas en España foi distribuida en Galicia”

VETIA Sergio Rodriguez Pedrouzo

Sergio Rodríguez Pedrouzo forma parte do servizo técnico de Ruminantes de Vetia Animal Health, a empresa que fabrica a única vacina que se comercializa en España para a EHE. Desenvolta en tempo récord, comezou a administrarse en Galicia o mes de setembro e Sergio destaca a utilidade de contar cunha ferramenta preventiva eficaz para evitar que os animais se contaxien e desenvolvan a enfermidade.

– Cal foi o grao de vacinación en Galicia en comparación con outras zonas do territorio español?
– O nivel de vacinación está a depender moito da situación epidemiolóxica en cada comunidade autónoma, sendo maioritario en todo o norte de España. Aproximadamente, unha de cada tres doses de Hepizovac comercializadas en España foi distribuída en Galicia, o número máis alto de todo o territorio español.

– Detectastes certa desconfianza ou desinformación entre os gandeiros en relación coa vacina?
– Desafortunadamente, si. Houbo algunhas informacións moi afastadas da realidade e desde aquí animamos aos gandeiros para consultar co seu veterinario calquera dúbida que lles poida xurdir acerca da vacinación fronte á EHE.

É unha vacina inactivada moi segura que demostrou unha eficacia do 100% en gando bovino

Respecto a Hepizovac, tanto polas explotacións que temos monitorizadas como polas referencias dos veterinarios que usaron a vacina, podemos dicir que os resultados foron máis que satisfactorios, tanto a nivel de eficacia como de seguridade. É unha vacina inactivada, moi segura, concibida como ferramenta de grande utilidade para evitar as perdas directas nas explotacións derivadas dos síntomas e lesións producidas pola enfermidade. A vacinación, ademais, facilita o movemento de animais susceptibles e axuda a controlar a diseminación da enfermidade.

– A administración da vacina evita que o animal se infecte?
– Si, nas probas realizadas durante o desenvolvemento de Hepizovac a vacina mostrou un 100% de eficacia en bovino; de aí a indicación na súa ficha técnica: prevención da viremia.

– En caso de entrada do serotipo 6 da enfermidade en España, cal sería o tempo necesario para poder contar cunha vacina específica?
– A autorización de uso de Hepizovac axilizouse de maneira extraordinaria debido á situación de emerxencia sanitaria que temos. Se se manteñen os mesmos requisitos para a autorización que no caso do serotipo 8, poderíase dispoñer dunha vacina específica de serotipo 6 en aproximadamente seis meses.

Se se manteñen os mesmos requisitos para a autorización, poderíase dispoñer dunha vacina específica de serotipo 6 en aproximadamente seis meses

– Cales son as principais recomendacións á hora de realizar a vacinación contra a EHE?
– As indicadas na ficha técnica: vacinar animais sans a partir das 8 semanas de idade e administrar 2 doses cun intervalo de 21 días. Recoméndase revacinación anual.

– Recomendades a vacinación de todos os animais da explotación ou a segmentación en grupos de aplicación e non aplicación?
– Aínda que os animais novos son menos susceptibles á enfermidade, recomendamos vacinar a todos os animais da explotación de máis de 8 semanas de vida fóra de animais que presenten algunha patoloxía. Desta forma, teremos unha boa inmunidade de rabaño e evitaremos a circulación do virus na explotación.

Debe realizarse revacinación anual mediante a administración dunha soa dose

– En caso de vacinar este ano, sería necesario volver vacinar de novo o ano que vén a medida que o vector de trasmisión da enfermidade volva estar activo ou os animais vacinados manterían a inmunidade?
– Si, a revacinación debe realizarse anualmente mediante a administración dunha soa dose.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información