O sector forestal está a ultimar unha proposta a nivel estatal para a mellora da fiscalidade forestal, pois na actualidade danse unha serie de desaxustes que resultan gravosos para parte dos propietarios forestais particulares e para as comunidades de montes veciñais en mancomún. A Asociación Forestal de Galicia, conxuntamente con outras organizacións do sector, avanzoulle a proposta á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha reunión celebrada este luns, igual que fixo días atrás cos grupos parlamentarios do BNG e do PSdeG.
A campaña para a mellora da fiscalidade forestal presentarase en setembro a través da Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose) e da Alianza Juntos por los Bosques. A Xunta, en nota de prensa remitida onte, confirmou que apoia as demandas do sector forestal galego diante do Goberno central, pois considera que o forestal é “un eido produtivo clave do rural galego”, polo que ve precisas modificacións no IRPF, no imposto de sociedades e no IVE.
Así o manifestou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras reunirse con responsables da Asociación Forestal de Galicia encabezados polo seu presidente, Antonio Rigueiro. No encontro tamén participaron representantes da Unión Empresarial de la Madera y el Mueble de España (Unemadera) e da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga).
Entre as cuestións nas que o Estado pode intervir está, por exemplo, conseguir unha maior flexibilidade fiscal no IRFP para aqueles profesionais que, non dedicándose á actividade agrícola, si fan aproveitamento forestal. Actualmente, estas persoas teñen que tributar no Réxime de Estimación Directa por ter outra actividade económica neste réxime, o que supón unha penalización no pago de impostos.
Outro dos aspectos a abordar é o pago de impostos das comunidades de montes veciñais en man común, unha figura de propiedade característica de Galicia e que precisa un tratamento fiscal diferenciado.