
Leira convencional (esquerda) e rexenerativa (dereita)
Aumentar a biodiversidade e a materia orgánica no solo, reducir o uso de agroquímicos e o laboreo do solo ou afondar no benestar animal e na resiliencia climática son algúns dos principios básicos da agricultura rexenerativa. Baixo esas e outras premisas, os participantes nos cursos que organizan a Fundación Juana de Vega e Agroassessor aprenderon as claves para sacar adiante en Galicia proxectos vencellados a este tipo de prácticas. E fixérono da man de Robert Madeo, de The Regen Academy, un centro formativo e consultoría internacional especializada.
Cales son as claves a ter en conta?. Antes de iniciar o proxecto previsto, hai que calibrar con que medios se conta, en que circunstancias se vai traballar e, sobre todo, que é o que queremos facer. Así, Madeo detallou unha serie de oito puntos nos que é preciso fixarse. Porque, dos resultados que se obteñan desa observación, pode saír adiante a iniciativa ou quedar desbotada.
O primeiro ao que aludiu foi o rumbo, é dicir, a responsabilidade que cada persoa das que participan no proxecto vai ter que asumir para acadar o obxectivo de crear unha explotación rexenerativa que sexa sustentable no social, o ambiental e, por riba de todo, o económico. Neste apartado hai que analizar incluso os sacrificios persoais que se está disposto a facer.
En segundo lugar hai que facer unha valoración profunda do clima onde imos operar. Temperaturas medias, máximas e mínimas; cantidade de chuvia anual e momentos nos que se concentra, grao de humidade que se dá nas parcelas ao longo do ano, frecuencia, forza e procedencia dos ventos, días en hai xeada…todos os datos climáticos que se poidan recoller serán de utilidade para o traballo futuro.
Despois hai que analizar o entorno legal, comercial e xeográfico no que imos desenvolver a actividade. Os aspectos legais son dos máis importantes: deles dependerá que obteñamos permisos para acometer segundo que accións, que poidamos obter subvencións e certificacións ou que se nos recoñezan dereitos para exercer o traballo.
E, por suposto, hai que saber cal é o mercado ao que nos diriximos, que competencia existe, cales son as tendencias de consumo, como podemos diferenciarnos… No tocante ao xeográfico, os aspectos clave son a altitude, a orografía e a orientación das leiras.
O rumbo é o primeiro paso e o máis importante. Saber que se quere facer, como facelo e ata onde se está disposto a chegar.
A xestión da auga condiciona calquera explotación agrogandeira. Tamén as rexenerativas. Por eso, é preciso saber que disponibilidade hai (canles, manaciais, pozos, fontes, traídas…), que sistema de almacenamento imos usar, deseñar un plan de rega e aproveitar a chuvia.
E hai que coñecer o solo dende tres puntos de vista:
.- Físico: textura, estrutura, porosidade, capacidade de retención de auga
.- Químico: acidez, nutrientes, limitantes
.- Biolóxico: carbono e biodiversidade
Para que as análises do solo sexan fiables, hai que recoller unha mostra composta por cada tipo de solo e de manexo cun mínimo de 5 puntos en solos idénticos. E extraendo non máis alá de 30 centímetros de profundidade e sacando a parte orgánica.
Tamén se recomenda unha análise microbiolóxica, que deberá realizarse entre 10 e 15 cm de profundidade, non pesar máis de 0,5 quilos, gardarse nunha bolsa ventilada e entregala antes de 24 horas de ser recollida.
O sexto punto refírese á biodiversidade. Cómpre estudar os vertebrados, plantas e insectos que hai nas parcelas e os que temos pensado introducir. E non porque a biodiversidade sexa un fin en si mesmo, senón porque nos facilitará acadar os obxectivos que se trazan na agricultura rexenerativa.
Para os aspectos de manexo, hai que partir da situación inicial das leiras e do que se quere facer de novo. Porque é moi diferente un solo cuberto dun descuberto, unha fertilización química dunha orgánica ou un pastoreo racional dun intensivo. E valorando recorrer a balances minerais e aportación de microorganismos.
O proxecto ten que ser rendible, pois un planteamento a perdas carece de sentido
Finalmente, hai que facer un reconto de todos os recursos cos que contamos antes de iniciar o proxecto. Terras, maquinaria, instalacións, gando, persoal, coñecemento…aínda que o máis importante sempre será o diñeiro. Porque o que se vaia facer ten que ser rendible e non pode partir dun planteamento a perdas.

Gando en agroforestería rexenerativa
Unha vez coñecida a posición da que se parte, o seguinte paso é seleccionar o que se quere e se pode facer. O divulgador Madeo explicou moi detalladamente as claves dun proxecto que se desenvolveu na provincia de Girona e como se foron descartando opcións porque non se axustaban ou ben aos obxectivos ou ben á situación da que se partía.
Entre as opcións iniciais, estaban dende a produción de cestas ecolóxicas ata a elaboración de queixos ecolóxicos de cabra ou trigo panificable e polos tamén ecolóxicos.
Na agricultura en xeral e na rexenerativa en particular non hai brancos e negros, só grises. Hai milleiros de matices que inflúen en todos os procesos. (Robert Madeo, The Regen Academy)
Mediante un sistema de preguntas preestablecidas, determínase se o plan cumpre coas expectativas da agricultura rexenerativa, se hai recursos para sacalo adíante, que cambios require e que implicacións ten.
Como exemplo, Madeo presentou un esquema de permacultura, onde os espazos se dividen en función da actividade que requiran, situándose máis lonxe os menos traballosos e quedando máis preto os que máis labor necesitan. Con todo, o divulgador recalcou que cada modelo é diferente e o que vale para un pode ser negativo noutro semellante. “Na agricultura todo son grises. É moi raro que algo sexa branco ou negro. Sempre hai milleiros de matices.”, dixo.

Esquema básico de ordenación do terreo en permacultura
Madeo lembrou que a agroforestería (a integración de gando, árbores e cultivos) sempre é positiva na agricultura rexenerativa porque aumenta a calidade e cantidade das producións. E describiu ademais o Key-line ou liña clave, un sistema de manexo das augas que as mantén o máximo posible nas leiras, reducindo a erosión e aumentando a infiltración e retención.
Nunha segunda xornada, o especialista falou das diferentes opcións informáticas que teñen os emprendedores en agricultura rexenerativa para deseñar as súas explotacións. Entre elas, citou os programas Qgis, Arcgis, Autocad e Sketchup pero sinalou como a máis acaida a que ofrece Google Earth. Madeo fixo unha demostración práctica do funcionamento dese programa e os alumnos realizaron un exercicio no que aplicaban as ferramentas de Google Earth ao deseño dos seus proxectos.
O obxectivo era comprobar como a informática é cada vez máis aliada dos agricultores e como estes programas poden mellorar a xestión diaria mediante a introdución e interpretación de datos. Tipos de cultivo, cantidades recollidas, altitude das parcelas, presenza de materia orgánica, datas de máis chuvia…son case infinitos os datos que se poden envorcar neste e noutros programas e apps similares.
Cando xa temos toda a “visión” que nos ofrece o programa pasamos a traballar con ela na vida real, no tanxible. Desa forma, o primeiro é comprobar que se axusta ao noso plan de negocio. De ser así, e por poñer un exemplo, para delimitar unha parcela polas características diferenciais das que nos informa Google Earth, podemos contratar un topógrafo que nos faga as medicións e fixe as lindes ou tamén recorrer a un tractor ou un drone que nos marque os puntos de linde.
Máis alá de permitirnos planificar cada exercicio e ter coñecemento do estado das parcelas, estas ferramentas informáticas fan que haxa máis tempo dispoñible para centrarse no traballo do día a día.
O deseño da parcela é posterior á análise que se fai para comezar o proxecto. Pero sempre hai que volvelo contrastar co plan de negocio.
Ademais dos exercicios prácticos co programa de deseño de parcela, Madeo lembrou que os obxectivos da agricultura rexenerativa son moitos e moi variados e, por eso, non sempre podemos medir cantos deles estamos a cumprir.
O que se pode facer é priorizar cada ano a observación dun grupo de 9 metas e analizar en que punto estamos, que falta e que fixemos ben. Unha aprendizaxe continua. Coidado dos solos, rendibilidade económica, usos da auga, biodiversidade na explotación e captura de carbono son os grandes parámetros, pero hai moitos outros apartados.
A segunda xornada finalizou coa explicación de proxectos de agricultura rexenerativa que xa están a funcionar e que na meirande parte dos casos serven como referente para todas as persoas que desexan comezar unha actividade profesional nese sector.
Granxas Polyface, de Estados Unidos, dirixidas por Joel Salatin, son un dos máis coñecidos. Ou o Market Gardener Institute, de Canadá, que malia o seu reducido tamaño xa ten sona en todo o mundo polo seu método de cultivo. Como tamén comeza a ter sona mundial o proxecto de Can Font, unha granxa familiar situada no Alto Empordá, en Girona, e que será visitada polos participantes neste curso que organizaron a Fundación Juana de Vega e a empresa Agroassessor.