Pascual compromete a continuidade da recollida en Galicia e súmase á suba de prezos

A empresa asegura que mercará un volume de produto similar ó da campaña pasada. Está a trasladarlle aumentos dun céntimo a partir de outubro a alomenos parte das súas explotacións proveedoras

Pascual compromete a continuidade da recollida en Galicia e súmase á suba de prezos

Logística Alimentaria é un dos centros que recepciona o leite de Pascual antes do seu envío a Burgos.

Na primavera pasada, Pascual anunciáralle as súas explotacións proveedoras en Galicia que tiña intención de reducir a recollida na comunidade, aínda que finalmente, a situación reconduciuse e a empresa mantén polo de agora as arredor de 150 granxas galegas coas que traballa. Consultada sobre os seus plans en Galicia para o 2016, Pascual asegura que non abandonará a comunidade e que ten intención de seguir mercando un volume estable de leite, similar ó da pasada campaña.

De feito, a compañía está a trasladarlle as súas explotacións proveedoras unha previsión de prezos de compra ata xullo do 2016, en base a contratos trimestrais. Un dos novos contratos que manexa o sector recolle unha suba dun céntimo desde outubro, de 27,5 a 28,5 céntimos, sen contar a prima por cantidade (20 euros/1.000 litros) nin as de calidades. Tamén se aplican descontos de 6 céntimos litro para os volumes que rebasen en máis dun 5% as cantidades contratadas.

Desde o sector valórase como positiva esta nova suba, que se une á anunciada por Leche Celta estes días, aínda que se agardan aumentos e de maior calado por parte do conxunto das industrias. Con todo, a maioría das empresas son polo de agora remisas a comunicar as súas intencións. A francesa Lactalis, a principal operadora da comunidade, declinou responder a unha consulta de Campo Galego sobre os seus plans de prezos para os próximos meses.

Evolución de Pascual
Calidad Pascual –denominación actual da antiga Leche Pascual- reducira de xeito significativo a recollida en Galicia nos últimos anos, tras o peche da súa factoría en Outeiro de Rei (Lugo) no 2009. Desde aquela, todo o leite que recolle en Galicia ten que viaxar ata a planta de Aranda de Duero (Burgos), unha circunstancia que xera no sector o temor a un abandono da recollida na comunidade por parte de Pascual.

“Calidad Pascual non vai abandonar Galicia. A nosa actividade segue e seguirá”, mantén a compañía

A compañía é clara ó respecto de tal temor: “Calidad Pascual no va a abandonar Galicia. Nuestra actividad segue y seguirá”, asegura. Ao longo dos últimos meses, a compañía si restrinxiu os aumentos de produción das súas granxas proveedoras, unha circunstancia que xustifica na “sobreprodución derivada do final da cota”. “Actualmente estamos xestionando os excedentes, co fin de non ter un exceso de materia prima que non poidamos asumir, pero iso non quere dicir que vaiamos deixar de recoller leite en Galicia nin que vaiamos perder volume”, mantén.

Se ben cuantitativamente Pascual xa non representa moito na comunidade, desde o sector si se valoran en positivo aspectos cualitativos da súa presenza, en esencia o modelo de traballo da empresa, caracterizado por unha relación estable cos produtores e por prezos en orixe do leite superiores á media, que van ligados a unha aposta pola calidade.

Pascual traballa na actualidade en Galicia con dous centros de recollida, Logística Alimentaria, propietaria da antigua factoría de Pascual en Outeiro de Rei, e Industrias Lácteas del Cantábrico, firma da familia propietaria da planta de Clea en Rábade.

Contexto
A continuidade da recollida de leite en Galicia por parte de empresas sen factoría na comunidade resulta clave no actual contexto, marcado por aumentos de produción en todo o Estado e no conxunto da UE, unha situación que nos últimos meses xerou dificultades en parte das granxas galegas. Empresas como a asturiana Reny Picot ou a vasca Iparlat, que xestiona a factoría Lactiber de León xunto coa andaluza Covap, teñen unha vía de suministro principal en Galicia, un escenario que o sector confía en que continúe de cara ó futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información