
Bruno Vasquetto, produtor agropecuario, emprendedor e enxeñeiro agrónomo pola Universidad Nacional De Río Cuarto (Arxentina) foi un dos facilitadores do curso “Gandería rexenerativa. Un camiño hacia a resiliencia e a sustentabilidade.” O curso tivo lugar en Gandería Casa da Fonte de Mañente (Pantón). Xosé García Freire, titular da explotación, foi o outro ponente.
Vasquetto impartiu conferencias, cursos e capacitacións sobre gandería rexenerativa e agroecoloxía en Arxentina, Uruguay, Paraguay, Brasil, Bolivia, Ecuador, Colombia, Mexico e Chile orientados cara a innovación e o emprendemento no sector agropecuario. Durante este outono estivo de visita en explotacións por toda España.
Claves da gandería rexenerativa
A principal característica que diferencia a gandería rexenerativa da convencional, sinala Vasquetto, é que, ademais do beneficio económico, obtense un beneficio medioambiental que garante o futuro e a sustentabilidade da explotación. Trátase de producir e de manter a posibilidade de seguir producindo, subliña.
Iso conséguese sobre todo mediante o coidado dos solos e do ambiente no que se está a traballar -explica o enxeñeiro-. Antigamente chegaba con atender o solo, pero hoxe a terra, a auga e o aire que rodean as explotacións están moi degradadas en diferentes zonas do planeta e Vasquetto destaca que é preciso actuar tamén sobre eses parámetros.

Os participantes na xornada coñeceron as técnicas de observación dos solos que aplica Vasquetto
“Un dos obxectivos cos que se traballa é o de restablecer o equilibrio no ecosistema no que se insire a granxa e recuperar a fertilidade que os solos tiveron tradicionalmente. A experiencia amosa que podemos ser plenamente rendibles, ao tempo que conservamos a natureza.”, explica o enxeñeiro.
Como calquera gandería, buscamos a rendibilidade económica. Pero debe ir aparellada de sustentabilidade ambiental
Manexo dos pastos
O control do tempo de descanso dos pastos é unha das claves principais. Hai que deixalos repousar ata que as plantas volvan acumular reservas que as fagan de proveito para o gando. “Ten máis relevancia o descanso da leira que a carga de animais que lle introduzamos. O 80% da gandería rexenerativa baséase en xestionar axeitadamente o tempo.”
O paso máis difícil para adentrarse na gandería rexenerativa é o de mentalizarse. Supón un cambio moi forte respecto dos modelos maioritarios. “Incluso cos de pastoreo, que presentan similitudes. Hoxe hai moitas ferramentas tecnolóxicas para aplicar este modelo. Pero decidirse a optar por el segue sendo complicado. Incluso a nós nos custou cando comezamos.”
“Non é fácil romper con métodos e tradicións que veñen de moi vello e que están a dar resultados económicos. Para estes sistemas hai que desaprender e volver aprender moitos conceptos sobre manexo do gando, sobre técnicas de cultivo, sobre uso de maquinaria… Pero estou seguro de que paga a pena.”, dixo Vasquetto.
O 80% da gandería rexenerativa consiste en xestionar o tempo en base á observación continua da terra
Sobre a gandería rexenerativa pesa a sospeita de que non produce a suficiente cantidade de alimentos que podería aportar no terreo que ocupa e coas cabezas de gando que manexa. “En primeiro lugar, hai que decir que ata hai pouco pensábase que este sistema só era válido para superficies moi pequenas e malas de laborear. Hoxe temos en América fincas de máis de 30.000 hectáreas destinadas a gandería rexenerativa. Iso demostra que o modelo funciona en calquera espazo.”

A gandería rexenerativa require, na fase inicial dunha formación teórica forte
Para Vasquetto, o que hai que plantearse non é que haxa un problema de falta de alimentos ou de baixa produtividade. O que hai, a xuízo do técnico, é un problema de distribución. “O caso máis claro é Arxentina, onde producimos unha cantidade de alimentos 9 veces maior que a superficie da que dispoñemos, pero temos un 40% da poboación que ten moi difícil o acceso a eses alimentos. Repito: trátase de distribuír, non de producir”.
Non creo que o noso modelo sexa pouco produtivo. En todo caso, non hai un problema de produción senón de distribución
Un dos aspectos que pode retraer á hora de pasar á gandería rexenerativa é o proceso de coñecementos que hai que adquirir. É un sistema de aprendizaxe continua e de observación permanente da natureza. Aínda que moitas das técnicas son ancestrais e só se trata de recuperalas. Polo xeral, en dous ou tres anos xa se acada o nivel de coñecemento mínimo necesario para poder aplicar estes manexos e obter rendibilidade, sinala o enxeñeiro.
Posibilidades de aplicación en Galicia
O clima, cun excelente nivel de precipitacións, e os solos favorecen o desenvolvemento da gandería rexenerativa en Galicia. Xunto co resto de comunidades da cornixa cantábrica, é un dos lugares máis acaidos. E tamén hai que ter en conta que as parcelas son reducidas, polo que a produtividade por hectárea -económica, social e ambiental- debe ser máxima.
O minifundismo é un rasgo do campo en Galicia. Iso non sempre hai que velo como un freo. O mellor é seleccionar ben con que especie e que raza de gando se vai traballar. Canto menos espazo teñamos, máis pequena deberá ser a especie coa que traballemos, segundo Vasquetto.
O minifundio galego pode ter un aproveitamento óptimo con técnicas de gandería rexenerativa
“Por exemplo, con 10 hectáreas podes ser un pequeno produtor de vacún, un produtor mediano de ovino e caprino ou un gran produtor de galiñas e polos. Incluso pódense combinar varias especies. Hai que ser creativos para aproveitar cada metro cadrado da mellor maneira posible.”

Xosé G. Freire, de Casa da Fonte, informou do seu modelo rexenerativo
A gandería extensiva non ten por que ir vencellada a producións ecolóxicas, biolóxicas, biodinámicas e outras etiquetas. Cada país e cada rexión ten os seus protocolos e criterios de certificación. “Nós traballamos con métodos que levan a que o terreo se rexenere. É o que nos diferencia. E aspiramos a que esa mellora se recoñeza legalmente”.
Con só 10 hectáreas podes ser un pequeno produtor de bovino, un mediano de ovino ou un grande de aves. E sempre rendible
Non hai ningunha especie que sexa mellor ca outra para dedicarse á gandería rexenerativa. Dependerá do mercado, do manexo, da superficie, da contorna…”Habitualmente, o bovino é o máis fácil de traballar e de comercializar; cun só fío eléctrico pódense manexar centos de vacas. Mais, insisto, dependerá do que queramos facer e como queramos facelo.”
No caso galego, o porcino é unha moi boa opción. Porque os porcos como o celta ou outras razas da península están moi adaptados á cría ao aire libre. Pero hai que medir moi ben os tempos de uso de cada parcela para que non acaben deixándoas secas por estar fozando demasiado tempo nelas. Co tempo xusto, criarán optimamente e axudaran os solos, valora Vasquetto.
Malia parecer técnicas antigas, o certo é que as da gandería rexenerativa son das que máis aproveitan as novas tecnoloxías. “O arame electrificado supuxo un avance enorme respecto das barreiras fixas tradicionais. O seguinte paso son os colares virtuais. Non hai dúbida de que o futuro pasa por aí.”, asegura o enxeñeiro.
Na Arxentina estamos a comprobar que a gandería rexenerativa serve como reclamo para frear a perda de relevo xeracional
En todo o mundo hai un problema de falta de relevo xeracional. En Galicia máis acusado, se cabe. Sen embargo, na Arxentina e noutros países a gandería rexenerativa está servindo para atraer xente nova, segundo Vasquetto. Porque é un modelo en comuñón coa natureza. E porque hoxe hai ferramentas e tecnoloxía que reducen enormemente a carga de traballo.
“O importante é que os actuais titulares estean dispostos a aceptar os novos métodos e técnicas que propoñen os mozos. Hai que darlles certa liberdade para que poidan desenvolver aqueles modelos que máis coincidan cos seus principios. Sempre, eso si, mantendo a rendibilidade económica. Se non, non ten sentido.”

O minifundio ofrece vantaxes para a gandería rexenerativa
Calquera proxecto de gandería rexenerativa pode espertar prexuizos e mesmo temores na contorna en que se instala. É algo habitual. “O meu consello para as persoas que desexen comezar neste sistema é que se asesoren con profesionais que xa o estean desenvolvendo e que coñezan o maior número de experiencias rexenerativas posible. Porque hai moitos modelos de éxito por todo o mundo. Tamén en Galicia.”
Afondar no modelo
A de Casa da Fonte foi unha xornada teórica e práctica na que se abordaron os aspectos que caracterizan a gandería rexenerativa e os seus condicionantes. Pastoreo intensivo, diversificación de especies animais, peche de parcelas, rotación de cultivos e pastos ou manexo do gando para a rexeneración medioambiental e a mellora da rendibilidade foron aspectos teóricos abordados na xornada.
Na parte práctica, púxose énfase na xestión e manexo dos pastos e forraxes, na recría e cebo dos animais, nas capturas de carbono ou no manexo do gando en sistemas de cambio continuo de parcelas. O obxectivo era afondar no coñecemento de quenes xa practican a gandería rexenerativa e dotar de ferramentas a quen desexa iniciala.

Os participantes coñeceron diferentes modelos para delimitar os pastos con arame electrificado
Ademais, houbo unha demostración práctica de diferentes técnicas de uso de arames para o manexo do gando nos pastos. Son dispositivos de fácil emprego que permiten prescindir das estacas máis habituais e que poden levar dende un ata catro ou máis fíos.
Os dispositivos poden servir para calquera tipo de gando que se críe nas parcelas. E é que na gandería rexenerativa -e máis cando se traballa con pouca superficie- é preciso acotar os espazos con moita frecuencia e reducir o tempo de fixado dos arames é clave para optimizar a xornada e os recursos.
Casa da Fonte é unha das poucas ganderías galegas que combina aproveitamento bovino, porcino e avícola. Fano cun sistema de rotación similar aos empregados en experiencias rexenerativas que se están a desenvolver en América. A elaboración de produtos con destino ao consumidor final e a venda directa son outros sinais de identidade da granxa.
Pasos necesarios para deseñar e comezar un proxecto de agricultura rexenerativa
Galego









Control OJD