“Pasamos dun monte abandonado a un que coida a paisaxe e lle aporta valor á comunidade”

Entrevistamos á presidenta da comunidade de montes de Antas (A Lama, Pontevedra), con quen abordamos a implicación veciñal no monte e as decisións que tomaron na súa xestión

Publicidade

A comunidade de montes veciñais de Antas (A Lama, Pontevedra) protagonizou na última década un proceso de recuperación do seu monte, que pasou do abandono a unha ordenación modélica na que combinan usos forestais e gandeiros.

Falamos con Erundina Louro, presidenta da comunidade de montes, que nos fala do traballo desenvolto. “Todo comezou cando nos dixemos ‘non pode ser que perdamos o que é noso’. A partir de aí, todo foi botarlle moitas horas e moito amor, pola vinculación que temos coa aldea. Todo este proceso foi unha aprendizaxe continua. Non hai milagre, o milagre é ter a iniciativa, poder facelo e contar coas axudas para facelo”, resume.

– O voso monte veciñal pasou durante uns anos por unha situación de abandono. Cóntanos o que sucedeu e como decidistes recuperar a xestión.
– Recuperamos o monte para a comunidade no ano 2015 despois dun periodo de abandono de máis de 10 anos, desde o 2004. Foi por circunstancias que se deron, ligadas a un conflicto de lindes… Cando nos enteramos de que a Xunta estaba a punto de incoar un expediente para incluir o monte no Banco de terras, decidimos facernos cargo da xestión.

Comezamos entón todo o proceso administrativo para inscribir novos comuneiros, neste caso a maioría son comuneiras… E apostamos por unha diversificación do uso do monte, baseada sobre todo na xestión forestal, recuperando a paisaxe e optimizando os recursos económicos, porque non contabamos case con recursos.

– En que momento a actual xunta reitora do monte vos decidistes a poñervos á fronte da comunidade?
– Xa levabamos traballando en cuestións sociocomunitarias un tempo, logo tamén é un proceso vital, todas traballabamos, tiñamos as nosas profesións, e a verdade é que somos persoas moi vinculadas á aldea. Os nosos pais e os nosos avós intentaron soster este vínculo a pesar de que fomos estudar fóra.

Cando se deu o proceso da comunidade, de retomar todo este traballo, ao principio foi un “non pode ser que perdamos o que é noso”. A partir de aí iniciamos este proceso de convencer aos veciños casa por casa, tivemos moita axuda dos axentes forestais nese momento, e puxémonos a andar e aprender, porque ningunha de nós coñecía os limites do monte, nin as nacentes de auga… Sabiamos poucas cousas. Todo este tempo foi un proceso de aprendizaxe continuo.

“Botámoslle moitas horas e moito amor, pola vinculación que temos coa aldea e pola confianza en que isto é un traballo para o futuro”

Todo foi botarlle moitas horas e moito amor, non hai outra explicación… É a vinculación que temos co noso entorno, coa nosa aldea, e tamén a confianza de que isto pode ser un traballo a futuro. Sempre dicimos que traballamos para os que han de vir porque, realmente, os ciclos de corta forestal son os que son, e para algún de nós vainos pillar moi maiores, cando este proceso que estamos iniciando agora remate…

Antas, en A Lama (Pontevedra).

Antas, en A Lama (Pontevedra).

– Sodes unha comunidade e unha xunta reitora cunha presenza moi importante da muller. Explícanos como se foi configurando esa participación tan activa.
– Somos unha aldea moi vinculada á emigración, sobre todo a Latinoamérica, basicamente México e Brasil. Aquí sufrimos as diferentes ondas da emigración, tamén a Europa. Por iso, esta sempre foi unha aldea de mulleres e, curiosamente, na xunta reitora e na asamblea de comuneiros maioritariamente eran homes.

Na lei de montes, di que o comuneiro ten que ser o cabeza de familia e nós non podíamos entender que a asamblea fora maioritariamente masculina, cando as mulleres son as que traballan a terra e están aquí, dinamizando a aldea…

Entón, cando nos propuxemos darlle un xiro á comunidade, empezar de novo coa participación, co sistema administrativo, crear novos comuneiros e comuneiras, decidimos ir casa por casa e contarlles o que iamos facer. Así foi que elas tomaron a iniciativa de ser as comuneiras. Agora temos 92 persoas comuneiras, das que 83 son mulleres.

Iso fixo que sexan asambleas moi participativas e que esteamos moi presentes na vida activa da comunidade, creo que non hai volta atrás.

– Fálanos da evolución que tivo o monte desde que vós comezastes a xestionalo.
– Tiñamos o monte en absoluto abandono. Este é un monte que non tiña gando mostrenco, así que decidimos apostar por algún tipo de uso forestal e eliximos o piñeiro. Neste caso o ‘Pinus pinaster’ (piñeiro do país). Non temos unha gran altitude e pensamos que este tipo de madeira puidera evolucionar rápido. Cremos que é un monte moi bo, as árbores medran rápido e a idea é producir madeira de calidade. Fixemos convenios de xestión do monte con Finsa con esa orientación, para producir madeira de alto valor.

O acordo con Finsa penso que é beneficioso para as dúas partes. Nós conseguimos manter as plantacións en perfecto estado, cos tratamentos silvícolas axeitados e eles obteñen madeira de calidade. É moi importante esta colaboración porque todos gañamos e mantemos unha confianza mutua. Pensa que nós non temos traballadores na comunidade e, a parte do convenio con Finsa, só contamos coa asesoría dun enxeñeiro forestal e doutra empresa a nivel administrativo.

Piñeirais adultos e plantacións novas.

Piñeirais adultos e plantacións novas.

A maiores do que é a parte forestal, tamén iniciamos outras sendas, como recuperar as fincas agrarias para unha explotación de gando que temos cedida a unha persoa que vive na aldea, e apostamos por outros usos, como introducir cabalos de raza autóctona nas fincas que tiñan as plantacións máis crecidas, para que non perxudicaran as árbores. Isto axuda a manter o monte limpo.

– Como se reparte a superficie do voso monte, entre os distintos usos forestais.
– Temos unhas 500 hectáreas de monte, e sobre 250 están dedicadas a ‘Pinaster’. Facemos plantacións ordeadas, cunha masa circular de frondosas arredor (bidueiros e carballos) para previr a extensión de posibles incendios e para coidar a paisaxe.

Outras áreas con frondosas caducifolias son a zona da ermita, que ten un parque que usamos os veciños para a romería e lecer, e a ribeira do río, con carballeiras moi antigas nas que actuamos con poda e traballos de mantemento.

Logo tamén mantemos unha zona a eucalipto, que levaba moito tempo e non nos vimos capaces de reorientar.

– Os incendios son cada verán unha ameaza no monte galego. Tivestes moitos problemas nos últimos anos?, como xestionades a situación?
– O último incendio que tivemos foi ao pouquiño de asumir nós a xestión do monte, nunha plantación que tiñamos antiga. Perdemos 4 hectáreas e entendemos que o proceso de manter o monte limpo, con bos cortalumes e facendo traballos de mantemento no inverno, melloraría a prevención.

Os incendios son incontrolables para os que xestionamos o monte. O único que podes facer é ter o monte limpo, ordeado e con cortalumes

Levamos desde aquela sen ter ningún incendio, pero vivimos con angustia permanente cada vez que temos un verán seco. O tema do lume é un incontrolable para os que xestionamos o monte, o único que podemos facer é manter o monte limpo, ordeado, con bos cortalumes… Pero ás veces resulta complicado, sobre todo cando tes espazos que non pertencen á comunidade pegados a ti e que non teñen a mellor xestión, de cara á prevención de incendios.

– En canto ó gando que introducistes, a vosa idea é precisamente que contribúa á prevención de lumes…
– O gando utilizámolo principalmente para manter limpo o entorno da aldea. A aldea é un val, e no centro do val estaba todo o terreo agrario. A cuestión é que non quedaba ninguén que tivese gando para uso familiar e entón dedicimos habilitar dúas grandes fincas, convencendo ás veciñas para que cederan as súas terras agrarias para unha especie de banco de terras da propia comunidade, facendo dúas grandes fincas, unha de 40 hectáreas e outra de 80 hectáreas, que se utilizan para unha explotación de raza cachena.

“Non quedaba ninguén con gando na aldea e logramos que as terras agrarias en desuso se cederan para unha especie de banco de terras da comunidade”

Logo, polo monte, inicialmente non podiamos ter gando porque impedía o crecemento do piñeiro, pero agora que as plantacións están o suficiente crecidas para introducir gando, estamos metendo cabalos de raza autóctona cun rapaz da aldea, por zonas, para así manter o monte limpo e minimizar os custos dos traballos forestais.

– Tivestes recentemente repercusión porque madeira do voso monte rematou no pabellón español da Bienal de Arquitectura de Venecia. Vós traballades no monte precisamente coa idea de orientar parte da produción de madeira a usos de calidade, como o da construción…
– Esa é a nosa idea, que a madeira teña alta calidade, que sexa trazable e que repercuta en mellorar realmente a transición verde, contribuindo a novas formas de construcción e a reducir problemas como o do acceso á vivenda. Consideramos que temos moito que ofrecer como comunidade e que Galicia ten moito que ofrecer a este novo modelo de construcción, máis ecolóxica e sustentable. Penso que traballando conxuntamente podemos facelo.

– No voso monte veciñal, hai un proxecto dun parque eólico, que agora se atopa paralizado. Cóntanos como vivistes este proceso do parque eólico, desde o inicio ata a situación actual.
– O parque eólico estaría situado na parte alta, a menos de 500 metros da aldea. Non é un parque normal, son os aeroxeneradores máis altos que hai agora mesmo no mercado, terían máis de 250 metros de alto. Este proceso iniciouse en plena pandemia, cando non tiñamos oportunidade de consultar ningún tipo de información nin nos informaron en ningún momento ao respecto disto.

O parque eólico tería un impacto visual, de ruído e de sombras na aldea. As persoas que vivimos aquí temos dereito a ter calidade de vida

Cando nos enteramos, non nos quedou máis remedio que levar o caso do parque ao contencioso e rematar pendentes da resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. É un parque de tres aeroxeneradores que estarían situados moi preto das casas e que nos afectaría na zona dos accesos e nos quitarían bastante monte comunal. Por outra parte, a contraprestación económica que nos ofrecen, pensamos que roza a usura. Evidentemente, non nos quedou máis remedio que xudicializalo e actualmente o parque está paralizado.

O parque tería un impacto, visual, de ruído e faría sombras na aldea… Non cabe no noso modelo de xestión. Para nós, estes últimos dous anos están sendo con moito estrés porque esperamos a resolución do xuízo, fomos dando moitos pasos ao respecto.

Posteriormente a este parque da empresa Naturgy, tivemos novos proxectos de parques que afectan na aldea, na zona alta. Agora estamos en pleno proceso, publicouse hai uns días no Boletín Oficial de Pontevedra un proxecto de paso de liñas de alta tensión polo noso monte. Estamos continuamente sometidos a presión porque intentamos manter a nosa biodiversidade e a calidade de vida das persoas. É unha loita constante que nos minoriza a capacidade para traballar noutras cuestións propias do monte.

– Algo máis que queiras destacar, a modo de conclusión.
– Pois sinalar que o noso modelo non ten nada en particular, aséntase no traballo diario, na participación de todos, en apostar por un modelo de xestión forestal, de manter o noso monte en produción e respectando a paisaxe e usos que ten o monte comunal, de protexer a aldea e de aportar valor aos que vivimos nela. Consideramos que nestes últimos anos é un modelo que nos funcionou, ata chegar a nosa madeira á Bienal de Venecia.

“É importante a moratoria do eucalipto para manter a paisaxe e contribuír á transición verde”

Non hai milagre, o milagre é ter a iniciativa, poder facelo e contar coas axudas para facelo. Quixera tamén recordar que é moi importante a moratoria do eucalipto, que se queremos conservar a paisaxe tradicional do monte galego, é moi importante apostar por especies autóctonas e contribuír a esta transición verde da mellor maneira posible, non enchendo o monte de aeroxeneradores nin de liñas de alta tensión que van minorizar a calidade de vida. Nós temos dereito a vivir coa mellor calidade de vida posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información