
“Levamos tres noites sen case durmir. Temos que vixiar que o lume non chegue os prados e naves onde temos as vacas e as ovellas. E defender os galpóns para o gando e os lugares onde temos os rolos de herba.” É o que di Javier Blanco, gandeiro de Maceda cunha explotación de vacas en extensivo. O lume afecta especialmente nesa zona montañosa da Serra de San Mamede onde conflúen os concellos de Maceda, Montederramo e Vilar de Barrio.
“Os gandeiros e o resto de veciños organizámonos para trasladar o gando hacia zonas seguras. Cada vez é máis complicado porque quedan menos lugares sen arder e hai que levar as vacas e ovellas a pé e máis lonxe. A maior parte dos traslados facémolos de noite, que -por desgraza- é cando máis se achega o lume ás áreas das explotacións.”, engade Blanco.
No lugar de Cova arderon vivos varios xatos e queimouse por completo unha nave. O gando que pace en Cabeza de Manzaneda quedou sen lugar de cría. E, precisamente na estación de Cabeza, había piñeiros de máis de cen anos que foron pasto das lapas. Por outro lado, hai centos de animais que están desaparecidos e vaise tardar días en dar con eles, se é que aparecen. Son só algúns dos danos dos que dan conta os veciños destes concellos. E eso que aínda non comezou o balance oficial, que pode ser dramático.
O prioritario é acabar co lume. Pero, cando fagamos balance, as perdas en todas as ganderías van ser enormes e difíciles de recuperar. (Javier Blanco. Maceda)
Fernando Álvarez ten unha explotación de vacas de leite na Mata, en Manzaneda. Di que, lamentablemente, foi espectador de luxo de todo o que aconteceu no seu concello. “Nesta zona do Val do Bibei fomos librando porque forma como un pequeno oasis, pero dende aquí viuse perfectamente como o lume ía avanzando e avanzando e como obrigou a desaloxar vivendas, explotacións e gando. En cousa de días perdeuse o noso patrimonio natural e histórico.”

Ducias de instalacións gandeiras foron arrasadas polas lapas
Este gandeiro produtor de leite de vacún en pastoreo asegura que a carga de fume que se soporta estes días vai ter efectos en todo o ecosistema. “Non é só o fume. Tamén está a cinsa que queda no ambiente. Houbo momentos en que parecía noite do cargado que estaba o aire. Tragar e respirar todo eso vai ter efectos no gando igual que os ten nas persoas.”
A familia de Xabier Fernández ten unha explotación de vacas en Chandrexa de Queixa. Di que nunca se viu nada igual. “Sábese que hai moita afectación pero non se sabe canta. Tardaremos días en poder facer balance das perdas. Pero os danos vanse notar durante anos. Hai moitos sitios que arderon porque son totalmente inaccesibles.”
Xabier cre que, se non chove e acaba por arder a zona do seu concello que toca con Castro Caldelas, poderase afirmar que terá ardido o 85% do concello de Chandrexa de Queixa, un dos cinco máis grandes de Galicia.
Pero a grande preocupación dos criadores de vacas, ovellas e cabras do macizo ourensán está nas forraxes e nos pastos. En moitas zonas arderon os rolos que se almacenan nos prados e á beira das naves. E houbo centos de prados que arderon enteiros. O problema é que neses prados non se vai poder entrar nun período aínda por determinar e os rolos que arderon xa só se poden substituír acudindo ao mercado.
A normativa prohibe incluír na PAC os terreos que arderon e mesmo pacelos. Que vai pasar cos gandeiros que lles arderon o 100% das leiras?. (Xabier Fernández. Chandrexa de Queixa)
Zamora e León son os mercados recurrentes para os gandeiros desta zona cando hai desabastecemento de alimentos para o gando. Agora os lumes están afectando duramente tamén nesas provincias polo que a forraxe vai escasear, terá que vir de lonxe e haberá que pagala a prezos moi elevados. Tamén hai casos de granxas que salvaron as forraxes pero perderon as praderías, de xeito que terán que abrir os silos moito antes do previsto, co conseguinte descadre.

Os gandeiros tiveron que poñer a salvo do lume moreas de rolos de herba
Hai preocupación entre os gandeiros das zonas afectadas polo que vaia pasar nos vindeiros meses coa PAC. “A normativa prohibe expresamente incluír nas solicitudes da PAC parcelas que arderon. E aquí houbo a quen lle ardeu o 100% da superficie. Que vai pasar con esas persoas? Van perder as axudas? Que pasa se estaban adscritas a ecorreximes? E non esquezamos que as restricións son maiores en terreos en pendente, como son aquí case todos”, di Fernández.
Outro efecto colateral dos lumes está na fauna salvaxe. “Os xabarís que había nos montes e que sobreviviran ás lapas van baixar e van buscar o alimento que estea dispoñible. Nestas zonas lindeiras con Monterrei e coa Ribeira Sacra van ir directos a polas uvas, que xusto comezan a madurar. E tamén entrarán no millo e en todos os cultivos desta época final do verán. Ou pode baixar o lobo e haber ataques no gando. A baixada da fauna salvaxe hacia terreos nos que non estaba presente é unha consecuencia lóxica de todo este lume.”, indica Fernando Álvarez.
Pola orografía en pendente e pola abundancia de cauces fluviais, hai a preocupación polo efecto que poidan ter as chuvias cando cheguen. E máis se son torrenciais, xa que arrastrarán moita cinsa e residuos vexetais ata os ríos deixándoos enlamados. Por non falar da erosión que se pode intensificar nas leiras adicadas ao gando.
Javier Blanco cre que houbo falta de coordinación, polo menos, nos primeiros días do lume. “Había medios suficientes para atallalo e incluso nos peores días non se pode negar que se enviaron efectivos. Pero notouse moito que non estaban coordinados. Deu a sensación de que se actuaba con certa improvisación e sen obxectivos claros. E eso acabou influíndo moi negativamente.”
Ano tras ano veñen denegadas as solicitudes para queimas en inverno que serían medidas preventivas eficaces. Non se entende por que. (Xoan González. Vilariño de Conso)
Para Fernando Álvarez, todo o que se escoita sobre prevención é certo pero non se aplica. “Estamos cheos de oír que os incendios se evitan no verán, que o gando é o mellor limpador dos montes, que as frondosas e os cultivos non arden ou que é preciso establecer cortalumes escalonados. Todo eso sabemos que é certo, pero non se fai. O que non sabemos é por que non se fai. Ás veces parece que hai unha estratexia planificada para acabar coa presenza dos gandeiros nesta zona.”

Os incendios levaron por diante a maioría dos pastos rústicos
Xoán González, gandeiro de ovella galega en Vilariño de Conso sinala outra causa posible para que os lumes se espallaran con tanta intensidade por todo o macizo ourensán. “Levamos moitos anos solicitando queimas de inverno. Son un método do máis efectivo e seguro para desfacerse da maleza que pode arder no verán e para beneficiar o subsolo no momento máis axeitado. E, sen embargo, todos os anos veñen denegadas as solicitudes polas razóns máis impensables. Pois agardemos que co acontecido cambien o rumbo. Aínda que agora xa queda pouco que salvar.”
A falta de coordinación, de medidas ao longo de todo o ano e mesmo de efectivos fai pensar que nos someten a un abandono planificado. (Fernando Álvarez. Manzaneda)
A opinión de Xabier Fernández vai na mesma liña. “Hai que ter unha planificación todo o ano. Non pode ser que entre Manzaneda e Laza haxa un monte continuo sen un só cortalumes. Estes días vimos bulldozers facendo sucos en zonas que xa arderan polos dous lados ou pendurados en precipicios. Os lumes extínguense cando xa non teñen máis que queimar. Por eso hai que crear espazos polos que non poida avanzar.”
Agora os afectados dos lumes temen que, malia a extrema gravidade do acontecido, os incendios e os seus efectos queden esquecidos en poucas semanas. “Nós traballamos nunha contorna moi difícil e illada, cuns métodos totalmente sustentables e respectando o medio ambiente. E, aínda que parecería lóxico que se nos apoiara, o certo é que estamos nun total abandono e por eso pasan estas cousas. Para desbrozar, podar ou facer calquera outro manexo da nosa terra póñennos trabas. Pero despois non se coida o que é de todos e pasa o que pasa.”, di Fernando.
A única parte boa que percibiron todos estes gandeiros durante os incendios foi a solidariedade que segue existindo entre os veciños. E é que esa está a ser clave para salvar boa parte do patrimonio das explotacións. Todos os tractores e cisternas están traballando a reo para levar auga nas zonas onde máis se precisa e tamén se están a facer cortalumes coas palas para evitar, sobre todo, que o lume chegue a pastos e instalacións. Aínda que non estean directamente afectados, os gandeiros están a pasar as noites colaborando para salvar todo o que se poida das casas e granxas nas que si chegou o lume.
Unha carga tan grande de fume e cinsa, xunto coas altas temperaturas, afectan os viñedos lindeiros co lume. (Iván Álvarez. Adegueiro de Oímbra)
Os incendios forestais tamén chegaron a terreos da Denominación de Orixe Monterrei. Un dos focos mesmo mantivo pechada por espazo de dúas horas a vila de Verín e en Oímbra resultaron feridos de diversa consideración catro bombeiros. Precisamente en Oímbra foi onde máis afectados resultaron os viñedos por causa das lapas, as altas temperaturas e o fume.

O lume e o fume eran visibles dende toda a D.O. Monterrei
Iván Álvarez, da Adega Triay, no lugar de O Rosal, explica que tanto as instalacións como boa parte do viñedo estiveron coas lapas a pouco máis de 200 metros. Eles tiveron sorte, pero algúns dos seus veciños non tanta. “Estivemos sen durmir polas noites porque o lume viña polo norte e polo oeste. Puxémonos a disposición dos servizos de extinción para o que fixera falta. Por desgraza, nalgúns viñedos desta zona foi imposible atallar o lume e acabaron prendendo.”, explica o viticultor.
Triay sinala tamén que o exceso de calor perxudicou os viñedos. “Aquí estamos afeitos ás altas temperaturas os veciños e as videiras. Pero desta volta non é normal. Levamos todo o verán encadeando vagas de calor extremo. E estes incendios chegaron no medio dunha delas. A uva quere calor no mes de agosto, aínda que tanta non semella que vaia ser boa cousa.”
A cantidade de cinsa e de fume que se desprende duns incendios que exceden dos tres días acaba inevitablemente pousándose nos viñedos. En principio, as chuvias que se deberan producir antes da vendima servirán para lavar o froito. De non ser así, podería producirse o “smoke taint” ou “sabor a fume”, un fenómeno que afecta o viño pola presenza de elementos químicos no fume e na cinsa.
Aínda que a uva quere calor en agosto, levamos demasiadas vagas de calor concatenadas e a temperatura que mete o lume é negativa
“Aquí o principal problema pode estar nas viñas que están máis preto dos focos dos incendios. Esas temperaturas tan elevadas é como se coceran a uva e, aínda que sobreviva, o seu estado non vai ser o mellor para transformala en viño.”, di Triay.
Tamén en Monterrei a solidariedade entre veciños foi a tónica predominante e os donos de tractores, cisternas, desbrozadoras ou excavadoras non dubidaron en saír con elas para axudar as familias en risco e para protexer os viñedos e demais instalacións agrícolas. Tamén aquí agardan en que a súa desgraza non se esqueza ao cabo de poucas semanas.
Galego









Control OJD