A robotización avanza imparable na produción láctea e o tamaño da explotación xa non ten por que ser un factor limitante para a súa implantación. As ganderías galegas Pradedo de Arriba SC (Guntín), M. Barreal Augalevada SC (Láncara) e Sat Vilamaior de Negral (Guntín) confiaron no batch milking da empresa DeLaval para a modernización do seu sistema de muxido.
“Levamos fabricando robots de muxido máis de 25 anos e aproveitando todo ese coñecemento, DeLaval decidiu trasladalo ás necesidades de grandes rabaños”, explica Antonio Lenza, delegado da marca para a zona noroeste. “Desde hai 5 anos instaláronse máis de 100 sistemas de muxido por lotes (batch milking) en granxas europeas”, detalla.
Batch milking, a solución de muxido robotizado para grandes explotacións
En Galicia, unha das pioneiras é Gandería Pradedo de Arriba SC, que instalará esta primavera un batch milking con 12 robots e con previsión de 2 máis a curto prazo. Queren muxir 700 vacas.
“É necesario ter en conta variables como número de muxidos (2 ou 3) e número de horas dedicadas ao muxido na granxa. Nun sistema de batch milking, podemos muxir entre 8 e 10 vacas por hora en cada robot, polo que para muxir 700 vacas necesitamos 14 máquinas”, explica Antonio, que detallou as características dos batch milking nunha recente xornada desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Lugo (USC).
Gandería Pradedo de Arriba SC instalará un batch milking con 14 robots, que permite muxir 700 vacas
O batch milking DeLaval é deste xeito a solución de muxido robotizado para grandes explotacións. O robot é o mesmo para muxido robotizado en instalación convencional que para batch milking, o modelo V300, o único que varía é a súa disposición e a configuración de elementos, como a sala de espera.

Instalacións da gandería M Barreal Augalevada SC en Lancara, que apostou polo batch milking de DeLaval
A partir de 360 vacas en muxido
A instalación de robots de muxido reduce a necesidade de man de obra nas granxas, pero condiciona en parte o seu crecemento. Por iso, a alternativa do batch milking ou muxido robotizado en grupo, permite maior flexibilidade.
Calcúlase que ata un 5% das vacas non acoden voluntariamente a muxirse aos robots
“Á hora de robotizar o sistema de muxido, é necesario pensar no futuro, cantas vacas teño hoxe e cantas vou ter mañá. Cando pasas de 6 robots, atendelos xa ocupa plenamente a unha persoa, que debe dedicar toda a súa xornada laboral a ir buscar ás vacas que non veñen muxirse voluntariamente (ata o 5% de vacas en cada robot). Por iso, normalmente ao pasar de 6 robots, a partir de 360 vacas en muxido, xa é aceptable pensar nun batch milking”, valora Antonio.
Vantaxes do sistema de batch milking
En explotacións de gran tamaño, a instalación batch milking ten vantaxes respecto da colocación de robots de muxido convencionais nos distintos lotes. Unha delas ten que ver co espazo que ocupa nas naves.
“Un robot ocupa 24-25 metros cadrados e unha sala de espera cómoda outro tanto. En total serían uns 50 metros cadrados por robot dentro da corte. Poden prescindirse dalgúns cubículos para montalo, porque existe rotación de animais, polo que non se necesita ter igual número de cubículos que de animais, pero a ocupación do espazo nun batch milking é menor, xa que en 60 metros de longo podemos colocar 16 robots e poden ir nunha nave adxacente, sen restar capacidade de camas á corte”, destaca Antonio.
En comparación, as rotativas convencionais e as robotizadas necesitan máis obra e máis espazo
Outra vantaxe clara do batch milking con respecto á instalación de múltiples robots individuais é que non representa un cambio para o funcionamento das granxas que traballan con empregados a quendas en muxido en sala. Ademais, facilítanse labores como o encamado ou o mantemento dos cubículos.
As máquinas representan a arte da repetición e un problema frecuente das granxas grandes é precisamente lograr manter sempre a mesma rutina de muxido na sala
“O sistema de movemento dos animais é idéntico a unha sala de muxido convencional, pero a vantaxe é que a rutina de muxido fana máquinas e, por tanto, fana sempre igual, polo que a saúde de ubre mellora. Un problema das granxas grandes é precisamente manter sempre a mesma rutina na sala. Os operarios, neste sistema, tan só teñen que mover aos distintos lotes á sala de espera e unha vez alí pódense mesturar vacas de distinto lote, a condición de que os retornos estean automatizados”, explica.
O muxido en lotes non obriga a cambiar a organización en cortes que traballan con empregados a quendas
A respecto das salas rotativas, o responsable de DeLaval explica que a instalación do sistema de batch milking é máis sinxelo e require de menor obra, á vez que permite adaptar o número de muxidos á produción dos animais. “Podemos facer un muxido máis no lote de vacas máis produtoras, recentemente paridas ou en pico de lactación e un muxido menos ás de baixa produción”, exemplifica.
Deseño das instalacións
O sistema de batch milking consta de distintas partes: a zona de robots, a sala de espera, unha área de separación tras o muxido, a parte do cortello onde se atopan os distintos lotes e os corredores de acceso ao batch milking e de retorno.
“Para que todo funcione correctamente os distintos espazos teñen que ser proporcionados e estar dimensionados correctamente”, explica Antonio, que recomenda que a zona de muxido debe estar preto do tanque de frío para evitar grandes distancias no bombeo do leite.
Existen varias colocacións diferentes dos robots no batch milking en función da configuración da granxa: en liña, en semi círculo e en dobre liña
Existen distintas posibilidades para buscar a mellor localización dos robots en función da configuración da granxa, con distintas colocacións das máquinas de muxido: en liña (recomendado para 6-12 VMS), en dobre liña (para 24 VMS) ou en semi círculo (para 12-18 VMS).

Antonio Lenza e Luis Castro, nas xornadas celebradas recentemente na Escola Politécnica de Lugo.
Tempos de espera máximos de 45 minutos
A área de espera ten que estar adaptada ao tamaño dos lotes. Recoméndanse 2,3 metros cadrados por vaca, fronte aos 3-4 m2 por vaca para o 10% do grupo ou lote, en cortes con robot individual.
“En base ao tamaño dos lotes hai que dimensionar a sala de espera e o número de robots necesarios. Recomendamos que as vacas non estean máis de 45 minutos na sala de espera (tempo máximo sen comida, auga e descanso) en caso de facer tres muxidos e unha hora facendo dous”, indica Antonio.
Recomendamos non menos de 2,3 metros cadrados por vaca na zona de espera
En caso de zonas de espera moi grandes, pódense instalar portas elevables e portas múltiples unidireccionais (finger gates), así como empuxadores, para achegar ás vacas aos robots de muxido. Son tamén interesantes outros dispositivos luminosos. “Os animais aprenden. En Italia pensouse en colocar unha luz en cada robot que se acende cando este queda libre. Inicialmente estaba pensado para facilitar o labor dos empregados, pero tamén serve para as vacas, que ven a luz e corren a muxirse cando un robot queda libre. É impresionante, pero é así”, explica.
Outra clave para lograr un muxido fluído son os accesos. “Debemos ter corredores amplos tanto para a carga como para o retorno. As zonas de tránsito teñen que estar ben dimensionadas, cun corredor de ida de polo menos 3 metros de ancho e o de retorno de 1 metro, que é a anchura necesaria para poder intercalar as portas intelixentes”, indica Antonio.
O corredor de carga debe medir polo menos 3 metros de ancho e o de retorno 1 metro
Estas portas de selección fan que a vaca, en función do lote ao que pertence, retorne de forma automática á súa zona da corte e minimiza deste xeito as necesidades de man de obra. Para que o fluxo de circulación sexa adecuado, cobra vital importancia a saúde podal do rabaño, mediante o recorte de pezuñas e o uso frecuente de pediluvios.
As áreas de separación tras o muxido son un elemento útil para facilitar o manexo na granxa. Permite, por exemplo, apartar vacas con muxido incompleto, animais en celo ou aqueles que necesitan algún tipo de atención ou tratamento.
Seguinte paso: a robotización da alimentación

Sistema de alimentación automática DeLaval OptiWagon
“O gandeiro pasaba tradicionalmente o 40% do tempo no muxido, iso foise corrixindo nos últimos 20 anos grazas aos robots. O seguinte paso é robotizar a alimentación, que é a segunda tarefa que máis tempo require nas explotacións”, asegura Luís Castro, responsable de produto de DeLaval para España e Portugal.
DeLaval ofrece dúas opcións para automatizar a alimentación: OptiMat, fácil de adaptar ás granxas existentes con pouco espazo, e OptiWagon, mediante vagonetas de alimentación autónomas, onde se elimina o factor humano e pensado para granxas máis grandes.
A alimentación é a segunda actividade, tras o muxido, de maior consumo de tempo nas explotacións
O investimento inicial de instalación do sistema de alimentación autónoma DeLaval OptiMat Master rolda o medio millón de euros, lixeiramente superior ao prezo dun carro autopropulsado (350.000 euros), pero permite reducir notablemente os gastos de man de obra, mantemento e horas de traballo, polo que “cando se calculan os gastos anuais e o prezo de compra do sistema, ao terceiro ano OptiMat Master resulta máis económico que outras solucións de alimentación”, afirma Luís.
Eficiencia alimentaria e robotización do muxido son dous conceptos que están intimamente relacionados, pois ambos perseguen o mesmo obxectivo: lograr a máxima produción.
“As vacas producen cada vez máis e os robots están preparados para asumir e favorecer ese aumento da capacidade produtiva dos animais. Non son o factor limitante; o límite non está relacionado coa tecnoloxía, senón co propio animal, o seu avance xenético e a mellora en aspectos como a produción forraxeira ou a alimentación”, asegura.
O papel do concentrado no muxido robotizado
A dosificación personalizada de materia seca a cada vaca na ración que permite o muxido robotizado, mediante o punteo individualizado de penso segundo produción ou días en leite, é unha ferramenta poderosa para lograr unha alimentación de precisión.
Porén, o papel do concentrado é distinto nun robot convencional ou nun batch milking. No robot convencional é un incentivo fundamental para que a vaca vaia ao robot, polo que a cantidade dispensada debe ser maior, mentres que no batch milking o penso ten menor importancia e convértese nun mero aliciente para a vaca.
Hai que facer un seguimento do consumo para asegurarnos de que o animal come a ración asignada
“Nun robot de muxido achéganse cantidades variables e máis elevadas de ata 6-8 kg en vacas máis produtivas, mentres que o habitual no batch milking é de 0,5 a 1 kg por vaca, aínda que hai outros gandeiros que aplican a mesma táboa de produción que nun robot convencional”, destacan os técnicos de DeLaval.
A innovación, o ADN de Delaval
A empresa de orixe sueca DeLaval, actualmente pertencente ao Grupo Tetra Laval e con sede en Suíza, acumula máis de 130 anos de experiencia innovando na produción láctea, desde que un visionario, Gustav de Laval, patentou en 1878 unha centrifugadora capaz de separar o leite da manteiga e a partir de 1918 puxo en marcha a primeira máquina de muxido.