Participación galega na protesta en Bruxelas polo acordo co Mercosur e a futura PAC

Unións Agrarias e Asaga tiveron presenza na mobilización desenvolta hoxe na capital belga

Participación galega na protesta en Bruxelas polo acordo co Mercosur e a futura PAC

O sector agrario europeo protagonizou hoxe unha protesta en Bruxelas cun triplo obxectivo: mantemento de fondos europeos para unha futura PAC 2028 – 2034, simplificación da normativa e cambios no acordo co Mercosur. A mobilización contou con presenza galega, tanto de Unións Agrarias, que desprazou unha delegación con participación do seu secretario xeral, Roberto García, como de Asaga, coa participación do seu responsable, Francisco Bello.

Desde Unións Agrarias sinalan que avogan por unha futura PAC forte, que se manteña como unha política comunitaria con suficientes fondos, e cuestionan o acordo UE – Mercosur, no que piden cláusulas de salvagarda para os produtos máis sensibles e claridade sobre os controis a executar.

Á organización agraria preocúpalle en especial que nun futuro próximo se atope nos supermercados carne procedente de Brasil ou Arxentina moi por debaixo dos custes de produción que ten unha explotación galega. Unións cuestiona a gran diferencia de exixencias ambientais, laborais ou benestar animal que operan dentro e fora da Unión Europea.

Actualmente impórtanse 194.000 toneladas equivalentes en peso en canle, incluídos entre 100.000 e 120.000 T de cortes de solombo. As previsións co acordo UE-Mercosur: espérase que aumente a 293.000 T, o que supón 99.000 T adicionais, con entre 200.000 e 220.000 T de cortes de solombo. Nestes momentos, os cortes de solombo do Mercosur entran no mercado europeo a prezos entre un 18% y un 32 % máis baixos que os da produción europea, segundo o Institut de l’Élevage de Francia, advirte Unións.

Tamén a avicultura -opina Unións- vai sentir a influencia do acordo, xa que o continxente libre de dereitos previsto é de 180.000 toneladas que equivale a produción combinada de países como Finlandia, Suecia e Dinamarca. E no mel a liberalización é de 45.000 toneladas, a acadar en 6 anos.

Neste sentido, desde a organización agraria afírmase que tanto desde o punto de vista social, económico e mesmo nutricional, pensando nos consumidores, resulta imprescindible un control efectivo sobre a entrada de produtos e a colaboracións das grandes superficies para evitar as prácticas enganosas de facer pasar por carne galega aquelo que non o é.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información