As organizacións agrarias Coag e Asaja protagonizaron hoxe unha mobilización en Madrid contra o preoacordo do tratado de libre comercio entre a UE e MercoSur (Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai). Por parte galega, estiveron o Sindicato Labrego e Asaga, pois entenden que o posible Tratado prexudica ó agro galego.
Unha cuestión clave que demanda o sector agrario é que haxa cláusulas espello nas esixencias normativas para os alimentos que cheguen de Sudamérica, en especial en cuestións de fitosanitarios, benestar animal e normativa ambiental e social.
Desde o Sindicato Labrego consideran que o tratado suporía un risco para a saúde pública dos europeos. Como exemplo, sinalan que “o 37% dos pesticidas empregados neste países do Mercosur serían ilegais na Unión Europea”.
Por parte de Asaja, Pedro Barato apunta na mesma liña: “No nos importa competir siempre que lo hagamos con las mismas reglas del juego, porque este acuerdo no contempla ni la reciprocidad, ni las cláusulas espejo”, valorou.
O Sindicato Labrego, pola súa banda, incide ademais na necesidade de buscar “sistemas alimentarios sostibles” e considera que este tipo de acordos só favorecen os “modelos agroindustriais”, á vez que representan unha competencia desleal en Europa. A organización pronostica ademais que o tratado levaría a unha caída dos prezos no campo europeo.