Parroquias prioritarias que deben executar franxas de protección contra o lume

Medio Rural define unha serie de criterios para emprender a defensa dos núcleos de poboación fronte ós incendios forestais. Anuncia que negociará un acordo cos municipios para apoialos económicamente nos traballos

Parroquias prioritarias que deben executar franxas de protección contra o lume

Un axente medioambiental coloca un aviso nunha parcela en relación á creación de franxas de protección sen arborado. / Arquivo.

A vaga de lumes do pasado outono, que causou catro mortes e danos en 158 vivendas, está a cambiar o ‘chip’ en Administracións e propietarios forestais. A Lei de Prevención de Incendios regula desde o 2007 as franxas de protección contra o lume que deben ter os núcleos de poboación, pero é agora cando Xunta, Concellos e propietarios comezan a tomarse a tarefa en serio. Medio Rural xa definiu unha serie criterios para determinar en que parroquias haberá que priorizar os traballos.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, anunciou hoxe que negocia un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias para apoiar ós Concellos na creación das franxas de protección. As prioridades de actuación marcadas por Fernández Couto apuntan ás 77 parroquias de alta actividade incendiaria que hai en Galicia e a tódalas parroquias nas que se declarasen incendios de nivel 2 -con perigo para casas e persoas- nos últimos dez anos, con maior atención, en primeiro termo, ós lumes do pasado ano.

A Xunta prioriza a prevención en parroquias de alta actividade incendiaria ou que estivesen afectadas por lumes de nivel 2

Outro criterio a considerar é o das parroquias das costas coruñesa e de Pontevedra expostas ós ventos do Nordés e que presenten unha actividad incendiaria tradicional. “Este é o plantexamento e a idea é que de xeito progresivo, nos próximos anos, haxa un número cada vez maior de parroquias e Concellos que acometan a creación de franxas de protección”, valorou Fernández Couto.

A estratexia a seguir, desde a perspectiva de Fernández Couto, pasa polo deseño de plans municipais de defensa contra incendios forestais, nos que se debe planificar a delimitación das franxas de protección.

Lexislación
A normativa autonómica establece que en torno a núcleos de poboación e vivendas illadas deberá crearse unha franxa de protección de 50 metros, que terá que estar rozada a 30 de maio de cada ano e libre de piñeiros, eucaliptos e acacias. Si poden existir frondosas caducifolias (castiñeiros, cerdeiras, etc.), sempre que haxa unha axeitada separación entre as árbores, cunha densidade inferior a 200 pés por hectárea.

“É preciso promover que estas medidas se realicen na práctica” -sinalou hoxe en rolda de prensa Fernández Couto.- “Este ano cambiamos a lexislación a través da lei de acompañamento dos presupostos para facilitar a vía da execución subsidiaria por parte das Administracións. Como moitas veces é difícil localizar ó propietario dunha parcela por cuestións de partillas ou herdanzas sen dividir, poderanse publicar esas parcelas coa súa referencia catastral no Diario Oficial de Galicia para darlle 15 días de prazo ós propietarios. No caso de que non se subsane a situación, hai posibilidade de sancións e da retirada do arborado por parte das Administracións, con decomiso da madeira cortada”, sinala o director xeral.

A Xunta tamén manifestou a posibilidade de acordos dos Concellos cos propietarios para a execución dos traballos.

Vías de comunicación
Medio Rural apunta tamén que está en contacto coas empresas concesionarias de autopistas, vías férreas e redes eléctricas para que manteñan limpo de biomasa o terreo esixido pola normativa. Fernández Couto lembra que tamén os propietarios forestais teñen que respetar un espazo libre de vexetación en relación á franxa de dominio público destas infraestruturas.

“A autopistas e estradas, a distancia no caso de piñeiros e eucaliptos ten que ser de 10 metros” -lembrou.- “En ríos cun ancho superior a 2 metros tamén hai que deixar a cada lado 15 metros sen piñeiros e eucaliptos. Isto ten que ver coa creación de discontinuidades no territorio e con reducir os riscos de propagación de lumes de copas”, explicou.

Críticas ó Plan de Defensa contra Incendios 2018

A Xunta presentou hoxe ante o Consello Forestal de Galicia o documento do Plan de Defensa contra Incendios 2018 (Pladiga), no que anuncia novidades en relación ó pasado ano. Medio Rural destaca que este ano incorpora 34 cámaras ó dispositivo de vixilancia, que se suman ás 44 torres operativas con persoal. En extinción, haberá 30 medios aéreos e 5.700 persoas. Desde o sector forestal asistiuse ó Consello Forestal coa resignación de “escoitar o mesmo de tódolos anos”, segundo se sinala desde as organizacións do sector.

O conxunto do sector fixo unha declaración conxunta no Consello Forestal na que demandou, un ano máis, cambios no Pladiga. Pediuse un Plan que fixera un balance de resultados do ano anterior, pois no Pladiga 2018 “non hai mención á vaga de lumes do 2017”. O sector tamén bota de menos unha análise das características das superficies afectadas polos lumes no tocante a cuestións como a propiedade e xestión ou as especies e usos dominantes.

Pediuse ademais que se fixera un balance de danos dos incendios do ano anterior, tanto a nivel económico coma ambiental, incluíndo unha valoración dos custos de restauración dos espazos afectados. En canto á persecución dos incendiarios, demandouse igualmente un seguemento da Xunta das detencións e condeas producidas.

“É unha falsidade dicir que queremos privatizar os montes veciñais”

Tomás Fernández Couto.

Tomás Fernández Couto.

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, aproveitou a rolda de prensa de presentación do Pladiga para defenderse das críticas que recibiu da Organización Galega de Comunidades de Montes. A lexislación permite desde este ano que os montes veciñais que sexan declarados en estado de grave abandono poidan ser cedidos durante 50 anos por medio do Banco de Terras. A Organización Galega interpreta esta normativa como unha “privatización encuberta”.

Desde a perspectiva de Fernández Couto, as acusacións de privatización son unha falsidade. “Aproveitan que o Pisuerga pasa por Sevilla, non por Valladolid, para crear confusión” -valora-. “Se un monte leva 20 anos sen xunta rectora activa é que está nun abandono absoluto e temos que actuar. A cesión de 50 anos por medio do Banco de Terras non terá porque ser a unha empresa. Pode ser a outro monte veciñal, a unha asociación de propietarios ou a unha cooperativa”, detallou.

4 ideas sobre “Parroquias prioritarias que deben executar franxas de protección contra o lume

  1. Gamela

    Dende que o Pisuerga pasa por Sevilla, Galicia deixará de ser Galicia grazas a esta BARBARIDADE : en torno a núcleos de poboación e vivendas illadas deberá crearse unha franxa de protección de 50 metros, que terá que estar rozada a 30 de maio de cada ano e libre de piñeiros, eucaliptos e acacias.

    Con esta xente Pondal non podería ter escrito QUEIXUMES DOS PINOS (estarían todos cortados a rente!)

    Contestar
  2. María do Outeiro

    Está claro que despóis do desastre de Portugal e de Galicia en outono, algo hai que facer. O que antes daba gratis a actividades, que era a protección dos lugares co cinturón de veigas e hortas en producción, o hai que conseguir agora desbrozando. E as carreteras teñen que ser lugares seguros de evacuación en caso de incendio catastrófico. Agora ben, esa franxa de terreo haina que expropiar e pagarlla ao seu propietario. ¿A plataforma para facer a carretera, a ceden os propietarios voluntariamente, ou se expropiou? Pois si agora resulta que por seguridade hai que coller máis terreo aon longo das carreteras, haberá que pagar esa servidume ao propietario….. Calquera día deixan de obrigar a FENOSA de limpar os tendidos, e que o fagan os propietarios do terreo….. Pois o mesmo.

    Contestar
    • Gamela

      Levas moita razón, a FENOSA ninguén lle anda a ver se fai o non fai os traballos de limpeza nos cortalumes das liñas de alta tensión (amén de que normalmente pasan por riba das fincas sen máis). Pero se deixamos 50 metros entre cada casa e o monte Galicia vai quedar coma un DESERTO !!!

      Contestar
  3. tomas

    Hola, pois nada cumprir a lei de distancias e tal seguramente faga que non se corte o tráfico ou que non ardan casas que está moi ben que non ardan, pero o monte seguirá ardendo,

    Con todo o bosque non é un xardín non que non hai as “malvadas silvas toxos e xestas” ter ten que habelos, o que si e que quizais hai que fixarse que non haxa continuidade entre as ramas das xestas e as polas das árbores , non encher o bosque de especies despois a resina arde moi ben o eucalipto unha vez suba o lume as copas non hai quen o pare e os carballos pese a crear un ambiente máis humido pois tamen acaban ardendo,

    O mellor plan o final séra que chova

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información