“Parece unha incongruencia pero para que unha raza en perigo de extinción se salve hai que comela”

Francisco José Monasterio é directivo da federación de razas autóctonas Boaga e socio fundador de Avimós, a asociación de criadores de galiña de Mos, que preside desde o 2006. Repasamos con el a situación da única raza de galiña autóctona recoñecida até o momento en Galicia e algunhas das demandas dos produtores, como a autorización das salas de mantanza domiciliarias

Francisco José Monasterio no seu galiñeiro en Mourence, en Vilalba

Francisco José Monasterio no seu galiñeiro en Mourence, en Vilalba

Sete criadores decidiron no ano 2001 fundar Avimós e iniciar o camiño da recuperación dunha raza de galiña autóctona que estivera presente en toda Galicia pero que practicamente quedaba reducida xa a unha pequena zona da Terra Chá, en torno á parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei, de onde toma o nome a primeira raza avícola recoñecida polo Ministerio de Agricultura, e a primeira de toda España que obtivo tamén o distintivo de Autóctona 100%.

– Por que é diferente a galiña de Mos?
– As aves din que proceden todas de Asia, pero a avicultura entrou na península Ibérica de dúas maneiras distintas e por dúas vías distintas: unha entrou polo sur de España a través dos gregos, os romanos e os fenicios, que xa traían como animal de consumo as galiñas e outra entrada foi polo norte, cos bárbaros, os vándalos, os suevos e os celtas, que non as traían como animal de consumo, senón como animal de pelexa. Non as comían, usábanas só como divertimento. Por iso a nosa raza é aínda unha raza que se chama raza combatinte porque teñen aínda ese xen, aínda que co paso dos anos fóronse domesticando e comendo. Daquela cando comezamos non nos dabamos conta pero hai unha cousa moi clara: para que unha raza que está en perigo de extinción se recupere, aínda que poida parecer unha incongruencia, hai que comela. No momento que a comes esa raza ten un salvavidas para moitos anos. No momento que deixas de comela esa raza desaparece en nada.

– E neste caso, está salvada?
– A raza non está salvada pero pódese dicir que a raza está viva e sa. Intentamos que a raza se recuperara e está nun camiño perfecto para logralo. Criadores con Rega, que significa que son xa un pouco máis profesionais, podemos ser 180 nestes momentos por toda Galicia, aos que hai que sumar outros 500 ou 600 criadores de autoconsumo sen Rega e outro importante número de persoas que teñen esta raza pero que non o sabemos.

Nós apostamos desde o principio por que a galiña de Mos fose unha raza gandeira. Démonos conta de que nos momentos grandes de crise que houbo despois de 2008 esta raza podía, se non permitir vivir dela, si que axudar a vivir a moita xente. Cando foi a última crise houbo xente que comezou con galiñas e que logo foi diversificando, porque cando levas os ovos ao restaurante dinche e se me traes unha patacas tamén chas compro, ou unhas verduras, e así foron complementando con produtos da horta, por exemplo, que producían eles mesmos ou que mercaban ao veciño e que de paso que ían levar os ovos todas as semanas pois tamén levaban o resto de produtos. Dentro de Avimós tamén hai xente que a maiores da súa, dá saída a parte da produción doutros compañeiros, porque hai persoas que crían moi ben pero que teñen menos habilidades comerciais.

Nós apostamos desde o principio por que a galiña de Mos fose unha raza gandeira, non de simple exhibición

Nós o que queremos con esta forma de gandeiría é potenciar o campo e o rural. Nós unha das cousas que fixemos para conseguir apoio da Administración galega foi facelos reflexionar sobre que isto era unha maneira de axudar a asentar poboación. Hoxe cunha explotación un pouco profesional pódese vivir disto, daquela era impensable iso, pero podía axudar a complementar as rendas das familias e que o restaurante do lado poida dar unhas tortillas con ovos de galiña de Mós producidos na zona, xerando deste xeito riqueza e emprego a nivel local, que non se xera se os ovos veñen de fóra. Explicámosllelo ben e entendérono ben.

– Pódese logo vivir de criar galiñas de Mos?
– Hoxe temos xente en Avimós que vive disto, se non ao 100% si ao 80%, pero para iso habería que ter máis cantidade da que teño eu. O Rega de avicultura artesá diche que podes ter 50 galiñas de posta con galo, 50 galiñas de cría sen galo e cebar 400 galos ao ano. Con 250 galiñas e criando 1.500 galos ao ano penso que se pode vivir dignamente disto perfectamente. Un galo pode valer 50 euros e a ducia de ovos sobre 4,50. Hai que descontar custos, a alimentación, perdas, etc., pero para sacar un soldo de máis de 1.000 euros dá, non é algo descabelado. Temos que velar por que siga sendo crianza artesá pero podería ampliarse coas condicións de superficie necesarias para que en vez de 400 galos por produtor se puideran ter 1.000 para poder vivir disto. Tivemos empresas avícolas importantes que querían que lles aportaramos 10.000 pitos, pero a parte de que é imposible porque non os temos, aínda que os tiveramos nunca os tiveramos subministrado, porque desnaturaliza a cría e deixa de ser artesá. Queremos que cando unha persoa paga 50 euros por un galo de Mos teña a garantía de que os vale porque está fóra e son moitos meses de crianza.

– Un dos problemas habituais dos produtores son os circuitos de comercialización. No voso caso?
– Unha das cousas que conseguimos coa Xunta de Galicia foi que nos autorizaran a cada criador ter uns minicentros de embalaxe de ovos para que os nosos ovos poidan ir a todos os sitios cun selo como o que levan os ovos industriais, que marca a data de posta e de caducidade. Iso foi unha cousa moi importante porque profesionalizamos a comercialización. Temos un centro de embalaxe tamén en Fontefiz para todas as persoas que non dispoñan dese minicentro na súa explotación para poder ir alí a marcar e embalar os seus ovos.

Cada produtor xa conta neste momento cun minicentro de embalaxe de ovos. Agora o seguinte paso é que se autoricen tamén as salas de matanza domiciliarias e que haxa unhas canles de distribución e comercialización

Cos minicentros de embalaxe non temos ningún problema para sacar os ovos, pero se a min mañá un restaurante me pide que lle leve 3 ou 4 galos non teño onde matalos, porque os matadoiros están lonxe e non nos é rendible. Por iso outra das cousas polas que levamos loitando moito tempo é por aplicar ese mesmo modelo ás matanzas. Nós fomos os primeiros en esixirlle á Administración galega e estatal que autorice as salas de matanza domiciliarias para produtores, que é un modelo que en Europa está regulado e xa leva moitos anos implantado. De feito, nós vímolas en Francia e en Portugal e, sen embargo, aquí non se permiten. Con isto xa levamos moitos anos pelexando e o que fixemos foi tamén involucrar a outros sectores e a outras zonas de España que poidan ter este mesmo problema para que os tiros lle veñan á Administración de varios lados e por varias vías distintas.

– A Xunta anunciou a posta en marcha dun matadoiro móbil.
– Si, a Consellería neste momento está apostando por un matadoiro móbil, pero a nós non nos resolve nada, eu xa llo dixen ao conselleiro. O matadoiro móbil está moi ben para o capón de Vilalba ou o galo de curral de Vila de Cruces, porque se concentran as matanzas nun mesmo día. Pero a min mañá chámame o Mesón do Campo de Vilalba que quere dous galos e o matadoiro está en Tui e que fago, lévoos eu a Tui ou vén aquí o matadoiro desde Tui por dous galos?

A nós o matadoiro móbil que propón a Xunta non nos serve nin nos resolve nada. Vexo máis operativo que certos concellos cabeceira de comarca teñan unha sala pequena para poder matar ovino, caprino e aves dos produtores desa zona

É máis factible e máis barato para a Administración que nos autorice o modelo das salas de matanza domiciliarias, porque a Consellería calcula que o matadoiro móbil ten un custo dun millón de euros e logo custa outro millón ao ano o seu mantemento e funcionamento. Con eses cartos moitas axudas se poden dar para que os criadores interesados poidan facer as súas propias salas de matanza, as axudas concédelas unha soa vez e tes o problema resolto para sempre. Penso que hai que buscar cousas lóxicas e o ideal sería que cada un mate na súa casa, con control e regulación e coas condicións hixiénicas e sanitarias necesarias que se esixan. O único problema que terían é que esas salas domiciliarias servirían para comercializar a nivel de comunidade autónoma, pero todo o que mandes para fóra tería que ir a un matadoiro, pero cubriríanos moito as costas xa. Sen embargo, están empeñados co matadoiro móbil pero eu non o vexo, vexo máis operativo en tal caso que haxa certos concellos cabeceira de comarca que teñan unha sala pequena para poder matar ovino, caprino e aves para que os produtores desa zona leven alí e onde poidas matar dous días á semana, por exemplo. Nas salas domiciliarias só se poderían matar os animais da propia explotación, estas salas comarcais serían compartidas. É máis barato iso que ter un camión andando por toda Galicia cun custo anual dun millón de euros.

Unha galiña de Mos pon arredor de 200 ovos no ano

Unha galiña de Mos vive en liberdade e pon arredor de 200 ovos no ano

– É difícil competir con razas industriais que sacan polos con 40 ou 50 días?
– Nós xogamos cunha vantaxe, porque é unha raza cunha calidade cárnica tremenda e unha calidade de ovos máis que tremenda. Os ovos coñécense máis pero a carne de galiña de Mos é a gran descoñecida. Cando a estamos metendo en restaurantes de moito postín ao principio cústalles moito poñer galo ou polo na súa carta, porque asóciano cun prato de terceira división, pero cando proban o noso e ven que é un produto delicatesen e que a xente volve a comer ese prato, ese galo que se comía nas festas e nas vodas fai 60 anos, as reticencias desaparecen. As galiñas saen cun peso bo e os galos cun peso moi bo e a carne é moi magra, moi escura e moi forte. Nós estamos vendendo case todo para restaurantes dunha certa categoría, porque é certo que o prezo non é barato, aínda que pode pagalo calquera un día, pero é certo que ao principio lles custa apostar por este produto porque se asocia o polo cun prato de 2ª ou 3ª categoría. Nós estamos matando galos con 9 meses, iso require o seu tempo e ten o seu custo.

Aos restaurantes cústalles moito poñer galo ou polo na súa carta, porque o asocian cun prato de terceira división, pero cando proban o noso esas reticencias iniciais desaparecen. É o que se comía nas festas e nas vodas fai 60 anos, é un produto delicatesen

O bo tes que dicir que é bo e que hai pouco, tamén co prezo. E hai mercado para todo, aínda que ao mellor non estea aquí. O meu mercado de ovos está por exemplo en Madrid. Cal é o problema? Ningún. Pero moitas veces a xente ten medo a iso. As nosas razas autóctonas, todas, están criadas en extensivo ao 100%, outras non, e iso é un plus. Por iso alá onde van sempre triunfan, por esa crianza en extensivo de estar todo o tempo fóra. Como pasa cos nosos galos. Son carne máis magra por estar sempre en continuo movemento, non paran. Hai outros galos, incluso en ecolóxico, que están nun metro cadrado e non se moven daí porque hai outros cinco ao seu arredor. E o prezo non ten por que ser o mesmo. Non ten por que valer o mesmo unha frisona que unha cachena ou un pito comercial que un galo de Mós. Pero ten que haber de todo, porque a xente ten que comer, e ao mellor non todo o mundo pode pagar 15 euros todos os días polo quilo de galo de Mos de 9 meses pero pode pagar dous euros por un quilo de carne de polo de granxa de dous meses e pico.

Nós estamos matando galos con 9 meses, iso require o seu tempo e ten o seu custo. O bo tes que dicir que é bo e que hai pouco, tamén co prezo

Pero ti na túa tenda ou no teu restaurante tes que vender o que o cliente quere comprar, por moito que te empeñes ti noutra cousa. Eu acórdome cando no Viveiró había unha das explotacións máis grandes de vacún de raza hereford de Europa, da familia Páramo Neira, pero non triunfou porque a hereford era unha carne que tiña moitísima graxa e aquí non gustaba, a xente non a quería, hoxe tivera triunfado, porque os gustos do consumidor tamén cambian.

– Dis que envías os ovos a Madrid. Onde está o mercado da galiña de Mos, en Galicia ou fóra?
– Está tan considerada fóra de Galicia como en Galicia. A miña produción de ovos vai o 100% para Madrid, para dous restaurantes dalí, Taberna La Falda de Lavapiés e La Lorenza, e máis que tivera. En Galicia é máis difícil que os restaurantes aposten polos ovos de galiña de Mos. Eu comecei mandándolle unha caixa á semana con 15 ducias a La Falda de Lavapiés e foi un martes por alí Mikel Iturriaga, El Comidista, probou a tortilla, volveu o xoves ver se era sempre así, veu que era verdade e ese mesmo día na súa páxina puxo “mi tortilla de patatas preferida” e desde ese momento empezaron a pedirme máis e máis ovos. A calidade alí valórase. Nesa tortilla van ovos de verdade, non vai huevina nin ovos de un euro e pico a ducia e que son todo auga.

A galiña de Mos está tan considerada fóra de Galicia como en Galicia. O meu mercado de ovos, por exemplo, está en Madrid. Cal é o problema? Ningún. Pero moitas veces a xente ten medo a iso

Eu neste momento ando próximo ao límite das 100 galiñas e crío 400 galos, pero quedeime sen eles xa en Nadal. Unha galiña de Mos vén producindo entre 200 e 210 ovos ao ano, cando é nova pon un pouco máis e cando vai vella un pouco menos. Teño dúas incubadoras, pero hai xa máis dun ano que non crío, porque se me dedico a vender ovos non teño ovos que incubar, polo que recurro á sala de incubación que hai en Fontefiz, da que eles que aportan os pitiños cando os precisas.

– Supoño que mandando a bares e restaurantes tamén che afectaría o coronavirus o tempo que estiveron pechados
– Pois mira, mandaba cada semana un mínimo de 4 caixas de 15 ducias cada unha e agora estou mandando unha, porque os bares e restaurantes están arrincando moi despacio. E durante os meses de confinamento que estiveron pechados ningunha. Así que estes meses non gañamos nin para pagar o penso para alimentar as galiñas. Os ovos teñen unha caducidade de 28 días e non se poden gardar, así que neste tempo estiven facendo parroquia con eles, é dicir regalándoos a amigos e coñecidos, porque tampouco podes buscar outros clientes ou outras vías de comercialización, porque a produción que tes é limitada e tes uns clientes fixos desde fai tempo aos que lles envías a túa produción de xeito habitual e tes que volver garantirlles o subministro cando eles retomen a actividade de xeito normal.

– Hai criadores que están tentando recuperar en Galicia outra raza, a pita piñeira, supón competencia ou é bo?
– Para Galicia cantas máis razas autóctonas haxa e canta máis xente haxa adicada á avicultura mellor. A nós non nos afecta. Pero para que unha raza sexa considerada raza autóctona ten que dicilo o Ministerio e tes que demostrarlle ao Ministerio que durante moitísimos anos está documentado que esa ave estaba aí e o problema é que ás veces atopar esas probas é difícil. Nós xogamos cunha vantaxe, porque no ano 1936 no Rof Codina en Lugo houbo un veterinario que reuniu moita documentación sobre esta raza e tiña documentada a súa existencia por toda Galicia nesa época, entón con esa documentación foi chegar ao Ministerio e foi todo moito máis doado, porque se temos que reunir nós toda esa documentación igual nos levaba moito máis tempo lograr o recoñecimento de raza autóctona. Atopar aquilo foi chegar e bicar o santo porque había xa unha documentación preparada, con fotos e cun estudio sobre a raza elaborado por un veterinario da Sección Pecuaria de Lugo do Ministerio no seu momento.

Monasterio, coa súa nai e a súa irmá e Tui a comezos dos 60

Monasterio, coa súa nai, a súa irmá e unha galiña de Mos en Tui a comezos dos 60

Eu son de Guillarei, en Tui. Nacín no 59 pero levo en Vilalba desde os 12 anos. Pero teño unha foto de cando era eu pequeno, de comezos dos 60 en Guillarei coa miña nai e a miña irmá, na que aparece xa unha galiña de Mos. A galiña de Mos estaba por toda Galicia, quizais donde se mantivo máis tempo foi na zona da Terra Chá por ser unha zona de interior. En Tui, por exemplo, perdeuse porque ao estar Portugal ao lado sempre entraban as cousas antes e entraron outras razas.

– Como xurdiu Avimós?
– Pois Avimós naceu no ano 2001. Fundámola 7 gandeiros que tiñamos algunha galiña de Mos. Comezamos co obxectivo de recuperar a raza, para que volvera estar en moitas casas, pero máis ben como hobie e para ter unhas galiñas e uns pitos de calidade para autoconsumo. Foi por iso polo que decidimos xuntarnos e crear Avimós. Logo, coa axuda da Xunta de Galicia, leváranse 7 lotes de galiñas, un de cada criador, para Fontefiz, para o Centro de Recursos Zooxenéticos, onde aínda temos a nosa sede. Aínda seguen alí as estirpes dos 7 primeiros criadores.

E o que fixemos tamén desde o primeiro momento foi ir a moitas feiras e exposicións para dar a coñecer a raza para que se reintroducira. Desde Avimós o que seguimos facendo é promocionar moito a raza en feiras como Silleda, Expolugo ou San Xiao de Mos, en Castro de Rei, onde organizamos os campionatos morfolóxicos a nivel galego, provincial e comarcal. É moi importante que a xente saiba o que ten porque ás veces tes animais e pensas que tes moi bo material e resulta que non é tan bo, ou ao revés.

Os concursos morfolóxicos non son para competir co veciño, senón para comparar e mellorar

Os concursos morfolóxicos non son para competir co veciño, senón para comparar e mellorar. A Silleda imos con exposicións de animais individuais, galos e galiñas, outra de lotes e outra de galiñas con pitiños pequenos. Para que nos vale? Pois para dar a coñecer a raza á xente e para que os nosos criadores comparen o que teñen e poidan mellorar porque ven no que fallan, e ao mellor teñen unhas galiñas boas pero o galo non é tan bo e mércanlle a outro criador un galo bo ou viceversa. Tamén para facer un pouco de parroquia entre nós e animarnos uns aos outros.

Ao principio viaxamos bastante por España, sobre todo a Cataluña, e tamén a Francia para entender un pouco o que é a avicultura, porque aquí iamos un pouco atrasados con respecto a esas zonas, aínda que alí a avicultura non ten carácter produtivo como ten aquí, senón que son animais de exposición. Nós aquí en Galicia apostamos por que fora unha raza gandeira, pero si que aprendemos moito do que fan os cataláns a nivel de exposicións e feiras. Hoxe en día non temos que aprender nada deles, somos quizais pioneiros en España en moitas cousas, de feito a raza Galiña de Mos foi a primeira raza de galiña autóctona considerada polo Ministerio de Agricultura e a que ten a día de hoxe un maior número de exemplares de toda España, quizais teñamos máis exemplares que todas as outras razas xuntas e conseguimos xa fai máis de dous anos que o Ministerio nos concedera o logo de autóctona 100%, que parece unha chorrada pero deunos moita visibilidade e moito caché e houbo unha campaña importante de promoción en Paradores por parte do Ministerio.

“Englobar si, pero especificando. Se se mantén a diferenciación e se indican, no caso da carne, as distintas razas, a marca Galicia Calidade valería para todos”

Os ovos que produce Monasterio baixo a marca Aves do Concello teñen unha caducidade de 28 días

Os ovos que produce Monasterio baixo a marca Aves do Concello teñen unha caducidade de 28 días

Ademais de socio fundador de Avimós e presidente desde o 2006, Francisco José Monasterio é directivo de Boaga, a federación que engloba a algunhas das razas autóctonas galegas: galiña de Mos, ovella e cabra galega e gando vacún agás a rubia galega (cachena, caldelá, limiá, vianesa e frieiresa).

– A Consellería do Medio Rural recuperou recentemente a marca Galicia Calidade para aplicar a todos os produtos agroalimentarios galegos. Que vos parece que as razas autóctonas se engloben todas en Galicia Calidade?
– Desde Boaga nós o que non queremos é entrar nun mesmo lote por exemplo con Ternera Gallega sen maior especificación. Non habería problema en estar todos dentro de Galicia Calidade ou mesmo dentro da IXP Ternera Gallega pero engadindo na etiquetaxe Ternera Gallega de raza rubia galega, Ternera Gallega de raza cachena ou mesmo Ternera Gallega de raza frisona. O problema é a preposición, o feito de non especificar a raza, tamén nos restaurantes. Custa tanto poñer chuletón de raza tal? A que sexa.

Cando traballas por facer unha cousa diferente non podes despois metela no mesmo lote porque entón estás desvirtuando ese traballo

É necesario diferenciar e diferenciarse. Deste xeito non estás metendo no mesmo lote todo. De feito, nós falando con restaurantes en Madrid dinnos que non mercan carne de Ternera Gallega precisamente por iso, porque a carne que lles chega non é uniforme, un día chégalles unha canal dunha maneira e ao día seguinte doutra, e prefiren mercar por exemplo Asturiana de Los Valles porque son sempre máis ou menos iguais. Se ti no teu restaurante ao teu público o que lle gusta é a carne de rubia galega non queres que che chegue unha limiá ou unha limusín. Para min o fallo que ten Ternera Gallega é ese, que non especifica. E dentro colle todo, porque se o animal nace e se cría en Galicia é ternera galega, evidentemente, sexa da raza que sexa. Pero non é o mesmo unha limiá que unha vianesa ou unha caldelá que unha cachena. A ovella de raza galega ten unha carne exquisita, son años moi pequenos e que non cheiran, hai que diferenciala, non pode ir todo no mesmo lote. Cando traballas por facer unha cousa diferente non podes despois metela no mesmo lote porque entón estás desvirtuando ese traballo. Por iso, meter todo nun lote sen especificar non é positivo pero, se se especifica, a marca Galicia Calidade valería para todos.

Monasterio é o único criador de raza Mos que acude cada ano á Feira do Capón de Vilalba

Monasterio é o único criador de raza Mos que acude cada ano á Feira do Capón de Vilalba

– Falas da IXP Ternera Gallega. O recoñecemento da IXP para o Capón de Vilalba pode ser tamén un respaldo para o galo de Mos?
– Os capóns valos mellorando xeneticamente e a alimentación tamén inflúe, pero os nosos capóns son máis pequenos. Podes sacar capóns de raza Mos de 4 quilos, que é o normal, pero en Capón de Vilalba o que se fixo foi sacar os galos de Mos e cambialos por galos de crecemento rápido e raza pesada, mentres a de Mos é unha raza de crecimento lento e semipesada, pero eles apostaron por crecimento rápido e ao principio mesmo meteron galos brancos que en catro meses daban 7 ou 8 quilos, logo cambiaron aos broilers industriais franceses que en 5 ou 6 meses, que é o tempo que ten un capón agora, sacan 6 ou 7 quilos. Pero antigamente decían ovos de marzo, pitos de abril que eran os que se deixaban para os capóns. Por iso cando vou á feira teño problemas, porque os meus capóns son máis pequenos e teño que andar explicando que son de raza Mos, senón a xente vai ao grande porque cabalo grande ande ou non ande. Aínda que desde que Capón de Vilalba quixo facer a IXP unha das cousas que che esixe a normativa é que te tes que basear nunha raza autóctona, polo que foi necesario incluir a raza Mos na IXP e agora as outras razas que se usen teñen que ser tamén de crecimento lento e semipesadas. Eu penso que os capóns de 6 quilos van desaparecer, porque non é normal.

Orixinariamente os capóns eran de raza Mós, máis pequenos que os actuais. Logo introducíronse outras razas de crecimento rápido, pero penso que os capóns de 6 quilos terán que desaparecer porque non era o tradicional. Antigamente decían ovos de marzo, pitos de abril, que eran os que se deixaban para os capóns

E logo hai outra cousa. Cada criador de Avimós ten a súa propia marca, Avimós o único que fai é garantir que ese animal é de raza Mos, pero despois como traballe ou como crie cada produtor xa é problema del. A miña marca comercial, por exemplo, é Aves do Concello, porque a finca onde se atopa a explotación estaba escriturada como Concello. Pois no capón terá que pasar igual. O mesmo que pasa coas denominacións de orixe do queixo ou do viño. Cando vas á feira do Queixo San Simón, ves queixaría Crisanto, Fontela, Prestes ou outras e cada un represéntase a si mesmo aínda que son San Simón todos e no capón terá que pasar o mesmo. Capón de Vilalba si, pero do criador Pepito ou Manolito. No viño é igual, todo é Ribeira Sacra pero cada marca e cada bodega ten o seu prestixio. O que marca a diferenza é iso. En Capón de Vilalba non se está facendo e non sei por que. É unha cousa importante que a xente se dea conta de que as cousas hai que facelas ben. De todos os criadores que imos á feira só hai dous que teñamos Rega. E o único criador de capón de Vilalba de raza Mos que vai á feira do capón son eu.

– Ademais do peso, en que outras cuestións se diferencian os capóns de raza Mos do resto?
– No tipo de carne e no seu sabor. O capóns de raza Mos teñen máis de oito meses pero malia ter máis idade a súa carne é moito máis tenra porque esta raza ten menos coláxeno que as industriais e, ao mesmo tempo, é unha carne máis escura, con máis hemoglobina e sabor máis forte, semellante ao da caza.

A explotación conta con 6.000 metros cadrados parcelados en varias zonas para ir rotando

A explotación conta con 6.000 metros cadrados parcelados en varias zonas para ir rotando

– ¿Precisa moita extensión a galiña de Mos para a súa cria en extensivo?
– É unha raza que destaca pola súa facilidade de manexo, porque é unha raza moi rústica e moi dura que está todo o tempo fóra. Como están sempre fóra hai que ter terreo, porque se non tes terreo dabondo hai leña en vez de vexetación e se hai leña hai moitas baixas. Parcelamos e imos cambiando, eu teño 6.000 metros cadrados. A nosa produción guíase polo regulamento de agricultura artesá e temos que ter mínimo catro metros cadrados por animal. Ao vivir ao aire libre e sen estrés enferman menos e non hai que empregar vacinas nin antibióticos.

Esta galiña nunha casa para autoconsumo pode durar 4 ou 5 anos tranquilamente e ven producindo uns 200 ovos ao ano

Esta galiña nunha casa pode durar 4 ou 5 anos tranquilamente, porque diminúe na frecuencia de posta e en vez de poñerche un ovo cada día e medio ponche un cada dous días ou dous días e medio pero os ovos son cada vez máis grandes e compensa igual mantelas, porque non che consumen porque están pacendo, así que che merece a pena telas. Se te adicas a isto profesionalmente para vender os ovos non podes aguantalas tanto tempo porque tes un límite máximo de 100 de animais e tes que garantir unha produción estable para os clientes que tes. Eu cámbioas cada dous anos e medio máis ou menos, renóvoas entre os dous e os 3 anos, cada ano meto unhas 40 galiñas novas. Pero cando acaban o seu ciclo de produción mátalas e obtés ao mellor 3 quilos de carne, non é como as de produción comercial, que ao ano mátalas e non tes máis ca ósos, aquí aproveitas a galiña.

– Como é a alimentación?
– Trigo, millo, soia, verzas e o que pacen elas pola finca. A mesma alimentación tanto para as galiñas como para os galos, tan só a variamos cando son pequenas, até que teñen 3 meses, que comen penso para que saian para adiante e teñan un bo desenvolvemento. Pero o penso hoxe é cereal, non é como fai anos, que era veleno. Hoxe o penso non ten mal ningún, pero non se lles dá penso todo o ano porque o penso é moito máis caro, pero é a base de cereal, non leva as fariñas animais e as fariñas cárnicas que levaba antes. Os pitiños xa saen fóra a partir de mes e medio ou dous meses de vida e están até os 8, 9 ou 10 meses, depende un pouco da época do ano e a demanda.

Nalgún momento teño cultivado eu os cereais, pero sacounos moito as gañas de cultivar o xabarín e os custos da recolección

– O trigo ou o millo son de cultivo propio?
– Nalgún momento teño cultivado eu, pero sacounos moito as gañas de cultivar o xabarín e os custos da recolección. Houbo épocas que eu labraba 3 e 4 hectáreas de millo pero logo para collelos non hai máquinas por aquí para apañar o gran, hainas para o ensilado do millo para o gando vacún, pero para apañar o gran hai pouco. Plantamos trigo do país tamén fai 2 anos. Moitas veces boto un ano si e outro non porque che vai quedando e reduces custos a respecto de botar todos os anos. Bota para atrás o xabarín, porque custa preparar o terreo e labrar e logo non sacas o rendemento que tiñas que lograr.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información