Paralízase o control leiteiro na Coruña e Pontevedra durante o tempo que dure o estado de alarma polo coronavirus

En Lugo continúa prestándose o servizo polo momento á espera de atopar unha fórmula idónea, aínda que admiten que "está claro que haberá que parar". Os Africores teñen perto dun cento de traballadores, que atenden un total de 2.737 explotacións de toda a comunidade

sala muxido á venda en Taboada

Os controladores visitan unha vez ao mes as gandarías e toman mostras de cada vaca durante o muxido

As explotacións lácteas galegas quedarán sen control leiteiro durante o tempo que dure o estado de alarma motivado polo coronavirus COVID-19. Africor Coruña comunicou este luns aos seus asociados a “suspensión temporal do Control Leiteiro” ante o “agravamento da pandemia do coronavirus” e a “negativa e desconfianza dos gandeiros ós que se visitaran nas súas explotacións”. En Pontevedra solicitaron xa un ERTE para o conxunto do cadro de persoal e desde Africor Lugo están buscando unha fórmula que lles permita tamén suspender o servizo co menor prexuizo posible para os traballadores.

“Decidimos suspender temporalmente o Control Leiteiro desde hoxe, 23 de marzos de 2020, e até que a situación se normalice”, explica o aviso colgado na páxina web de Africor Coruña e remitido ás gandarías. O parón inclúe todo o traballo de campo e de oficina, incluída a realización do control leiteiro, a extracción de mostras para xenotipos e filiacións e a venda e reparto de doses de seme. Desde Africor Coruña habilitan un teléfono para posibles dúbidas durante este periodo. É o 666 820 242.

Africor Coruña acorda suspender a súa actividade cando menos durante as vindeiras tres semanas, até despois de Semana Santa, aínda que o reinicio das visitas ás granxas está condicionado polo levantamento das medidas excepcionais decretadas tanto polo Goberno central como pola Xunta de Galicia.

Africor Coruña mandou unha comunicación aos seus socios avisando da suspensión do Control Leiteiro desde este luns e até que a situación se normalice

A decisión, que inclúe a presentación dun ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) que afecta a 29 traballadores, foi comunicada xa aos gandeiros socios na provincia da Coruña e implica que non se poderán completar os datos do control leiteiro deste mes de marzo, xa que unha parte das explotacións terían que recibir a visita dos controladores nesta derradeira semana, nin  tampouco os do vindeiro mes de abril.

Á espera da aprobación do ERTE presentado

Unha decisión semellante foi adoptada na provincia de Pontevedra. Rafael Méndez Guerra, presidente de Africor Pontevedra, confirmou a Campo Galego a solicitude de despedimento temporal da totalidade do cadro de persoal, un total de 15 persoas entre controladores e persoal de oficina.

No seu caso están agardando a ver se o ERTE solicitado é aprobado ou non polas autoridades laborais para facer a comunicación ás explotacións, aínda que Rafael recoñece que “a maior parte dos gandeiros non quere que lle vaimos controlar estes días”, o que os obrigaría a parar aínda que o Expediente de Regulación Temporal de Emprego non fose autorizado.

Moitos gandeiros conviven con persoas maiores na casa e decidiron restrinxir as visitas ás explotacións por temor á transmisión do virus

“Estamos intentando rematar o control leiteiro deste mes mentres non chega a resposta ao ERTE, a nosa intención é acabar este mes a toma de datos e despois igual hai que habilitar o mes de agosto para substituir ao de abril”, explica.  Cada visita de campo dos controladores ás explotacións ten lugar cun intervalo de entre 22 e 33 días desde a anterior e no mes de agosto non se controla como consecuencia das vacacións do persoal.

Un cento de traballadores

Real Decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma non impide as visitas de técnicos ás explotacións, cuxo funcionamento está considerado actividade esencial e polo tanto garantida a súa continuidade. De feito, Africor Lugo, Africor Coruña e Africor Pontevedra mantiveron a semana pasada o traballo dos controladores e os seus desprazamentos ás granxas, pero as reticencias mostradas por unha parte dos gandeiros por temor á transmisión do virus fixo que este luns na Coruña e Pontevedra tomaran a decisión de paralizar as visitas.

O cese temporal da actividade supón o despedimento de 29 traballadores na Coruña e 15 en Pontevedra

Africor Lugo é a única das tres asociacións provinciais que continúa polo momento a prestar o servizo aínda que o seu presidente, José Carlos Vega, admite que “está claro que haberá que parar”. “Non sabemos aínda que día ou de que maneira se fará, que é o que se está mirando neste momento, tratando de buscar unha fórmula na que mellor saiamos todos”, explica.

A situación de Africor Lugo é diferente á dos outros dous Africores, dado que é o que máis traballadores ten. A Asociación que preside José Carlos Vega e da que Ramiro Fouz é secretario executivo dálles servizo a 1.380 ganderías socias a través dun cadro de persoal de 51 empregados, segundo se recolle na súa última memoria anual publicada, a do ano 2018.

A Xunta Directiva de Africor Lugo celebrou unha xuntanza a mediados da semana pasada na que se tomou a decisión de continuar polo momento

Isto implica que pasarían do tope fixado en 50 empregados para os despedimentos por causa maior sen custo para as empresas afectadas, recollido nas medidas económicas aprobadas polo Goberno central para paliar os efectos da crise sanitaria. Até o momento Africor Lugo non mandou notificación algunha aos gandeiros e a Xunta Directiva celebrou a mediados da semana pasada unha reunión co Comité de Empresa na que se tomou a decisión de continuar polo momento realizando o control leiteiro na provincia de Lugo, aínda que José Carlos Vega considera que será inevitable parar nos vindeiros días, entre outros motivos porque “non ten sentido controlar unhas explotacións e outras non”.

A paralización dos controis deixaría sen traballo a case un cento de persoas en toda Galicia, encargadas da súa realización. No caso de Africor Coruña afrontarán un ERTE que afectará á totalidade dos seus 29 controladores e técnicos. No caso de Africor Pontevedra serán 15 persoas as damnificadas, aos que se sumaría o medio cento de Lugo no caso de decidiren finalmente parar tamén.

Subministro mensual de datos e información a 2.700 explotacións en toda a comunidade

Os tres Africores galegos dan servizo a un total de 2.737 gandarías: 1.380 en Lugo, 913 na provincia da Coruña, 430 en Pontevedra e 14 na provincia de Ourense, que son atendidas desde Africor Pontevedra. No seu conxunto, controlan anualmente un total de 1,8 millóns de toneladas de leite, o que equivale ao 70% do leite muxido en Galicia e ao 27% do total producido en España.

As Asociacións Provinciais de Gandeiros para o Control de Rendementos (Africor) son asociacións sen ánimo de lucro que veñen realizando desde o ano 1992 o control leiteiro oficial nas distintas provincias. Os controladores visitan mensualmente todas as explotacións asociadas durante a realización do muxido, recollendo datos de produción, reprodución e mostras de leite de cada vaca, o que permite obter unha información que, unha vez procesada, é remitida ao gandeiro en informes con periodicidade mensual.

Sete de cada 10 litros de leite producidos en Galicia pasan polo Control Leiteiro

Toda esta información serve para unha mellor xestión das gandarías asociadas, tanto a nivel reprodutivo como sanitario, para o control da alimentación, a orientación sobre a mellora xenética, a recría, etc. Asimesmo, con esta información realízanse as avaliacións xenéticas oficiais a nivel nacional, que permiten valorar tanto ás vacas coma aos touros utilizados na inseminación artificial.

O control leiteiro é a actividade principal desenvolvida polos Africores e ten carácter oficial, ao estar integrada no Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol), entidade que coordina a realización do control leiteiro oficial en Galicia. A maiores realizan outras actividades, como o Programa de Acoplamentos, extracción de mostras para xenotipar animais, xestión de envío de datos á árbore xenealóxica ou reparto de seme.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información