Parada, pioneiros no aproveitamento do monte xestionado en común

Parada leva apostando por unha xestión conxunta do monte desde o ano 2000 e nos últimos anos puxo en marcha dúas das primeiras sociedades de fomento forestal (Sofor) de Galicia

Publicidade
Parada, pioneiros no aproveitamento do monte xestionado en común

José Lamazares, cos montes xestionados pola Sofor ó fondo.

En Parada (Silleda) hai anos que os veciños decidiron xuntarse para xestionar o seu monte. Tiñan claro que para poder afrontar o mantemento desa zona e buscar un aproveitamento debían facelo de forma conxunta e comezaron por plantalo. Pouco a pouco foi tomando forma, logo de varios procesos, a constitución de dúas sociedades de fomento forestal (Sofor), que actualmente congregan boa parte do monte desta parroquia.

A xestión unificada do monte en Parada comezou no ano 2000 cando decidiron plantar piñeiro en 180 hectáreas que pertencen a 47 propietarios. “Plantamos en conxunto e seguindo as referencias do documento de partición do monte porque moitas fincas non se sabía ben cales eran os lindes”, explica José Lamazares, presidente da Sofor Outeiro-Parada e que participou dende o principio nesta xestión conxunta do monte.

Dous anos despois, outros 36 titulares, plantaron máis de 300 hectáreas de monte. No 2006, os dous grupos de propietarios asentaron as bases para constituírse como Uxfor, o modelo de aproveitamento forestal en conxunto daquel momento. Porén co cambio de goberno, comezaron a funcionar as Sofor e tiveron que adaptarse. “Xa tiñamos o proxecto feito e incluso nos fixeran algúns traballos como Uxfor, pero esta non chegara a tramitarse e aprobarse formalmente pola Xunta e tivemos que cambiar o modelo”, detalla Lamazares. Foi entón cando decidiron constituír dúas Sofor buscando unha optimización dos recursos ós que podían optar por parte das administracións. “Traballamos sempre en conxunto e coordinados”, puntualiza Lamazares.

As decisión nas sofores de Parada, con case 500 hectáreas de monte, tómanse atendendo a criterios técnicos e en asemblea

Con case 500 hectáreas de monte, Lamazares ten claro que “sen facelo en conxunto é moi difícil poder xestionar esta cantidade de monte”, confirma o presidente da Sofor. Un dos maiores beneficios de optar por este sistema é a posibilidade de poder manter limpo o monte. “Coas axudas ás que optamos coa Sofor estes anos puidemos facer cortalumes, podas ou limpezas á beira dos camiños” -recorda o veciño de Parada-. “Se non o fixeramos en conxunto, sempre é máis complicado que toda a zona estea limpa”.

Unha das parcelas de piñeiro nas que farán un rareo.

Unha das parcelas de piñeiro nas que farán un rareo.

Case 20 anos despois de plantar están comezando a facer o primeiro rareo nunha superficie de 30 hectáreas. Esta corta estivo condicionada ata hai pouco pola necesidade de contar cunha ponte para poder sacar a madeira segundo explican dende a directiva. Ó igual que os criterios para realizar esta corta, as decisións nas sofores tómanse atendendo a criterios técnicos e son debatidos en asemblea como salienta o presidente dun destes colectivos.

O lume, un temor constante

Un dos maiores retos que afrontan estas sofores é o temor constante a que se poida producir un incendio nos seus montes. Para iso tentan poñer tódolos métodos ó seu alcance tanto en materia de prevención como para mellorar a extinción. Destinan importantes esforzos e recursos para manter limpos os camiños de acceso e para establecer cortalumes que bordean toda a plantación.

Na época de maior risco de incendios organizan quendas diarias de vixilancia do monte

Outra das medidas que levan anos aplicando é a da vixilancia. Dende 2006, en colaboración coa comunidade de montes, organizan quendas de supervisión do monte. Na época de maior risco de incendios tres veciños recorren o monte a diario nun vehículo todoterreo que lles permite abarcar esta superficie.

A estes métodos tamén se suman outras medidas para facilitar a extinción que inclúen dous pozos que lle permiten ós helicópteros cargar auga directamente e outros catro de menor tamaño repartidos polo monte.

Cabalos para manter limpo o monte

Nos últimos tempos, as sofores estudan incorporar gando para a limpeza do monte. A proposta foi remitida xa ó Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo que tralo estudo do proxecto e a visita dos técnicos á zona recomendan introducir cabalos nestes montes. É unha opción que os propietarios consideran acertada e viable, atendendo ós recursos dos que dispoñen, e que están sopesando polo de agora.

O estudo dos técnicos para introducir animais nestes montes apuntou tamén a necesidade de levar a cabo rareas nas plantacións para que, en concreto os cabalos contasen con máis espazos de luz. Agora que proceden a facer as primeiras cortas, volve a estudarse a opción de introducir cabalos.

Madeira para a rede de calor de Silleda

A rede de calor proxectada no concello de Silleda, que se abastecerá de lascas de madeira, pode resultar un destino viable para os piñeiros dos montes de Parada. Aínda que o proxecto está na súa fase inicial, técnicos do Concello xa abordaron a cuestión coas sofores e incluso visitaron as plantacións. Lamazares indica que podería ser un acordo beneficioso para ambas partes “Nós aforraríamos os portes de ter que mandar a madeira máis lonxe, como a Finsa ou a Portugal, que son os principais destinos agora mesmo”, ratifica. Pola súa parte, o Concello xa anunciou que o seu obxectivo é aproveitar a biomasa dos montes do municipio nesta aposta polas enerxías renovables.

Parada, a parroquia con máis terreo xestionado mediante sofor

A parroquia silledense é a que maior superficie de monte ten xestionado mediante as sociedades de fomento forestal (Sofor). Con máis de 308 hectáreas, a de Parada é a Sofor máis grande das once existentes no territorio galego e a esas aínda se suman as 180 hectáreas que congrega a sofor de Parada-Outeiro.

Sofor actuais en Galicia. En amarelo, as máis recentes.

Sofor actuais en Galicia. En amarelo, as máis recentes.

A primeira concentración privada da provincia

A experiencia de colaboración á hora de xestionar os montes non foi o único proxecto no que os veciños sumaron esforzos para conseguir unha alternativa de futuro na parroquia. No 2004, iniciaron a que sería a primeira concentración parcelaria privada da provincia, que se rematou no 2010 coa entrega dos títulos. “Aquí temos o monte e a gandería, é o que nos pode dar de comer e tiñamos que apostar por eles”, reflexiona Lamazares.

Pese ós esforzos dos veciños por converter o campo nunha alternativa de futuro onde vivir, lamentan trabas como as perdas causadas polos ataques do xabarín. “Temos un gran problema co xabarín, que acaba con todo. Este ano estamos tendo xa moitos danos nos prados e ó que veña o tempo do millo xa contamos que sexa bastante peor”, informa Lamazares, que conta cunha explotación de vacún na parroquia. “Dende a Consellería non fan o suficiente para atallar o problema e acabamos pagándoo sempre os gandeiros”, sentencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información