A Comunidade de Parada dos Montes (A Pobra do Brollón) resultou seriamente afectada polo gran incendio da Serra do Courel deste pasado verán, no que arderon máis de 12.000 hectáreas. O lume chegou ao monte comunal e calcinoulles 950 hectáreas de terreo forestal, das que unhas 500 estaban destinadas ao aproveitamento madeireiro. Agora, a comunidade quere repensar o seu proxecto para o monte.
Distribución do territorio, proxecto futuro e problemas de base
O proxecto forestal de Parada dos Montes conéctase coa propia aldea, que desde fai dous anos convertiuse nunha aldea modelo coa idea de recuperar os terreos privados que a rodean, agora transformados nun espazo cercado e limpo.
Os terreos da aldea modelo son maioritariamente pastizais destinados á única facenda do lugar. “Agora mesmo teño oito vacas que son as que pacen todo o pobo, coma quen di. Eu págolle unha cantidade á Xunta polo seu uso, que logo reparten entre toda a veciñanza propietaria. A cambio diso temos as parcelas de preto das nosas casas limpas e cercadas, unha cuestión que evita que o lume chegue ás vivendas”, afirma Marisol Martínez, gandeira en Parada dos Montes.
“Coa aldea modelo temos as parcelas de preto das nosas casas limpas e cercadas, unha cuestión que evita que o lume chegue ás vivendas” (Marisol Martínez)
“Máis alá das vivendas e das fincas que rodean a aldea, atópanse, nun círculo máis aberto, os terreos privados que xa non teñen uso e que foron os primeiros en quedar abandonados; sobre estes non temos actualmente capacidade de xestión. A partir de aí, xa sería o territorio da Comunidade de Montes de Parada dos Montes”, explica Marcos Ferreira, secretario da comunidade e veciño.
O monte veciñal está conformado por 950 hectáreas de monte clasificado, que estaban en distintas situacións. “As 600 hectáreas que estaban conveniadas coa Xunta destináronse a aproveitamento madeireiro, polo que hai diferentes especies de piñeiro -pinaster, sylvestris e radiata- de distintas idades. O resto do monte está sobre todo a raso e outras zonas pequenas teñen frondosas, aínda que a maior parte das frondosas corresponden a propiedades privadas. Por iso, cando a Comunidade colleu a xestión directa do monte, o que se atopou foi unha superficie moi grande dedicada á madeira de piñeiro”, detalla Marcos Ferreira.
“Cando a Comunidade colleu a xestión directa do monte, o que se atopou foi unha superficie moi grande dedicada á madeira de piñeiro” (Marcos Ferreira)
Tras a grande vaga de incendios deste verán, as 950 hectáreas dos veciños de Parada arderon por completo. “O proceso que se seguiu a partir disto foi chorar, logo cubicar a madeira queimada de diferentes formas -manualmente e con tecnoloxía lidar- e logo poxala. Unha vez se venda e se corte, toda a cantidade obtida destinarase a rexenerar o monte da Comunidade e a intentar xestionar aqueles terreos que están abandonados para darlles un uso, como por exemplo, para frutais”, amplía sobre o proxecto futuro comunal o secretario.
“Toda a cantidade obtida destinarase a rexenerar o monte da Comunidade e intentar xestionar aqueles terreos que están abandonados para darlles un uso, como por exemplo, para frutais” (Marcos Ferreira)
O problema que se atopa a comunidade de montes é a falta de poboación. “No núcleo non hai xente, polo tanto, se queremos manter xestionado o territorio e pretendemos resolver o tema dos incendios é fundamental que haxa xente que teña gando para controlar o territorio que nos rodea. Hai que pensar nun proxecto integral”, comenta Ferreira.
Por este motivo, Marisol Martínez critica a falta de apoios que ve para o rural, “xa que din que o apoian pero seguimos tendo estes problemas; a xente non quere vir para os pobos e a actividade gandeira é necesaria, pero neste caso, son a única gandeira que queda aquí en Parada, e para chegar a fin de mes só co gando é moi complicado porque estamos vendendo a perdas”, valora. ”De seguir así, o futuro pinta moi complicado”.
“Antes había 50 veciños, todos con vacas, pero agora só somos dous con animais”