“Para recuperar as viñas afectadas polos lumes o urxente agora é regar, e é o que non se está facendo”

Rafael Palacios é viticultor de godello en O Bolo, na Denominación de Orixe Valdeorras. Explícanos os tratamentos que está a realizar nunha das súas parcelas para tratar de salvar as cepas que sufriron os efectos dos lumes das últimas semanas na comarca

Publicidade
Viñas afectadas por el fuego en A Rúa, dentro de la denominación de origen Valdeorras

Viñas afectadas polo lume na Rúa, dentro da denominación de orixe Valdeorras

Xunto co gandeiro e o forestal, o sector vitivinícola foi un dos máis afectados polos lumes deste verán. O fogo cebouse especialmente en agosto en zonas de viñedo da provincia de Ourense. Valdeorras e Monterrei foron as denominacións de orixe máis afectadas, aínda que as lapas ameazaron tamén a pasada semana a produtores de Quiroga e Vilachá (A Pobra do Brollón), dentro da DO Ribeira Sacra na provincia de Lugo.

Unha vez sufocados os lumes, toca avaliar os danos e tratar de recuperar as viñas. Algunhas delas arderon directamente, polo que será difícil que volvan producir. Noutros casos, a afectación debeuse á intensa calor xerada pola vexetación nos bordos das parcelas durante a súa combustión.

Tanto desde EVEGA como desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro admiten estar “bastante perdidos neste asunto”

Aínda que non se trata dunha situación nova (o lume afectou a viñedos noutras ocasións tanto en Valdeorras e Monterrei como no resto de denominacións de orixe), segue sen existir un protocolo de actuación a seguir e as entidades públicas de referencia en Galicia están a resultar inoperantes, pois tanto desde a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), situada en Leiro e dependente da Xunta de Galicia, como desde a Estación Fitopatolóxica de O Areeiro, pertencente á Deputación de Pontevedra, admiten sentirse “bastante perdidos neste asunto” e prefiren non dar ningún tipo de consello práctico aos viticultores, que ensaian pola súa conta distintas solucións tratando de recuperar aquelas viñas que resultaron afectadas.

Avaliación de danos

Os viticultores pasaron semanas en tensión. O incendio de Larouco-Seadur, iniciado o mércores 13 e que non foi estabilizado até o sábado 23, con máis de 30.000 hectáreas calcinadas, afectou aos viñedos da DO Valdeorras en O Barco, Vilamartín, A Rúa, Petín e O Bolo; mentres que o de Oímbra-A Granxa, iniciado o martes 12 e estabilizado o venres 22 con unhas 17.000 hectáreas calcinadas, foi o que danou as viñas da DO Monterrei nos municipios de Oímbra, Laza e Verín.

En Santa María (Petín) os veciños tiveron que refuxiarse nas covas e dúas destas adegas subterráneas quedaron totalmente calcinadas

Por agora non hai un balance exacto de cantas das 1.200 hectáreas da DO Valdeorras e as case 800 da DO Monterrei se viron, en maior ou menor medida, afectadas, pero si transcendéronse algúns danos concretos: na Rúa arderon cepas centenarias, en Petín dúas adegas e na aldea de Alvaredos (Quiroga), que representa a porta de entrada á Ribeira Sacra desde Valdeorras, a adega de Antonio López (Alvaredos Hobbs) perdeu o 70% da súa produción.

O prioritario: regar

Borde de parcela en A Rúa que ha sufrido dos efectos de las altas temperaturas provocadas por el fuego sobre la vegetación de las cepas

Borde de parcela na Rúa que sufriu os efectos das altas temperaturas provocadas polo lume sobre a vexetación das cepas

Tralo shock inicial, os viticultores traballan contra reloxo tratando de salvar as viñas afectadas baixo unha premisa: coidar o vivo, recuperar o danado e reestruturar o perdido.

Rafael Palacios produce en O Bolo un dos viños galegos más premiados na actualidade. As 32 parcelas que traballa suman un total de 24,5 hectáreas. “Milagrosamente salvamos todo o bo, non só os viñedos senón tamén a paisaxe da zona”, asegura.

“Conseguimos parar o lume xusto á entrada de O Bolo, coa axuda das brigadas e dos veciños. Ardeu algo na zona alta do municipio pero o val de Santa Cruz e As Ermidas librouse. A nós afectounos nunha finca que tiñamos ás aforas desta zona”, relata.

“Afortunadamente tíñamola ben labrada e perimetrada, limpa de vexetación, pero a forza do lume e a calor que provoca afectou ás primeiras plantas do bordo”, describe. Coa experiencia do ano 2004, recén chegado a O Bolo, cando sufriu outro incendio, actuou de inmediato.

A planta deshidratouse e quedou sen a parte vital que é o osíxeno que recibe a través das follas

“A planta deshidratouse e quedou sen a parte vital que é o osíxeno que recibe a través das follas. Por iso, o máis importante é regar. Facemos pozas e regamos planta por planta. Fixemos dúas regas, a primeira en canto se puido entrar e a segunda aos 4-5 días e despois tapamos”, explica.

“Podar é contraproducente”

Alén desa recomendación xeral de regar para rehidratar a planta, Rafael recomenda valorar de forma individualizada caso a caso, en función do grao de afectación da cepa, o aproveitamento ou non da uva. “Se o lume deixou a vexetación chamuscada, nós sacamos a uva e regamos. Ese acio non vai madurar, porque a maduración prodúcese a través da fotosíntese da folla, polo que a nivel de azucres e fenólicos se non hai vexetación non hai maduración e a calidade vai ser cero. Ademais, manter a uva prexudica a recuperación de auga por parte da planta”, insiste.

Se as follas están queimadas ou secas, a uva non vai madurar; hai que cortala e descartar

Con todo, podar as ramas e os sarmentos queimados sería contraproducente. “Se podas vas facer sufrir máis á planta e vas provocar unha ferida pola que a planta se deshidrata aínda máis. A planta non hai que tocala agora; o urxente agora é regar e é o que non se está facendo”, advirte.

Facer podas non é bo porque a propia planta pode tirar da sabia e da auga que ten no sarmento para recuperarse

“Se ti te deshidratas no deserto, ou bebes auga ou morres”, compara. Pero recoñece que “moitos viticultores non teñen medios”. “Hai que regar ao pé, facendo cavadas, non regar por riba. Entre outras cousas porque esa auga sécase en contacto co chan e non chega á planta. Regar a vexetación non ten demasiado sentido, a non ser que á vide lle quedasen follas vivas aínda”, argumenta.

En canto a outro tipo de tratamentos ou achegas, recomenda unicamente engadir aminoácidos á auga. “Se se lle botan aminoácidos á auga, mellor, pero hai que botalos coa auga ao pé. Outro tipo de abonos no chan non serven de nada nestes momentos e os abonos foliares tampouco, porque ao non haber follas non axudan á planta”, indica.

Casos máis severos

Viñedo gravemente afectado por el fuego en A Rúa

Viñedo gravemente afectado polo lume na Rúa e que será difícil salvar

Aínda que Rafael non sufriu afectacións graves, outros viñedos en zonas próximas como A Rúa si tiveron consecuencias máis severas. “Levo 21 anos aquí e non vira nada igual. Ardeu case o 50% da comarca. O ocorrido en todo o val desde O Barco até A Rúa e Quiroga é demoledor, con moita afectación sobre viñedo e dramas como en Valdeorras, onde se queimaron cepas vellas. Iso xa é irrecuperable”, lamenta.

O lume cebouse especialmente este ano en parcelas de viñedo que se atopaban mesturadas co monte

Aínda que hai todo tipo de casuísticas, afirma que “os incendios non afectaron tanto a fincas grandes de godello como ás parcelas pequenas que aparecen salpicadas polo monte, que foron as peor paradas porque colleunas no medio do lume. As que estaban en ladeiras, como viña o lume cara arriba, arrasounas. Se están sen labrar, corre o lume pola viña a través da vexetación e iso xa é máis difícil de recuperar”, recoñece.

Neses casos máis severos, onde o incendio afectou ao tronco e ás raíces, haberá que agardar á próxima primavera para ver se a planta rebrota ou non. Se as raíces non foron danadas, a planta brotará de novo, ben na súa parte aérea ou mediante novos brotes basais, e será entón cando a poda se converta en fundamental para formar a nova planta.

Cando a raíz da planta foi afectada, non hai moito que facer

Aínda que o tronco se queimase, non se debe cortar agora, xa que é unha reserva de vida para a planta. O correcto nestes casos é deixar o tronco queimado tal como está e protexer os novos brotes para que alcancen vigor nos anos seguintes.

Protexer o chan da erosión

Outro risco posterior ao paso do lume é a erosión do terreo. A diminución da cobertura vexetal como consecuencia do incendio aumenta o risco de perda de solo por escorrentía nas zonas máis escarpadas e con pendente.

Para evitalo, tanto en zonas calcinadas de monte como tamén de viñedo e outros cultivos, recoméndase introducir unha cobertura vexetal (por exemplo, palla). Isto favorece a retención de auga e a súa infiltración no terreo.

O acolchado con palla en chans escarpados e queimados evita a erosión e favorece a infiltración de auga cara ás raíces das vides

Arar o chan en sentido transversal á pendente podería ser outra opción. Aproveitar as primeiras choivas do outono para sementar algunha mestura de leguminosas tamén axudaría a manter a capa superficial de terra e serviría ademais para fixar nitróxeno ambiental.

Doutra maneira, a erosión podería provocar un efecto lavado con problemas de fertilidade que afectarían tamén ao estado vexetativo e sanitario dos viñedos nos seguintes anos. É recomendable tamén realizar unha análise de solo para verificar que non foi danado polos incendios na súa estrutura e composición química e poder axustar o abonado de inverno ás necesidades reais da parcela.

Efectos sobre a vendima, que está a punto de comezar

Os incendios das pasadas semanas colleron ás viñas na maioría das Denominacións de Orixe galegas na fase previa á vendima, polo que o dilema nalgúns casos é se aproveitar ou non as uvas que foron sometidas á calor ou ao fume dos lumes, xa que, debido á proximidade do fogo, o exceso de calor interrompe o fluxo de sabia e seca a uva antes de que acade a súa maduración.

Desde a DO Ribeira Sacra recomendan regar e ventilar as uvas para minimizar os danos e os efectos en adega provocados en algunhas parcelas do val do Bibei, xa que o fume, a cinza e as altas temperaturas vividas polos acios poden deixar a súa pegada no viño.

O incendio orixinado en Larouco-Seadur e o posterior declarado en Quiroga-Bibei ameazaron á DO Ribeira Sacra, que suma 1.300 hectáreas inscritas

Algúns estudos realizados en Australia, onde os incendios afectaron en repetidas ocasións ao sector vitivinícola, constatan o efecto do fume dos incendios nos caldos. Na uva, o efecto do fume non se percibe a nivel aromático, pero tanto durante como despois do proceso de fermentación as moléculas reaccionan e provocan cheiros molestos no viño final.

Os tratamentos con carbón activado reducen estes efectos. Recoméndase tamén reducir o proceso de maceración, xa que as moléculas que desprenden estes cheiros a fume se concentran na pel das uvas.

O fume e a cinza poden afectar á calidade da uva e deixar o seu rastro no viño

A chuvia prevista para estes días podería axudar á limpeza natural da cinza depositada sobre os acios e que entren limpos ás adegas no momento da vendima. En caso contrario, sería necesario realizar un proceso de lavado previo.

Acceso a axudas

Os viñedos afectados polo lume supoñen unha perda da produción este ano e unha merma na colleita do ano que vén, xa que moitas cepas haberá que formalas de novo mediante unha poda severa na primavera ou incluso enxertalalas ou replantalas nos casos máis graves.

No caso de parcelas aseguradas, o seguro cobre o que se queimou, pero en moitos casos, sobre todo entre os pequenos viticultores habituais en zonas como a Ribeira Sacra, Valdeorras ou Monterrei, carecen deste tipo de coberturas.

declaración de zonas gravemente afectadas por parte do Consello de Ministros e a habilitación de axudas por parte do Consello da Xunta poderían ser unha vía alternativa para a reparación dos danos.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información