A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Para que as vacas dean bo leite, hai que tratalas con agarimo”

Entrevista a Ana Chao, gandeira lucense certificada en Benestar Animal que leva máis de 30 anos colaborando co Grupo Lactalis

“Para que as vacas dean bo leite, hai que tratalas con agarimo”

Ana Chao, co seu rabaño nos pastos.

Ana Chao leva máis de 30 anos á fronte dunha granxa en Lugo. A colaboración con Lactalis vén de lonxe, cando a súa nai entregaba o leite á empresa hai máis de 45 anos. Unha relación moi estable e da que Ana Chao comenta sentirse moi segura e apoiada. Cando Ana colleu as rendas da explotación, contaba con 12 vacas e na actualidade supera as 80.

A gandaría de Ana é unha das 900 que Lactalis ten certificadas en benestar animal. A certificación Welfair™ avala ante os consumidores que o leite foi obtido de vacas que viven en condicións eticamente responsables de benestar, conforme aos protocolos establecidos nos proxectos europeos Welfare Quality e AWIN.

– Desde que ano contas coa certificación de Benestar Animal? Resultouche complicado obtela?
– Conto coa certificación de Benestar Animal desde hai máis de dous anos. Cando a entidade encargada da certificación visitou a explotación, puido comprobar en primeira persoa que reunía os requisitos para poder obtela, xa que os animais respondían ós criterios principais de avaliación: están ben alimentados, o aloxamento é cómodo, gozan de boa saúde e teñen un comportamento adecuado. Resultou todo moi sinxelo.

– Por que apostaches por este tipo de certificación? Que supón esta certificación para a explotación?
– Apostei por esta certificación porque pon en valor o esforzo e sacrificio que desenvolvemos a diario para que as vacas estean nas mellores condicións posibles. Un traballo e dedicación que ten o seu reflexo tamén nunha mellor calidade do leite. Para a explotación trátase dun recoñecemento que nos motiva a seguir traballando nos mellores estándares de calidade posible.

– En que condicións teñen que estar os animais? É importante ter unhas vacas coidadas para que dean bo leite?
– Un dos aspectos que máis se valoran para estar certificado baixo os estándares de Benestar Animal é que as vacas pasten en liberdade e o ideal é que o fagan un mínimo de 216 días ao ano e 6 horas ao día, aparte de dispor de suficiente cantidade de alimento e auga. Deben contar con confort no descanso e facilidade de movemento, que teñan ausencia de feridas e enfermidades… En definitiva, tratalas con agarimo. Sen dúbida, é moi importante que as vacas estean ben coidadas para que dean bo leite. Por exemplo, unha vaca coxa, adelgaza e a calidade do leite xa non é a mesma. O podólogo vacún realiza un labor moi importante.

– Durante a pandemia, seguiches traballando ao mesmo ritmo?
– Por suposto, era moi importante seguir fornecendo leite ás fábricas. O consumo nos fogares crecera exponencialmente e había que responder a esta demanda. Mesmo nos meses máis duros da pandemia, durante o primeiro estado de alarma e o confinamento domiciliario, Lactalis seguiu cumprindo co seu compromiso de recollernos leite cada 24/48 horas. Foron meses de moita intensidade, de moito traballo, pero onde os ánimos sempre estiveron arriba porque dalgunha forma, estabamos a colaborar e achegando o noso gran de area para garantir o subministro.

– Dentro do sector, hai diferenza de trato por ser gandeira?
– Ao principio, cando comecei si que notaba certa diferenciación polo feito de traballar nun sector máis vinculado ao ámbito masculino, pero hoxe en día non percibo discriminación algunha polo feito de ser muller. Sinto que se me respecta, pero considero que, aínda que se avanzou moito, aínda queda camiño por percorrer.

Neste sentido, a educación xoga un papel fundamental. As mulleres do rural somos independentes e representamos gran parte da man de obra agrícola e gandeira. O noso papel é fundamental para garantir a continuidade de todo o que implica o medio rural.

Neste punto gustaríame destacar tamén o papel tan importante que xogan os centros educativos na proxección da nosa profesión. A miña experiencia dime que hai moito descoñecemento. Moitos nenos hoxe en día non saben de onde vén o leite ou que as galiñas poñen os ovos. Creo que é fundamental pór en valor a importancia do traballo que se leva a cabo no rural, sobre todo en Galicia, e que é tan importante para a alimentación.

Ana Chao, coa súa nai.

Ana Chao, coa súa nai.

– O traballo na explotación, permíteche conciliar coa túa vida persoal e familiar?
– Si, pola mañá dedícome de maneira total ao muxido e coidado das vacas; a partir do mediodía realizo algunhas tarefas no fogar e pola tarde teño tempo para min. Este traballo sempre me permitiu conciliar, sobre todo cando as miñas fillas eran pequenas, xa que a casa na que vivimos está situada xunto á explotación e o meu marido e eu organizabámonos para ir levalas e recollelas á escola.

– Como se presenta o futuro da explotación a medio – longo prazo?
– Somos optimistas, operamos nunha contorna na que a nosa actividade é esencial e onde nos sentimos moi apoiados polo noso principal recolledor, que é Lactalis. Producimos anualmente sobre 350.000 litros de leite e esperamos seguir ao mesmo ritmo durante os próximos anos, cunha aposta firme pola calidade para poder seguir respondendo aos estándares que Lactalis nos pide.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *