“Para que o rural se manteña vivo é clave ter uns bos servizos”

Entrevista a José Ángel Santos Sánchez, alcalde do municipio lucense de Friol, un dos que máis se está a destacar en Galicia no seu apoio ao sector agrogandeiro. Unha das últimas medidas foi a posta en marcha, a raíz da crise do coronavirus, do portal www.compraenfriol.com, para que as industrias agroalimentarias de Friol, como queixerías, panaderías ou carnicerías, podan vender os seus produtos por Internet a calquera punto da xeografía

“Para que o rural se manteña vivo é clave ter uns bos servizos”

José Ángel Santos Sánchez, alcalde do municipio lucense de Friol

José Ángel Santos Sánchez é dende o ano 2015 alcalde do concello lucense de Friol encabezando a candidadatura do Partido Popular. Dende o seu equipo de goberno puxeron en marcha medidas de apoio ás explotacións agrogandeiras como bonificacións no IBI, modificación no PXOM, subvencións para permutas de terreos, mellora das vías de acceso ás fincas..etc. Unha das últimas medidas foi a posta en marcha, a raíz da crise do coronavirus, do portal www.compraenfriol.com, para que as industrias agroalimentarias de Friol, como queixerías, panaderías ou carnicerías, podan vender os seus produtos por Internet a calquera punto da xeografía.

Falamos con el sobre a súa visión do que é o desenvolvemento rural, que leva captado dende hai anos moitos titulares nos xornais, e sobre todo moitos recursos públicos, pero que non sempre deu os resultados agardados.

-¿Que importancia ten o sector primario para a economía do concello de Friol?
Friol é un concello rural, no que a principal fonte de ingresos das familias é o sector primario. Hai moitas familias que todos os integrantes viven única e exclusivamente das explotacións gandeiras e/ou agrícolas.

Tamén hai outras explotacións que serven de complemento a familias que teñen outros traballos fóra do sector primario.

Tanto unhas como as outras son moi importantes a nivel económico, pero tamén é importante manter os terreos traballados, e polo tanto, evitar o seu abandono.

En definitiva, o que pretendemos, desde o equipo de goberno, é fomentar e ao mesmo tempo facilitar todas as ferramentas necesarias para conseguir que pouco a pouco consigamos coa axuda de todos os axentes implicados mellorar as explotacións e ser máis competitivos, reducindo custos de produción, e que desta maneira obteñan maior rentabilidade.

-¿Como vivides a crise do coronavirus dende un concello eminentemente rural e gandeiro como Friol? ¿Sentídesvos máis valorados pola sociedade, tanto como residentes do rural como produtores de alimentos no caso dos agricultores e gandeiros?
Esta é unha crise de ámbito mundial que, por desgraza e aínda que é certo que en menor medida, tamén se nota no rural. O nivel de impacto negativo que sufrimos aquí é moito máis reducido que o que poden sentir nun pobo máis grande ou nunha cidade.

Tanto o impacto económico, laboral, como tamén o sanitario, no noso municipio apenas se sentiu, aínda que por suposto que hai veciños e veciñas que lles tocou sufrir máis que outros toda esta anómala situación.
Non nos sentimos nin máis valorados nin menos, o que si que nos sentimos é afortunados e orgullosos por poder vivir e traballar nun pobo coma o de Friol, no que desde o minuto un, toda a poboación aportou responsabilidade e estivo sensibilizada co grave problema que temos na actualidade. De aí que sexa máis doado e foran máis efectivas todas as medidas que se adoptaron. Desexo que continuemos na mesma liña, onde predomina a coherencia e a implicación para saír o máis rápido e da mellor maneira desta situación, Con todos os sectores apoiando, como é o caso de Friol, auguro que entre todos o conseguiremos.

-Precisamente para reducir o impacto da crise do covid-19 nas vendas das industrias agroalimentarias, como queixerías, panaderías ou carnicerías, fostes pioneiros na posta en marcha de www.compraenfriol.com ¿En que consiste esta iniciativa, por qué a impulsastes e como valoras os seus resultados ata o de agora?
Esta iniciativa consiste en poñer en marcha unha plataforma de venda dixital, na que todas as empresas ou autónomos do Concello de Friol que queiran vender os seus produtos poidan facelo. Ven sendo como unha especie de Amazon, pero con produtos do municipio e só para as empresas de Friol.

 “A plataforma www.compraenfriol.com está a permitir que as queixerías, panaderías ou carnicerías de Friol teñan unha canle de venda para toda España”

Impulsouse despois de que dende o concello viramos a necesidade que durante o período do confinamento era necesario poñer a disposición da poboación todas as ferramentas posibles. Esta plataforma serviu para axudar ós produtores ou vendedores que queiran aproveitar esta canle venda. De este xeito, podían seguir vendendo, aínda que os seus establecementos físicos estivesen pechados ó público durante o confinamento. E agora mesmo serve de complemento a esas tendas ou redes de distribución de produtos que xa teñen en marcha.

Leva pouco tempo en funcionamento e aínda se están a facer modificacións que melloren a xestión de compras e vendas, e tamén se están incorporando novos negocios e novos produtos. Pero os resultados positivos xa se están vendo e a previsión é que aumente dun xeito considerable a súa actividade e o seu rendemento.

-O goberno municipal de Friol caracterízase por ser un dos que máis medidas de apoio pon en marcha cara o sector primario. Sen embargo, moitos concellos seguen a ver a agricultura e a gandería como algo a superar considerando que o progreso está nos servizos, na industria e no turismo. ¿Compartes esta valoración? ¿Que vos levou a considerar o agro o motor económico do voso concello? Cada concello ten que ser coñecedor das súas vantaxes e das súas limitacións, para así poder fomentar e explotar, no mellor sentido da palabra, eses puntos bos que poida ter cada pobo.

No noso caso, que temos moitos terreos produtivos e explotacións que se foron herdando de xeracións pasadas, e outras de nova creación, pois teremos que aproveitalo para melloralas, aumentalas, e facer o que sexa necesario, para que o seu rendemento sexa o máis elevado posible e as nosas familias poidan vivir da mellor maneira do sector primario, que é a base de calquera comunidade e de calquera economía.

“O sector primario é a base de calquera comunidade e de calquera economía”

Isto non é motivo para descoidar os outros sectores, xa que Friol conta tamén con axudas para facilitar a instalación de novos negocios e industrias que queiran vir instalar a súa actividade no noso Concello. E por suposto, temos grandes recursos turísticos que intentamos fomentar de distintos xeitos, e os cales tamén axudan a desenvolver numerosos negocios e por conseguinte, postos de traballo para o municipio.

-Falando de medidas concretas, dende o concello tedes posto en marcha medidas de apoio ás explotacións agrogandeiras como bonificacións no IBI, modificación no PXOM, subvencións para permutas de terreos…etc. ¿Podes falarnos delas e dos resultados que están a dar? Estas medidas foron adoptadas e levadas a cabo para axudar, na medida do posible, a que as explotacións melloren a súa rendibilidade e sexan máis viables.

As bonificacións dos impostos son axudas directas, pero o outro tipo de axudas son, se cabe, aínda máis importantes. Con estas medidas intentamos facilitar a posibilidade de aumentar superficies continuas de terreos, feito que leva a unha mellora significativa á hora de traballar esas terras, porque diminúe o tempo e os recursos empregados, e isto vai repercutir a curto, medio e longo prazo.

Algo importantísimo tamén, e no que traballamos cada día, é o mantemento da rede viaria municipal, que debe estar en bo estado para facilitar os accesos ás fincas, o paso de maquinaria e tamén para facilitar os desprazamentos ó casco urbano.

-O polígono industrial de Friol inaugurou hai uns meses un centro de procesado de carne de vacún ecolóxica. ¿Que medidas estades a adoptar para apoiar á industria agroalimentaria do concello?
Todo tipo de apoio en canto a bonificacións e asesoramento; é dicir, unha vez que desde o concello temos noticias de que existe un proxecto dese tipo, poñemos toda a administración local ao servizo deses inversores, sempre dentro da lexislación. Ademáis, intentamos xestionar axudas de diferentes administracións que puideran ser de interese para ese proxecto.

-Friol é tamén famoso polas súas festas gastronómicas, como a Feira do Queixo e Pan de Ousá. ¿Que cambios estades a realizar na programación destas festas a raíz das medidas sanitarias motivadas polo coronavirus Covid19?
A edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá deste ano decidimos anulala por mor do famoso coronavirus. Tomamos esta decisión antes incluso de que se decretase o estado de alarma, por previr posibles contaxios.

“Retomaremos con máis forza a Feira do Queixo e Pan de Ousá”

Sabemos que foi unha decisión que afectou negativamente ás queixerías e panaderías que venden os seus produtos nesta feira, e en definitiva ainda que foi unha decisión acertada, tamén foi un pao económico para todo o comercio local, polo que intentaremos que a próxima edición si que se leve a cabo, pero aínda non sabemos como vai ser, porque todo dependerá de como vaia evolucionando toda esta situación. O que si sabemos é que de realizarse, farase con todas as garantías sanitarias, e desde o concello habilitaremos novas medidas para darlle un novo impulso.

-Antes da crise do coronavirus foi tema de debate nos medios de comunicación a chamada España baleirada. Levamos décadas recibindo miles de millóns de euros para desenvolvemento rural pero sen embargo os resultados non deron os seus froitos, sobre todo se se compara a situación con outros países como Francia ou Alemaña. ¿En que cres que se fallou nas medidas de apoio ao desenvolvemento rural e que medidas consideras que son claves para que a xente nova quede a vivir e a traballar no rural? É certo que se falou, e se sigue a falar, da España baleirada ou baleira, e todos sabemos que é un grave problema que temos nas zonas rurais de España, pero tamén en moitos outros países do mundo.

En Friol tamén temos este problema, pero podemos presumir de que nos últimos anos moita xente nova quedou no pobo e se puxo ó fronte das explotacións gandeiras ou negocios familiares e incluso podemos contar con emprendedores que desenvolven a súa actividade no rural friolense.

“Para que o rural se manteña vivo é clave ter uns bos servizos”

Pensamos que algo básico para que o rural se manteña vivo ou que “reviva” pasa por ter uns bos servizos. Isto é no que traballamos neste equipo de goberno que dirixo. Vimos de rematar as instalacións dun novo Punto de Atención á Infancia, que estará en funcionamento no vindeiro curso que está a piques de comezar. Vaise reformar o pavillón de deportes, vanse investir case un millón de euros en obras de reformas no colexio público. Ademáis, está a realizarse a construción dun novo club fluvial e o acondicionamento das piscinas, situadas ó carón do río Narla. Acabamos de adxudicar as obras para construír un Centro Colaborativo no que xunto co recén reformado Centro Sociocultural poremos a disposición de toda a poboación do municipio espazos con premisas suficientes para a prestación de servizos, tanto no eido da economía social como a formación, e con puntos de acceso ás TIC.

Cremos que tamén é básico manter a rede viaria nun estado de mantemento axeitado para facilitar a mobilidade dentro do municipio, e tamén traballamos para conseguir que as conexións con outros concellos e coas grandes cidades galegas sexan o mais operativas posibles.

Outro problema que se vive en todos os concellos rurais é a falta de cobertura de telefonía móbil e internet que existe en determinados puntos da xeografía. Cremos que as compañías que traballan neste sector deberían ter máis en conta a esta poboación, ademais de que están recibindo cuantiosas subvencións para dar estes servizos nas zonas rurais do país, e que de momento, non estamos vendo que se solucionen. Este servizo é básico hoxe en día para que as persoas que poden desenvolver o seu traballo dende os seus domicilios non teñan que marchar para as cidades, ou para os que queren vivir no rural decidan vir facer a súa vida a Friol.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información