Carlos Martín Óvilo é o responsable do mercado lácteo da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea. Este funcionario español encárgase, por tanto, do seguimento do mercado lácteo e do deseño e execución de políticas de mercados, en particular intervención pública, paquete lácteo e medidas excepcionais.
Analizamos con el nesta entrevista a situación dos prezos do leite na UE, así como os últimos cambios normativos que se produciron e as perspectivas de futuro.
¿Están a cumprirse este ano as previsións de produción de leite na Unión Europea ou estamos a aumentala por riba do que sería recomendable?
A Comisión acaba de publicar as súas previsións a curto prazo (para o que queda de 2018 e 2019) nas que revisamos á baixa as previsións de crecemento, debido fundamentalmente ás condicións meteorolóxicas desfavorables que vivimos este ano en certas rexións da UE (vaga de frío na primavera e vaga de calor e seca no verán).
O consumo europeo e mundial de produtos lácteos segue aumentando, e polo momento non hai razóns para pensar nun desequilibrio entre oferta e demanda.
En calquera caso, hai que deixar claro que as previsións da Comisión mostran un posible escenario, factible en función de certas variables, pero de ningún modo presupoñen unha intencionalidade por parte da Comisión. Noutras palabras, a Comisión non pode nin debe conxeturar sobre canto leite hai que producir para garantir un determinado nivel de prezos. O lácteo é un mercado libre que se rexe pola lei da oferta e a demanda.
¿Cales son as previsións de prezos do leite para os próximos meses coas que traballa a Comisión Europea?
Facer previsións sobre produción é xa suficientemente complexo e arriscado como para aventurarse a prognosticar prezos. Estacionalmente, os prezos do leite na Unión Europea tenden a subir no outono, coincidindo co período de menor produción. Isto, unido á perspectiva dun crecemento equilibrado permite ser moderadamente optimista. Pero non se pode dar unha cifra concreta.
España é un dos países da UE no que os prezos menos subiron nos últimos meses. ¿A que se debe esta anomalía española?
Máis que unha anomalía diría que se trata dunha mostra de madurez: grazas aos contratos a longo prazo que se estenderon en España hai menos fluctuacións de prezos. Os prezos agora pode que estean a subir menos que a media da UE, pero tamén baixaron moito menos que a media da UE durante a pasada crise.
Unha situación similar prodúcese tamén en Francia. Por exemplo, en 2017, o prezo media do leite aumentou na UE un 12% (entre xaneiro e xuño) mentres que en España e Francia o aumento foi de só a metade (6% en España e 5% en Francia). Pero á súa vez entre xaneiro de 2015 e xuño de 2016 o prezo media UE baixou un 19% e a caída en España e Francia foi de 6-7 puntos menos.
¿Cales son os factores de inestabilidade que máis lle preocupan para o prezo do leite na UE nos próximos meses?
A clave é o equilibrio entre a oferta e a demanda, non medrar por encima das posibilidades do mercado. A principal razón para que o prezo do leite sexa demasiado baixo nun momento dado, é que haxa demasiada leite no mercado. E o sector (produtores e industria) debe anticipar de maneira integrada a posible evolución do mercado e adaptar a oferta en consecuencia.
¿Entre estes factores de inestabilidade están tamén o Brexit ou a política proteccionista do Goberno de Estados Unidos?
Hai aspectos xeopolíticos que escapan ao control do sector e que poden afectar de forma dramática á demanda, como o foi o embargo ruso de 2014. A clave neste caso é a imprevisibilidade, que impide a anticipación á que me refería na anterior resposta.
Está claro, e así se puxo de manifesto nas reunións do Consello Económico do Observatorio do Mercado Lácteo, que o Brexit e as guerras comerciais entre terceiros países crean incerteza e preocupación entre os operadores.
“Os stocks de leite desnatado en po e a súa venda non están a ter incidencia nos prezos do leite en orixe”
A UE acumula un enorme stock de Leite Desnatado en Po. Desde as organizacións agrarias propuxeron diversas medidas para que non tire á baixa dos prezos do leite en orixe. Que medidas ten previsto adoptar a UE para dar saída a este stock? Que perspectivas hai?
Nin a existencia de stocks de leite desnatado en po nin a súa venda está a ter incidencia algunha nos prezos do leite en orixe. O leite desnatado en po representa menos do 6% do uso total de leite na UE, e os prezos da manteiga da nata, e en menor medida dos queixos, permiten compensar o baixo nivel de prezos do leite en po. A proba é que se revenderon máis de 190 000 toneladas da intervención desde abril, e ao mesmo tempo o prezo do leite aumentou un 9% e o do leite desnatado en po revalorizouse máis dun 20%.
Paga a pena lembrar que os stocks de leite en po non se xeraron por capricho, senón que son o resultado de mobilizar instrumentos de xestión de crise que permitiron no seu momento amortecer a caída de prezos, fundamentalmente en 2016.
¿Que tipos de produtos lácteos están a ter un mellor comportamento nos mercados e cales son as previsións coas que traballa a UE respecto diso?
A manteiga e a nata líquida tiveron un desenvolvemento impresionante nos últimos dous anos, aínda que as exportacións de manteiga están a diminuír agora polo prezo tan elevado que temos na UE. O queixo tamén ofrece unha boa remuneración por cada litro de leite cru procesado (tendo en conta ademais que como subproduto obtense lactosoro e, en ocasións, algo de manteiga).
“As exportacións de manteiga están a diminuír agora polo prezo tan elevado que temos na UE”
E cada vez van tendo máis interese e penetración os produtos coñecidos como “ingredientes técnicos”, basicamente concentrados de proteínas de alto valor engadido, que se utilizan para a fabricación de bebidas enerxéticas, snacks para deportistas ou alimentos dietéticos e para a terceira idade, entre outras aplicacións.
O veto ruso e a política proteccionista de Trump están a afectar negativamente ás exportacións europeas de produtos lácteos. Cales son os mercados exteriores que mellor se están comportando?
O efecto do veto ruso de 2014 xa se pode dar por superado. As exportacións europeas de queixo superaron os niveis anteriores ao embargo no ano 2016 e as de manteiga xa en 2015. Con respecto a Estados Unidos, segue sendo con diferenza o principal destino das nosas exportacións de manteiga e de queixo, aínda que as cantidades diminuísen algo este ano. Non parece que haxa un “comportamento negativo”.
En valor das nosas exportacións totais de lácteos, os principais mercados son China, Estados Unidos, Hong Kong, Arabia Saudita, Alxeria e Xapón.
“En 2017 o 18% do leite da UE foi negociado por Organizacións de Produtores e o 67% comercializado por cooperativas”
Na súa comparecencia en Santiago de Compostela na xornada sobre o futuro da PAC incidiu na necesidade de que os gandeiros se organicen para controlar a oferta e autoregular a produción. Avanzouse algo neste aspecto desde o fin das cotas lácteas end 2015?
Desde a introdución do paquete lácteo en 2012, recoñecéronse preto de 330 Organizacións de Produtores na UE, a maioría delas en Alemaña e en Francia. Case a quinta parte (18%) do leite entregado á industria transformadora en 2017 foi negociado colectivamente por OPs, o que se pode considerar unha cobertura bastante razoable, tendo en conta que o 67% da produción xa está comercializado por cooperativas.
En España hai aínda moita marxe de mellora neste sentido, fai falta ter OPs que verdadeiramente cumpran co seu labor de concentrar a oferta e planificar a produción.
¿Non está a entregar a Unión Europea o sector lácteo aos vaivéns da especulación do mercado, ao renunciar cada vez máis aos mecanismos de intervención e de regulación?
A PAC evolucionou nas últimas décadas cunha clara vocación de orientación ao mercado e menor intervencionismo dos poderes públicos. Os pagos directos garanten un nivel de renda mínimo, pase o que pase nos mercados, e a intervención pública entra en xogo en caso de volatilidade extrema.
O amplo abano de medidas tomadas durante a crise de 2014-16 (máis de 20 regulamentos adoptados en dous anos) é un exemplo de que, cando é necesario, a UE dispón dos elementos necesarios para soster os mercados e axudar á súa estabilización.
“Para non repetir outra crise de prezos é clave que gandeiros e industrias planifiquen a produción”
A partir de aí, son os operadores do sector os que mellor deben comprender como funcionan os mercados e como deben afrontalos. E para iso a Comisión, a través dos seus observatorios, pon á súa disposición toda a información relevante do mercado.
¿Que leccións debemos aprender da última crise de prezos do leite de 2016?
Aínda que sexa repetitivo, a necesidade de planificar a produción de maneira integrada entre produtores e industria, para o que son necesarias cooperativas e Organizacións de Produtores.
¿Que perspectivas hai para o seguro de rendas que se barallou implantar a nivel europeo?
O instrumento segue dispoñible, e o seu uso flexibilizouse a principio de ano co regulamento Ómnibus. A partir de aí, fai falta que os Estados Membros aposten por iso nos seus programas de Desenvolvemento Rural.
¿Non se deberían establecer por parte da Comisión e de forma temporal mecanismos obrigatorios de limitación da produción en situacións de crises de prezos?
Non. Despois de 30 anos de cotas, o futuro pasa máis pola planificación por parte do sector. Non hai vontade ningunha de volver multar por producir leite na Unión Europea.
¿Que novidades prevé que incorpore a nova PAC para o sector lácteo?
Probablemente, a máis relevante das que inclúe a proposta da Comisión é a posibilidade de destinar unha parte do orzamento de pagos directos a programas sectoriais baseados en programas operacionais (ao estilo de como se artella no sector de froitas e hortalizas). Desta forma poderíase cofinanciar o funcionamento das Organizacións de Produtores, que á súa vez deberían cobrar maior protagonismo na xestión do mercado.
¿Como valora a recente medida do goberno español de incluír o país de orixe obrigatoriamente na etiquetaxe do leite e dos produtos lácteos?
A etiquetaxe obrigatoria debería limitarse a información esencial para o consumidor, e a orixe do leite non o é (dando por feito que se trata de leite da Unión Europea, claro). Un esquema de etiquetaxe voluntaria sería máis adecuado.
E non está claro como esta medida vai beneficiar realmente aos produtores españois, está por ver que os prezos que perciben vaian aumentar grazas á etiquetaxe de orixe.
Unha queixa recorrente dos gandeiros é sobre o excesivo peso da distribución, que é a que marca cara abaixo toda a cadea de valor, penalizando moitas veces aos produtores. Países como Francia acaban de regular esta situación, cunha norma que fixa as marxes para cada elo. Como a valora? Non debería ser a UE a que regulase a cadea de valor no sector lácteo?
A Comisión puxo en marcha recentemente varias iniciativas lexislativas para mellorar a situación dos produtores na cadea alimentaria. No principio do ano, co Regulamento «ómnibus», introducíronse varias melloras nas posibilidades de cooperación entre produtores. No verán presentouse unha proposta de directiva sobre prácticas comerciais desleais, e agora estamos a traballar nunha iniciativa para a mellora da transparencia na cadea.
“Hai unha expansión prometedora para as industrias lácteas en terceiros países, sobre todo en Asia e África”
Á marxe disto, é importante que os gandeiros se esforcen en coñecer e mellorar os seus custos de produción, en cooperar entre eles e en crear valor.
Como ve o potencial de España, e de Galicia en concreto, na produción láctea na Unión Europea? Que fortalezas e debilidades detecta?
Non me queda máis remedio que auto-citarme, que creo que está moi de moda ultimamente. Dediquei a este tema un capítulo dun artigo que escribín para a publicación “O sector lácteo español na encrucillada”.
De maneira global, o potencial de crecemento para o sector lácteo é indubidable. A pesar das campañas de desprestixio e fake news sobre os lácteos o certo é que o consumidor ben informado recoñece os valores nutritivos e o pracer de consumir produtos lácteos de calidade. Hai unha base sólida dentro a Unión Europea, e unha expansión prometedora en terceiros países, sobre todo en Asia e África.