Fernando Pena Miramontes está á fronte de Gandería Pena, situada no lugar de Abeleiras, pertencente á parroquia de Castenda da Torre, no concello de Tordoia. A explotación iniciouna o seu pai, que leva xa 12 anos xubilado, o que o obrigou a el a coller o relevo cando era moi novo. “Levo incorporado desde os 17 anos e a tempo completo na granxa desde os 22”, conta aos seus 31 anos.
Desde pequeno Fernando viviu todo o proceso de crecemento e modernización da explotación familiar e, chegado o momento, non dubidou en facerse cargo da gandería. “O investimento estaba xa feito e parecíame ilóxico non aproveitalo”, razoa.
“Eu son da idea de que calquera tipo de explotación leiteira hoxe en día ben levada vai adiante. Pode ser pequena, grande, antiga ou moderna; a clave non está no investimento que fagas senón na xestión e en como leves as cousas”, incide.
Fai 25 anos que non compramos ningunha vaca
Fai 27 anos trasladaron a gandería do establo que tiñan, pegado á casa familiar, a unha nova nave lonxe das vivendas, onde moxen na actualidade entre 110 e 115 vacas. “Cando viñemos para aquí estabamos muxindo 35 ou 40 vacas na casa, pero a capacidade do establo estaba moi sobrepasada. Nese momento de facer o cambio compramos algunha vaca para pasar a muxir entre 60 e 65 animais e despois fomos aumentando pouco a pouco; non se volveu mercar outro animal desde entón”, conta.
Fan eles todo o proceso de recría. No establo vello teñen as xatas de 4 a 9 meses, que volven para a nave nova para a inseminación e continuar despois o proceso de recría. “Cando empecei inseminabamos con 13 meses, pero agora mellorouse o crecemento do animais e estamos poñendo a primeira inseminación xa con 10-11 meses”, conta.
A nave ten xa 27 anos pero Fernando foille introducindo cambios buscando o benestar do gando
Á nave construída polo seu pai Fernando foille introducindo cambios e melloras buscando o benestar do gando e a facilidade no traballo e no manexo. Cando se incorporou montou nun dos laterais do establo instalacións para secas e xovencas e instalou limpezas automáticas. Máis adiante, puxo tamén ventiladores e aspersores na zona de alimentación e máis recentemente tamén na sala de espera para o muxido. “O ventilador xa o tiñamos pero mover aire quente non serve de nada. Aínda que a capacidade da sala é de 80 vacas, acostumamos meter só 50, pero aínda así cando facía calor sufrían. Ao poñer o rego notámolo moitísimo”, argumenta.
Con vistas ao futuro, pensa nunha ampliación da nave para incrementar lixeiramente a súa capacidade pero, sobre todo, aumentar o confort do gando. “Actualmente teño 125 camas no lote de produción, pero faría pasillos máis anchos e colocaría máis cepillos”, di.
Extremar o coidado da cama
Nas camas empregan unha mestura de serrín con carbonato ao 50%. “Sempre traiamos o serrín para as camas directamente de aserradoiros, pero desde fai 2 anos notei que a calidade do serrín cambiou moitísimo, non sei se é porque vén moi verde ou por que, así que desde a primavera traballamos con Galical”, explica.
Preocúpame que os animais estean cómodos
Grazas a iso, di, “os problemas de mamites relacionados co serrín acabáronse”. “Antes tiñamos moita klebsiella e iso era todo do serrín”, afirma. Ademais, destaca a comodidade no encamado desde o propio camión, que fai cada 15 días nas vacas de leite, e a facilidade no mantemento da cama. “Aquí a cama facémola 4 veces ao día: límpase ás 6 da mañá, ás 10 da mañá, ás 4 e media da tarde e antes de marchar pola noite. Unha vez á semana tiramos material para rechear os ocos e a desenfeción faise diariamente”, indica.
“A saúde de ubre témola moi controlada, igual que o estado sanitario xeral do rabaño. Tivemos un problema de pneumonías, pero solucionámolo colocando máis ventiladores e tirando tabiques para abrir máis a nave. O que fixemos foi sacar os portais nas cabeceiras e facer aperturas na parte superior dos muros laterais para que corra o aire. Agora estamos mirando tamén de poñer cumbreira”, relata.
A media de lonxevidade da granxa está entre 4 e 5 partos
Grazas a extremar os coidados do gando, a lonxevidade dos animais é unha das características de gandería Pena. “A media da granxa está en 4-5 partos, pero agora mesmo teño vacas con 8 partos dando leite e houbo algunha de 10 partos con bo estado corporal”, afirma Fernando.
Ter os animais controlados en todo momento
As novas tecnoloxías axudan a unha monitorización continua do gando as 24 horas do día, tamén nos momentos nos que non hai xente na granxa, como pode ser pola noite. Por iso, Fernando está tramitando a incorporación de colares de monitorización á explotación.
Imos incorporar colares de monitorización para ter aos animáis máis controlados e facilitar a detección de celos
“A día de hoxe contamos con tres traballadores. Hai momentos nos que pode que non haxa tanta carga de traballo pero a min o que me interesa é ter aos animais controlados en todo momento, tanto no aspecto de detección de celos como outro tipo de incidencias que poidan acontecer na granxa. Eu non son partidario de deixar a granxa soa durante o día. Aquí temos horario continuo, un empregado vén de mañá, de 6 a 2 da tarde, e o outro de tarde, de 2 a 10 da noite. A terceira persoa fai 4 horas pola mañá e 4 pola tarde, coincidindo coas horas de muxir”, explica.
Ademais de ofrecer xornada continua, desde fai 5 anos dá aos seus empregados dous días libres á semana. “Gústame ofrecer boas condicións, moitas veces mellores cas que teño eu a nivel de horario ou libranza, porque eu non ando mirando se estou aquí 5 horas ou se estou 10, teño que estar até que queda o traballo feito e unhas veces marchas antes e outras máis tarde, moitas veces a costa da túa propia calidade de vida”, recoñece.
Desde as 6 da mañá ata as 10 da noite hai sempre xente na granxa
Para reducir carga de traballo valora tamén poñer unha amamantadora, pero o sitio do que dispón é bastante xusto. “Iso a min non me convence, porque hoxe resolves pero se medras nun futuro non tes onde meter máis becerras e tes que amontoalas. Eu se fago un investimento non me gusta facelo pensando que dentro de pouco vas ter que cambialo”, argumenta.
Outra das “necesidades” que ve no sector é a robotización do muxido pola “escasa calidade da man de obra”. “Son partidario de robotizar a granxa e de poñela o máis cómoda posible para minimizar a dependencia do persoal contratado”, di.
“Nós dispoñemos de 16 puntos na sala e en dúas horas temos muxido e lavado, pero son 4 horas ao día que podes dedicar a estar facendo outras cousas e con 30 anos non podes estar pensando en muxir 2 veces ao día, pola mañá e pola tarde, os 365 días do ano ata que te xubiles”, afirma.
Seme sexado e carne
Na selección dos touros prioriza ubres e patas. “De vez en cando sae algunha becerra con patas rectas e a min non me gusta nada, pero sacalo da granxa é moi difícil”, admite. Con esa dobre premisa das patas e o ubre, está a traballar na actualidade con dous touros, un máis alto en produción de leite e outro en calidades, para tratar de compensar os dous aspectos no conxunto do rabaño. “Eu nunca investín moito en xenética pero tampouco metín touros malos; a min paréceme que para obter resultados é máis cuestión de constancia”, argumenta.
Desde fai 5 anos non baixamos dun 3,9% de graxa; supoño que influirá a xenética e a estabilidade na alimentación
Desde o ano 2007 entregan o leite a Pascual. A media de produción da granxa móvese entre 40 e 41 litros todo o ano, cun 3,9-4% de graxa e un 3,30-3,35% de proteína, menos de 100.000 células e por baixo de 10.000 en bacterioloxía.
Nas xovencas está a poñer seme sexado, pero nas vacas adultas a maioría do que usa é convencional e cos colares busca “acertar máis” para poder incrementar o uso de seme sexado e, en paralelo, poñer máis seme de carne para incrementar os ingresos da explotación pola vía da venda de xatos cruzados. “Busco sempre que sexan de moi fácil parto”, aclara.
50 hectáreas sen concentración parcelaria e a CUMA que máis quilómetros fai de toda Galicia

En Castenda da Torre non hai concentración parcelaria e as fincas son pequenas
Gandería Pena manexa unhas 50 hectáreas de superficie agraria, 29 delas en propiedade e o resto arrendadas. O problema na zona, di, é o pequeno tamaño das parcelas, o que limita a produtividade das fincas e dificulta os traballos coa maquinaria. “Estamos no límite co concello de Trazo. Alí teñen concentración parcelaria e ves fincas grandes, pero aquí hai leiras de 2 ferrados (cada ferrado son 625 metros cadrados), leiras dun cuartillo. Téñome atopado con fincas que á hora de labrar o millo teño que facer 5 cadullos”, conta.
O proceso de concentración parcelaria na parroquia de Castenda iniciouse fai 2 anos e neste momento estase no proceso de medición. “Estamos esperando a ver que pasa e como se distribúen os terreos, porque depende como queden para min pode supoñer un cambio moi bo. Actualmente teño pouco terreo pegado ao establo para ampliar. Se me queda unha finca aquí podería meter un ou dous pórticos máis para facer sitio para traer a recría que teño agora na casa para aquí, unificando toda a explotación, o que che permite traballar doutra maneira”, asegura.
Aquí non temos concentración parcelaria e téñome atopado leiras de 2 ferrados nas que hai que facer 5 cadullos para poder labrar o millo
Outro dos investimentos que lle permitiría acometer o feito de ter máis terreo pegado á explotación sería construír outro pozo de purín para ter máis capacidade de almacenaxe e poder gardalo así para as dúas épocas de sementeira. “Na actualidade eu teño que baleirar o pozo 4 ou 5 veces ao ano, porque fai 27 anos as granxas facíanse con menor capacidade de almacenamento de xurro”, di.
Fan eles parte do traballo agrario, aínda que hai anos nos que teñen que recurrir máis a empresas externas ca outros. “Depende moito de como veña a campaña. Se non estamos moi apurados tratamos de facer nós parte do traballo, pero se nos apura o tempo contratamos. Desde fai 7 anos traballamos coa empresa de servizos Iván SC, de Cerceda, e normalmente fan eles a metade e nós a outra metade, pero este ano, por exemplo, a herba veu máis tarde e fixeron eles todo. Así, en dous días tiñámola toda no silo para poder botar o millo”, explica.
Gran húmido e máis proteína no silo de herba
Das 50 hectáreas que teñen, este ano sementaron 40 a millo. “Botamos algo máis que habitualmente porque o ano pasado colleuse máis tarde o millo e nunhas parcelas nas que xa estaba bastante seco fixemos gran húmido. Probeino e penso que hai un aforro significativo, así que este ano xa deixamos 4 ou 5 hectáreas para iso. Non botamos máis porque temos dificultades despois á hora de gardalo por cuestións de espazo onde temos os silos e o establo”, explica.
“Por iso tampouco usamos bagazo, aínda que a tendencia a futuro é ir a iso e o ideal sería ter dous silos máis estreitos, do tamaño do tractor unicamente, un para o gran húmido e outro para o bagazo”, di.
Levan 2 anos facendo gran húmido e este ano labraron tamén leguminosas para incrementar a calidade do silo de herba
Cando levantan o millo rotan case toda a superficie con herba, agás unhas 4 hectáreas moi húmidas nas que non dan entrado. “Teño probado a botar chícharos para a PAC pero despois á hora de volver botar o millo o terreo estaba moi apelmazado, porque canto máis moves a terra máis encharca, así que agora optamos por deixalo sen nada”, conta.
No resto, sementan unha mestura de raigrás híbrido con raigrás italiano e até agora nalgunha zona incluían tamén trevo, pero este ano optaron por reservar algunha finca só a trevo para ensilar despois mesturado co raigrás e tratar así de incrementar a calidade do silo de herba.
CUMA para o servizo de carro mesturador
Ademais de poñer o énfase na calidade das forraxes, Fernando emprega tamén na ración un produto de fabricación galega, Galmix Toxigal, para estabilizar a mestura e evitar a súa fermentación no pesebre en épocas de calor. Tamén o bota cando abre un silo novo, xa que entre as funcións do produto está a de secuestrante de micotoxinas e é nas beiras do silo onde pode haber maior risco. “Prefiro curarme en saúde, que a comida estea ben e evitarme problemas”, di.
A CUMA dispón de dous chóferes, que se turnan semanalmente ou cada 15 días
O servizo de carro mesturador proporcíonallo a CUMA Tordoia Cooperativa Galega, que reúne a granxas de distintas parroquias nun percorrido que inclúe Xesteda, Santaia, Castenda, Cabaleiros, Bardáns e Lesta. “Dá a volta totalmente ao concello, é a CUMA máis grande que hai aquí na volta; non sei se é o carro que máis vacas leva, pero si o que máis percorrido fai”, explica Fernando.
Galego









Control OJD