“Para as granxas de leite é moi complicada esta inestabilidade, por iso están parando os investimentos”

Henrique Moniz é xuíz internacional e forma parte da Asociación Portuguesa de Criadores de Raza Frisia. A comezos de abril foi o encargado de xulgar na Moexmu o Concurso Autonómico Fefriga 2022. Aproveitamos para entrevistalo e analizar con el a situación da produción de leite no país veciño

O xuíz internacional portugués Henrique Moniz durante o Concurso Autonómico Fefriga 2022 celebrado na Moexmu

O xuíz internacional portugués Henrique Moniz durante o Concurso Autonómico Fefriga 2022 celebrado na Moexmu

Henrique Moniz coñece ben o sector leiteiro portugués. Procede dunha familia de gandeiros da illa de São Miguel, no arquipélago das Azores, a principal zona de produción de leite de Portugal. A explotación familiar, Herdeiros de Manuel Elías Melo Moniz, pertence na actualidade á súa nai e aos seus tíos.

No ano 2007, con 24 anos, Henrique entrou a traballar na Asociación Agrícola de São Miguel, onde coordinou o servizo de control leiteiro, e no 2015 trasladouse ao departamento de nutrición animal da fábrica de pensos de Santana da cooperativa União Agrícola, polo que coñece de primeira man a situación actual de encarecemento dos custos de produción ao que están a facer fronte as explotacións.

– Como está a situación dos custos de produción neste momento en Portugal?
– A situación é semellante á que pode haber en Galicia, polo que falo con xente de aquí. Os custos están a subir moito, primeiro debido á pandemia e agora á guerra de Ucraína. Sempre hai unha razón para subir os custos; o que sucede é que o prezo do leite non acompaña a subida dos custos.

O incremento producido no prezo do leite de entre 3 e 4 céntimos non está a ser proporcional á suba dos custos de produción

Tivemos algunhas pequenas subas de 3 ou 4 céntimos no prezo do leite, pero non compensan o que efectivamente os custos están a subir. Os factores de produción están a subir máis, dun xeito que non é proporcional ao incremento do prezo do leite.

– Que estratexias se están a seguir nas granxas portuguesas para facer fronte á actual situación?
– O que algunhas explotacións están a facer é dar menos penso e retirar aquelas vacas que son menos produtivas. Neste momento temos moitas granxas que están ameazadas porque os custos de produción non se ven acompañados polo prezo do leite e que están a abandonar.

O mercado con este nivel de inestabilidade non nos dá garantías de futuro

Esta é unha das peores situacións que viviu o sector, porque sempre houbo algunhas crises de prezos pero neste momento é imposible prever como vai evolucionar a situación, o mercado está inestable e non se poden facer investimentos porque non sabemos como vai estar a cousa dentro de 2 ou 3 meses. O prezo dos cereais, dos fertilizantes ou dos combustibles mudan dun día para outro e non se consegue neste momento prever o que vai acontecer e iso dificulta facer investimentos que son sempre necesarios nas explotacións. O mercado con este nivel de inestabilidade non nos dá garantías de futuro para proxectar o noso negocio a medio prazo. É moi complicado traballar sen saber como van ser as cousas o día de mañá.

– Ti procedes dunha familia gandeira das Azores, onde a alimentación a base de pasto pode ser unha vantaxe competitiva para as granxas nun momento de prezos altos dos insumos coma este.
– Nas Azores temos as vacas sempre en pastoreo e son suplementadas con ensilaxes e penso á hora do muxido. Iso fai que teñamos menores custos a nivel de instalacións ou maquinaria, pero somos máis dependentes das condicións meteorolóxicas.

Nas Azores temos menores custos a nivel de instalacións ou maquinaria, pero somos máis dependentes das condicións meteorolóxicas

Ademais, producimos leite en illas pequenas e temos outros contratempos como que as parcelas son tamén pequenas, que son factores que nos limitan un pouco. É certo que ao alimentar as vacas a base de pasto somos un pouco menos vulnerables neste momento pero hai que ter en conta que a suba dos cereais e os fertilizantes ten sido moi grande e se non fose por unha serie de apoios que hai da Unión Europea as granxas nas Azores terían moi difícil mercar estes insumos polo encarecemento engadido que supón levalos desde o continente; esas axudas atenúan un pouco o custo do transporte, que doutro xeito sería moi elevado.  

– Como está a evolucionar a produción de leite nas Azores nos últimos anos?
– Nos últimos anos estamos a ter unha redución de leite, tanto en termos de produción como de número de granxas. A maiores dos problemas dos custos de produción hai outros, como son a falta de man de obra. É complicado atopar persoas para traballar na agricultura e no sector leiteiro máis en concreto, que é bastante esixente en termos de man de obra capacitada.

Algunhas explotacións de leite estanse a pasar á carne. Nos últimos 10 anos a redución foi do 5% da produción

O número de explotacións gandeiras mantense, cunha pequena redución que non é significativa, pero estamos tendo algunhas explotacións leiteiras que se están a reconverter cara a produción de carne e o Goberno está a incentivar tamén a redución da produción de leite. Nos últimos 10 anos a redución está a ser de case o 5% da produción.

Até agora as fábricas de leite dicían que non subía o prezo porque había exceso de produción e agora que se está a reducir están preocupadas porque falta leite. É un pouco irónico por parte das industrias.

“Nos concursos hai que fixarse sobre todo nos aspectos produtivos, pois tentamos escoller os animais que serán máis rendibles nunha explotación”

Un momento do Concurso Fefriga 2022 celebrado a comezos de abril en Muimenta

Un momento do Concurso Fefriga 2022 celebrado a comezos de abril en Muimenta

Henrique Moniz forma parte desde o ano 2012 do grupo de xuíces da Asociación Portuguesa de Criadores de Raza Frisia (APCRF) e conta con experiencia internacional en concursos de España, Países Baixos e Hungría.

– Como viche o Concurso Autonómico da Moexmu que xulgache este ano?
– Os gandeiros en Galicia están a un nivel moi alto, con animais fantásticos e con seccións do concurso con moitos animais todos moi bos. Xa coñecía o alto nivel existente porque teño vido noutras ocasións aos concursos de gando que se celebran, comecei a vir á Semana Verde e a Gandagro a partir do 2004 e tamén temos boa relación con CONAFE e coas asociacións de gandeiros e organizamos conxuntamente algunhas escolas de xuíces. Polo tanto, sabía que o nivel ía ser elevado, iso non me sorprendeu, pero o que non agardaba era que houbera tantos animais a un nivel tan alto.

– Que aspectos valoras á hora de escoller unha vaca campiona?
– Temos que reflexionar sobre as características morfolóxicas, por tanto, buscar aqueles animais que serán máis rendibles nunha explotación. Para iso temos que fixarnos esencialmente nos aspectos produtivos, pois tentamos escoller aqueles animais que serán máis produtivos e rendibles para os gandeiros. Para iso é fundamental que teñan unhas boas patas e uns bos ubres para garantir que van estar moitos anos producindo leite na granxa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información