“Para esta campaña non vai haber problemas de stock de fertilizante”

Henar García del Olmo, secretaria xeral da Asociación Comercial Española de Fertilizantes (ACEFER), que engloba ás principais empresas distribuidoras, envía unha mensaxe de tranquilidade cando está a piques de iniciarse a campaña de sementeira do millo en Galicia, condicionada este ano polos altos prezos do abono

fertilizantes Acefer Henar

A secretaria xeral da Asociación Comercial Española de Fertilizantes (ACEFER), Henar García del Olmo

Maio é o mes por excelencia para a sementeira do millo forraxeiro en Galicia e a época do ano de maior consumo de fertilizantes. Pero esta campaña preséntase complicada polos altos custos dos abonos e os combustibles, que afectarán ao prezo de sementeira das preto de 70.000 hectáreas que se labran para alimentar a cabana gandeira dedicada a produción de leite (324.000 vacas).

Nun momento de prezos altos das materias primas para a alimentación animal, contar con silo de millo dabondo é esencial para garantir a viabilidade das explotacións aínda que o seu custo final este ano tamén se verá incrementado notablemente polo encarecemento tanto do cultivo como do ensilado, motivado pola alza que experimentaron os fertilizantes, o gasóleo ou os plásticos.

Galicia sementa o 70% do millo forraxeiro que se labra no conxunto do Estado

A inestabilidade meteorolóxica das últimas dúas semanas condicionou a ensilaxe de herba e, en consecuencia, o levantamento das praderías para a tradicional rotación co cultivo de millo, pero en canto o tempo mellore, arrincará de cheo a campaña.

O millo é un cultivo altamente demandante de nitróxeno, así como doutros nutrintes, polo que a fertilización é un dos elementos condicionantes da colleita final. En materia de abonos este 2022 partía a comezos de ano cunha subida importante de prezos, atenuada no mes de febreiro, pero que a guerra en Ucraína veu de novo a desestabilizar.

A guerra en Ucraína desestabilizou de novo o mercado, que no mes de febreiro comezaba a atenuar prezos

O freo ás importacións rusas, as dificultades para a saída de mercadorías dos portos do Mar Negro e os problemas loxísticos xerados en terra polas dúas semanas de paro do sector do transporte, que mesmo obrigou a utilizar tractores no porto da Coruña para garantir a descarga de buques cargados con fertilizante, facían temer incluso un desabastecemento de produto que nestes momentos está descartado.

Falamos con Henar García del Olmo, secretaria xeral da Asociación Comercial Española de Fertilizantes (ACEFER), que engloba ás principais empresas distribuidoras, e que analiza nesta entrevista para Campo Galego cales son as perspectivas a día de hoxe.

– Cal é a situación actual no mercado de produción e distribución de fertilizantes?
– Viñamos dunha situación de preocupación no campo pola climatoloxía e a escaseza de choivas, principalmente na zona Sur de España, a cal, coas precipitacións dos últimos días cambiou reactivándose deste xeito o consumo de fertilizantes, que se mantiña practicamente parado. En cuestión de dez días cambiou por completo o panorama e pasamos da preocupación de ver que os consumos se podían reducir de maneira importante á preocupación de dispoñer de produto cando o agricultor o necesite.

O consumo de fertilizantes mantíñase practicamente parado pero reactivouse tralas choivas das últimas semanas

Nestes momentos, a preocupación do sector da distribución son os stocks e a futura dispoñibilidade de produtos para abastecer os pedidos que, como indicamos, se reactivaron de golpe co que iso conleva. Existen incógnitas sobre o consumo, que empezou moi frouxo e parece difícil que recupere niveis de anos anteriores, pero se as previsións de choiva se manteñen e se cumpren prevese que a campaña finalice dun modo aceptable.

– Como está a influír a guerra en Ucraína e as restricións comerciais impostas a países como Rusia ou Bielorrusia sobre o sector?
– Polo momento as restricións comerciais non tiveron unha repercusión directa en canto ao stock de produtos  se refire. Ninguén sabe canto durará o conflito de Rusia, pero nestes momentos a nivel europeo e a nivel nacional hai moita incerteza porque hai moitos factores a ter en conta.

Polo momento as restricións comerciais non tiveron unha repercusión directa en canto ao stock de produtos se refire

Indubidablemente as subidas nos prezos do gas si que están a ter repercusións en canto ao prezo dos fertilizantes, cuxa evolución nos últimos meses era de prezos a uns niveis superiores que en anos anteriores, posteriormente parece que algúns deles estabilizábanse, como a urea, pero por mor do conflito, volveron a unhas apreciables subidas.

– Poderían escasear materias primas como potasa ou fosfatos debido a que unha parte importante procede destes países?
– De acordo cos datos que desde ACEFER manexamos sobre as importacións de fertilizantes a nivel España procedentes de Rusia, Bielorrusia e Ucraína obsérvase que os produtos fertilizantes importados son aproximadamente un 9% do total das importacións do resto de países, o cal tampouco parece unha cifra elevada.

De Rusia, Bielorrusia e Ucraína proceden aproximadamente o 9% das importacións de fertilizantes a España, pero na UE esa cifra sitúase no 25%

Agora ben, esta cifra varía se nos fixamos nas importacións á Unión Europea desde os países en conflito, onde a cifra sitúase nun 25% aproximadamente. Dada a nosa pertenza á Unión Europea, debemos ter presente que o que afecte a un dos países membros poderá repercutir directa ou indirectamente no resto. É certo que algúns produtos poderán verse afectados, pero entendemos e temos posta a mirada en que poderán substituírse con outros produtos así como outras procedencias.

– Cal pode ser o efecto da escalada no prezo do gas?
– A incerteza sobre a escalada do prezo do gas, sen dúbida, é o quebradoiro de cabeza non só do noso sector, senón de moitos outros sectores. Toda a actividade agraria depende directa ou indirectamente do prezo do gas. Se o gas e a luz continúan coas subidas que se están vendo, indubidablemente terá repercusións porque provocará tamén subidas nos insumos. Se custa máis producir fertilizante, o prezo deste verase incrementado.

Toda a actividade agraria depende directa ou indirectamente do prezo do gas

Non sabemos canto durará o conflito, pero se continúa no tempo haberá que pensar en tomar posibles medidas para que o prezo do gas siga sendo asumible para os produtores, e poidan continuar coa súa actividade, cubrindo así as necesidades dos cultivos.

– Están a funcionar con normalidade as plantas de fabricación tanto europeas como españolas?
– Só temos constancia de que o fabricante Yara reduciu a súa actividade debido ao prezo do gas. O resto de plantas de fabricación continúan a súa actividade e así seguirán a condición de que non se chegue a uns prezos do gas inasumibles polas empresas fabricantes.

– Hai suficiente stock para afrontar a campaña de primavera?
– A curto prazo, para esta campaña non parece que vaia a haber problemas de stocks, porque os produtos xa están no mercado, e estanse consumindo. Como comentei anteriormente, coas recentes choivas notouse por parte do agricultor a provisión de fertilizante.

Para substituír os fertilizantes e cereais que importabamos de Rusia e Ucraína haberá que buscar outras orixes, pero eses produtos deixarán de abastecer a outras zonas ou países

Nun mundo globalizado coma o noso, existen moitas relacións comerciais, e cando algunha delas se rompe, búscanse outras. Evidentemente estes cambios nas relacións comerciais inflúen aos mercados que neles están. En definitiva, para equilibrar os produtos que importabamos de Rusia e Ucraína, xa sexan fertilizantes, cereais, ou outros produtos, haberá que buscar outros mercados, outras orixes, pero estas orixes para abastecernos a nós deixarán de abastecer a outras zonas ou países. É unha ecuación na cal, se unha variable desaparece, inflúe no resto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información