“Para emprender no rural hai que analizar moi ben o mercado e non cargarse de gastos fixos”

Entrevista a José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, que durante este mes ten aberto o prazo para o VI Programa de Emprendemento Agroalimentario. Destaca que a horta ou as plantas aromáticas e medicinais son sectores con potencial de crecemento e critica la excesiva burocracia e regulación para crear unha empresa agraria.

“Para emprender no rural hai que analizar moi ben o mercado e non cargarse de gastos fixos”

José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega

José Manuel Andrade é director da Fundación Juana de Vega, unha institución implicada decididamente na aposta por un rural vivo e produtivo a través do seu Programa de Emprendemento Agroalimentario. Esa iniciativa, que este ano chega á súa sexta edición, presta un asesoramento e un apoio integral a aquelas persoas que queiran montar unha empresa no sector agrario ou agroalimentario.

Por que decidiu a Fundación Juana de Vega poñer en marcha o Programa de Emprendemento Rural hai xa cinco anos? Que baleiro ven a cubrir?
Naquel momento, en plena crise económica, detectamos que moita xente miraba de novo para o rural, para tratar de aproveitar activos que tiña a familia, que estaban abandonados, ou ben, como non tiñan traballo, pois pensaban en poñer en marcha aquela iniciativa empresarial no rural de Galicia que tiñan na cabeza desde había tempo, e consideraban que ese era o momento de facela realidade.

Por outra banda, había xa algunhas iniciativas para fomentar o emprendemento, como aceleradoras, viveiros de empresas, case sempre cunha orientación “tecnolóxica”, pero ningunha específica de emprendemento no eido agroalimentario e forestal, cun asesoramento integral e especializado nestas áreas.

Polo tanto, o programa de emprendemento creouse para dar satisfacción a esta demanda e cubrir un espazo para abrir posibilidades de emprendemento, aproveitando as oportunidades que nos brindan a terra e os recursos do noso territorio.

Que lle ofrecedes aos posibles destinatarios?
As persoas que resulten seleccionadas para participar no programa van recibir asesoramento durante un ano de maneira gratuíta, para axudarlles a desenvolver a súa idea de negocio, desde a definición da mesma baseada nunha proposta de valor orientada ao cliente e procurando diferenciarse da competencia.

Para iso é necesario estudar o mercado, os clientes, as preferencias dos mesmos, onde están, e como imos chegar a eles, a través de que canais, as relacións a establecer cos mesmos, así como todos os procesos necesarios para prestar o servizo ou elaborar o produto obxecto da actividade da empresa.

 “Prestamos unha axuda integral e especializada orientada á creación de empresas no sector agroalimentario e forestal”

Un aspecto moi relevante, ao que se lle presta tamén especial atención é o financeiro; é dicir, estrutura de custos, necesidades de investimento, de circulante, previsión de ventas e estacionalidade das mesmas. Todo isto é necesario para elaborar un plan de empresa rigoroso, que nos axude a valorar axeitadamente os riscos e a viabilidade da iniciativa empresarial.

Pero ademais deste traballo, o programa de emprendemento vai máis aló, xa que ten unha parte destinada ao asesoramento na constitución da empresa, na definición da forma xurídica, elaboración de estatutos, formalización das achegas de capital, de incorporación de socios, así como centrada na procura de financiamento a través de entidades financeiras ou doutros instrumentos financeiros dispoñibles, e mesmo axuda na tramitación de subvencións. En definitiva, é unha axuda integral e especializada orientada á creación de empresas no sector agroalimentario e forestal.

Coa experiencia acumulada en xa cinco edicións do programa de emprendemento, ¿cales son as principais dificultades ás que se enfrontan aquelas persoas que queren emprender no rural?
As dificultades de emprender no rural son as mesmas que noutros ámbitos: require de esforzo, de dedicación e crer no proxecto por parte do emprendendor. Polo tanto, o éxito da iniciativa case sempre depende unicamente das capacidades do emprendedor, e claro está, tamén do produto ou servizo no que se basea o negocio. Pero as capacidades e habilidades persoais do emprendedor son fundamentais.

“As trabas burocráticas son unha dificultade engadida para emprender no rural”

No caso particular do sector agroalimentario, quizais poderíamos dicir, como dificultade engadida para emprender, as trabas burocráticas para o desenvolvemento de determinadas actividades. Por poñer un exemplo, pequenos matadoiros para aves, que noutros lugares como en Francia están resoltos cunha lexislación que permite sacrificar nas explotacións, aquí non se permite, porque todo está pensado para grandes iniciativas, digamos que para grandes industrias. En xeral, a maraña lexislativa de diferentes administracións, case sempre é a que dificulta a posta en marcha de iniciativas empresariais, e digamos que son factores do entorno.

“A horta ou as plantas medicinais e aromáticas, son dous sectores con marxe para medrar”

¿E cales serían os nichos de actividade na produción primaria agraria ou gandeira, nos que dende a Fundación Juana de Vega detectades máis posibilidades de mercado en Galicia?
Un sector no que vemos que hai potencial e marxe para medrar é o da horta. As nosas condicións climáticas e edafolóxicas son axeitadas, temos tamén variedades locais autóctonas que permiten a diferenciación, e temos cada vez máis consumidores que queren este tipo de produtos e superficies comerciais que teñen espazos específicos para eles e que están dispostas a comprar produtos de horta de Galicia.

Outra oportunidade atopámola nas plantas medicinais e aromáticas, das que en Galicia case non hai nada, pero moitas delas teñen un gran valor engadido, e son demandadas pola industria farmacéutica, cosmética ou alimentaria e en moitos casos, danse xa de maneira natural en Galicia.

A aposta por razas autóctonas de gando, tamén consideramos que son unha oportunidade, pero ten que ir especificamente orientada á canais que valoren a diferenciación, porque se entramos na canle xeneralista, non lles vai interesar diferenciar as producións e por tanto non obteremos un prezo diferenciado polo produto.

O aproveitamento de soutos, moitos deles en estado de abandono e sen silvicultura é unha iniciativa rendible economicamente, aínda que agora temos unha ameaza derivada da “avispilla do castaño”, que pode afectar negativamente á súa rendibilidade e cuxo impacto hai que valorar axeitadamente.

E despois, en mercados moi de nicho, temos oco para produtos transformados que xeren un maior valor engadido, aproveitando produtos galegos de calidade, tanto de castaña, de horta, do mar, e xa máis a gran escala, hai oportunidade nos pequenos froitos, como arandos, fresas e framboesas.

¿Notades que está a cambiar o tipo de persoa que decide emprender no rural, e tamén a súa percepción social?
O rural de Galicia cambiou moito nos últimos anos. Hoxe o rural no é atraso no sentido que antes se lle daba, e o cambio no rural amósase na xente que vive nel ou decide emprender nel.

Estes cinco anos de experiencia, permítennos dicir que o 75% das persoas que presentaron proxectos á Fundación son titulados universitarios, o 65% deles traballan ou desenvolven outras actividades empresariais ou profesionais, e ven oportunidades de negocio no rural que queren levar adiante. Moitas veces sacándolle partido a activos que teñen na casa, ou que están aí sen que ninguén se aproveite deles.

 “O 75% das persoas que nos presentaron proxectos son titulados universitarios”

En canto á percepción social, coido que cada vez, pola tipoloxía de xente que decide vivir ou traballar no rural, impórtalle pouco a percepción que outros teñan deles. Son xente formada, cunha visión do mundo ampla e saben o que queren, independentemente do que outros poidan pensar sobre do rural.

Con todos os proxectos que tedes seguido nestes anos, ¿Poderías destacar aqueles máis innovadores e ou máis exitosos economicamente?
Cinco anos que en realidade son menos de catro desde a creación das primeiras empresas, son poucos anos para valorar o éxito dunha iniciativa empresarial, en calquera ámbito, e no sector agroalimentario especialmente.

Hai que pensar, por exemplo, que determinados tipos de cultivos, xa tardan cinco anos en empezar a producir cun certo rendemento, polo que coido arriscado aventurarme a anticipar que iniciativas das que teñen participado no programa son exitosas ou van ser exitosas no futuro. A realidade é que moitas delas están no mercado e están sendo rendibles, e nalgúns casos xerando postos de traballo no rural.

En canto a proxectos innovadores, podería destacar un proxecto no ámbito dos servizos á industria agroalimentaria, creando algo que non existe en Galicia, para testar desde o punto de vista sensorial novos produtos ao mercado, antes de lanzalos, un servizo que só teñen, soportado por departamentos internos, as grandes multinacionais.

Como outras iniciativas innovadoras destacaría proxectos de produción, procesado e comercialización de plantas medicinais para a industria farmacéutica, con desenvolvemento de patentes con universidades; proxectos de produción de plantel ecolóxico para horta, que os produtores en ecolóxico teñen que comprar fóra porque en Galicia non hai. Proxectos de aproveitamento integral de colmeas para a comercialización de mel e de outros produtos, incluso con aplicación farmacéutica, como a apitoxina. Produtos delicatessen transformados, como xaleas de froitos, moi demandados no mercado anglosaxón, ou de diferentes combinacións de castaña en ecolóxico, con mel e boletus, ou mesmo proxectos para o desenvolvemento e comercialización de software de xestión e control de explotacións…..etc

En definitiva, proxectos moi diversos e interesantes que amosan que no rural hai xente con ideas e capacidades, que conecta co que dicía antes de que o rural mudou moito.

E a todas aquelas persoas que queren buscar unha oportunidade laboral nas producións agrogandeiras ¿Que consellos básicos lles darías tanto do que se debe facer como do que non?
O primeiro que hai que pensar é no mercado, nos clientes e no que eles demandan, para poder definir unha proposta de valor que nos diferencie da competencia. Hai que analizar ben o mercado, facer unha correcta previsión de ventas, conservadora, e analizar moi meticulosamente os custos nos que imos incorrer en todo o proceso desde a produción ata a venta.

 “Aos emprendedores diríalles que hai que pensar sempre no mercado e non cargarse de custos fixos”

É moi importante non cargarse de custos fixos, de investimentos, que en caso de non cumprir as expectativas de vendas, vannos lastrar economicamente e comprometer a viabilidade do negocio. Neste sentido, recomendo aproveitar moitas capacidades ociosas de todo tipo, subscribindo contratos de arrendamento, de maquila, etc, co obxectivo de traballar a custes variables.

Outro aspecto importante é a determinación das necesidades de financiamento e seleccionar axeitadamente as fontes de financiamento a empregar e o custo das mesmas, e nunca poñer en marcha un negocio pensando no apoio público a través de subvencións. As subvencións, se veñen ben, pero non podemos condicionar o negocio á obtención das mesmas.

Por último, ¿Que lle demandarías ás distintas administracións para apoiar a esta xente que quere apostar por vivir do agro? Ou dito doutro xeito, ¿Cales son as eivas que considera que frean o desenvolvemento rural en Galicia?
As eivas xa foron apuntadas: excesiva regulación sectorial, e moita burocracia. Polo demais, penso que hoxe hai multitude de instrumentos públicos que apoian o emprendemento, desde o IGAPE, Xesgalicia ata a Consellería do Medio Rural, a través das medidas do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. Hai moita información e moi dispersa, que ás veces cústalle atopar a quen quere emprender no rural.

Por iso penso que sería interesante crear un portelo único ao emprendemento no rural, onde o empredendor poida tramitar todo tipo de permisos, licenzas, rexistros sanitarios etc, e mesmo poida escoller e tramitar as axudas dispoñibles de diferentes Consellerías e mesmo de diferentes administracións.

“A administración debería crear un portelo único para o emprendemento no rural”

Outro aspecto importante, que podería poñerse en marcha a través do PDR, sería reforzar os servizos de asesoramento empresarial especializado e de acompañamento aos emprendedores nos primeiros anos de vida das empresas, que pola experiencia destes cincos anos que temos, son moi valorados por estes, nun momento nos que soen estar moi sós fronte ao mercado.

Algo máis que queiras engadir?
Pois simplemente animar a aquelas persoas que teñen idea de poñer en marcha unha empresa no sector agroalimentario e forestal, ou aquelas empresas xa existentes que queiran lanzar un novo produto ou servizo ao mercado ou reorientar o seu modelo de negocio, a que presenten a súa iniciativa a través da web da Fundación Juana de Vega, que analizaremos con moito gusto para tratar de axudarlle a facelo realidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información