Os problemas dixestivos son, xunto cos respiratorios, as dúas principais ameazas para as becerras lactantes. Para atallar os síntomas de deshidratación cada vez son máis as ganderías galegas que confían na efectividade dos produtos que fabrica a empresa Galidiet.
Coñecemos a experiencia de tres granxas galegas que levan tempo empregando tanto o alimento complementario READIET STOP como os sobres rehidratantes NEODIET PLUS para tratar as diarreas.
A recría representa o futuro de calquera explotación leiteira
Coas dificultades engadidas que supón na actualidade aplicar sueros e outro tipo de tratamentos, contar con medicamentos naturais sen prescrición veterinaria como os que ofrece esta empresa asentada na Terra Chá é unha garantía para as explotacións gandeiras.
Os produtos de Galidiet incrementan a apetencia de animais con episodios de descomposición, mellorando a súa hidratación e a absorción de nutrientes e aplicados de xeito preventivo reforzan o estado inmunitario do animal para afrontar situacións traumáticas como os cambios de lote.
“Actuar rápido é a mellor maneira de atallar o problema e evitar que pase a outros lotes”
Marcos Prado é o titular da explotación Prado y Lozano SC, ubicada no lugar do Ladelo, na parroquia de Santalla de Rioaveso, pertencente ao concello de Cospeito pero raiando xa con Vilalba.
Marcos ten 38 anos pero leva toda a vida entre vacas e xatas, desde que aos 18 anos se incorporou á granxa familiar. “Sempre acordo becerros con diarrea e probamos produtos de todas as marcas e casas comerciais até que hai tres anos demos cos de Galidiet. A efectividade é moito máis alta, non ten nada que ver cos outros. Como mellor se sabe é probando nas granxas”, di.
Probamos sobres de todas as marcas pero coma estes non hai ningún
“Ti ves que cando unha becerra está descomposta ou lle notas algo de deshidratación e lle das o sobre xa recupera e ao día seguinte está moito mellor e arrinca a comer de novo. Normalmente con repetir o tratamento dúas veces é suficiente”, asegura.
Aínda que NEODIET PLUS se pode dar coas tomas normais de leite, Marcos prefire mesturar os sobres en auga, “porque o fundamental neses momentos é rehidratar o animal”, xustifica. “Despois, en canto vemos que mellora un pouco xa o volvemos de novo ao leite”, conta.
Nós mesturamos o sobre co auga, porque cando unha xata está descomposta o que interesa é rehidratala e non fas nada dándolle leite
“O mellor é actuar rápido; deste xeito con 2 ou 3 sobres o xato sae para diante sen ningún problema. Antes ás veces tiñamos que recurrir ao suero, pero hoxe iso é moi complicado, porque aos gandeiros non nolo deixan subministrar e ten que vir xa un veterinario a poñelo, pasa coma co calcio”, quéixase.
“Está ben controlar o uso de antibióticos para evitar os problemas de resistencias en humanos, pero eu penso que este tipo de restricións van en contra incluso do benestar animal e da propia supervivencia de moitos xatos e vacas que antes que salvaban e agora non, porque non hai ferramentas para logralo”, asegura.
Eu penso que a restrición no uso de tratamentos penaliza o benestar animal
Por iso, destaca Marcos, cada vez é máis importante contar con produtos efectivos que se poidan administrar sen receita, como ocorre cos sobres de Galidiet, elaborados a partir de produtos naturais como xema de ovo ou sementes de plantago ovata, unha planta que provén da India e que proporciona regulación intestinal. Trátase dun regulador natural do tránsito, moi rico en fibra, que desta forma absorbe auga dentro do intestino e axuda a que as diarreas e a perda de auga se corten rapidamente.
“A melloría é evidente xa ao día seguinte, o animal deixa de estar decaído porque actúa de rehidratante, evitando deste xeito ter que usar medicamentos. Para min a efectividade é máxima, débenos vender coma churros”, bromea.
Instalacións e condicións ambientais
Os cambios de tempo son os momentos máis propicios para a proliferación das descomposicións en becerros nas granxas. “É cando os virus e as bacterias atopan mellores condicións para multiplicarse e actuar”, asegura Marcos. “Cando veñen días de calor hai que estar moi atentos, porque as altas temperaturas xa de por si deshidratan aos animais e por enriba se está descomposto moito máis”, di.
Cando veñen días de calor, por moi ben que fagas as cousas, sempre pode aparecer un problema, polo que hai que estar moi atentos
Outro dos factores determinantes son as instalacións. No seu caso, como na maioría de granxas leiteiras, adaptaron unha parte do establo vello para a recría. É unha nave bastante ventilada e que permite unhas condicións de amplitude axeitadas, sobre todo na zona de boxes individuais, que teñen unhas dimensións de 2,20 metros de longo por 1 metro de ancho, polo que nesta gandería optaron por retrasar o paso das becerras á amamantadora até despois das 2 semanas de vida. “Nese momento os animais xa superaron a fase máis crítica e case te podes desentender deles”, asegura.
- Para recibir mostras ou coñecer máis información dos productos de Galidiet, chamar ó telefono 606 044 802 ou enviar un email a infogalidiet@gmail.com.
“Damos bastante leite ao principio para acelerar o crecemento das xatas e apostamos pola prevención”
SAT Os Penedos, ubicada na parroquia de Álvare, no concello da Pastoriza, moxe unhas 450 vacas e acadará en pouco tempo as 500. Para facer posible ese crecemento teñen entre 45 e 60 partos ao mes.
Hai un ano empezaron a usar os produtos Galidiet para a recría, tanto o alimento complementario READIET STOP como os sobres rehidratantes NEODIET PLUS. “Non é habitual que haxa problemas coas becerras pero cando se dá algún caso é bo ter á man unha solución efectiva”, conta Manuel Penedo, un dos socios desta explotación familiar.
En SAT Os Penedos teñen unha media de 50 partos ao mes e empezaron a usar os produtos Galidiet hai un ano
En todo o 2023 sumaron uns 500 nacementos e só contabilizaron 30 becerras falecidas. Pero o mérito desta baixa mortalidade non é de Manuel, senón de Begoña, a súa muller, e de Elita, a súa nai. “Elas son as que se encargan de atender as xatas pequenas. Eu penso que as mulleres son superiores a nós nestas cousas, porque teñen máis paciencia. Ás veces para sacar unha becerra adiante é cuestión de constancia, de ser metódicas e de non darse por vencidas. Para min é máis doado manexar as vacas que as xatas”, recoñece Manuel.
En todo o 2023, de 500 partos tan só tiveron 30 baixas nas becerras. O mérito é de Begoña e de Elita, que son as que coidan das xatas pequenas
Nesta gandería combinan leite materno nos primeiros días de vida con lactoreemprazante despois, cunha concentración elevada e altas cantidades para acelerar o crecemento das becerras nos primeiros estadíos.
“Nada máis nacer, dámoslles os costros da nai. Nós o primeiro que facemos é muxir a vaca e darlle 3 litros á xata”, explican. As primeiras tres muxiduras as xatas maman o leite da súa nai e logo durante 2 ou 3 días o leite de transición doutra vaca que haxa parida antes de pasar ao leite en po.
Ao nacer a xata danlle os costros da nai e logo aproveitan o leite de transición durante 3 ou 4 días, antes de pasar ao lactoreemprazante cunha concentración de 145 gramos por litro
“Damos bastante leite ao principio para acelerar o crecemento das becerras”, recoñecen. Con esa concentración de 145 gramos, cando pasan para a amamantadora as xatas maman xa un quilo de leite en po ao día en dúas tomas de 3 litros ou 3 litros e medio cada unha, en función do tamaño da xata.
Limpeza e temperatura
“Limpeza e temperatura de administración: para nós esas son as dúas claves fundamentais para non ter problemas na recría”, afirman. “Fai 4 ou 5 anos tiveramos un problema importante e debíase a que entre que muxías na sala, que estaba no outro lado da granxa, e traías o leite para aquí cando llo dabas ás becerras xa arrefriara”, recoñecen.
“Pero desde que puxemos o taxi-milk melloramos moito, porque logras que a todas as becerras chegue o leite á temperatura axeitada. Senón, se tes 40, á primeira chega ben pero cando vas pola metade xa arrefriou. Cambiamos tamén as mamonas, tiñamos caldeiros e puxemos biberóns, que arrefrían menos”, din.
O taxi-milk é unha marabilla porque todas as becerras reciben o leite á temperatura axeitada
As xatas acostuman estar nos boxes individuais uns 20 días. “Cando cambiamos para a amamantadora facémolo en grupos de 10 en 10 animais. Ao primeiro mandabámolas con 5 ou 6 días para a amamantadora, pero notamos que van mellor así, porque van moito máis fortes, polo que mételas a mamar o primeiro día e despois xa case te desentendes delas. Se van máis pequenas acostuma haber máis problemas”, explican.
Pasan as becerras á amamantadora con 20 días e destetan a partir dos 72 días
Manuel alerta das dificultades que hai para atopar no mercado boxes que cumpran coas medidas e condicionantes establecidos na certificación de benestar animal. Eles mercáronos de plástico, que son máis doados de desinfectar. “O que facemos cando un becerro se vai é sacalos para fóra e lavalos con auga a presión”, conta.
“En función da gravidade, damos os polvos ou o sobre”
Aínda que logo da introdución destas melloras no protocolo de manexo das xatas son moi poucos os casos de diarreas que teñen na actualidade, “os problemas acostuman aparecer máis no verán ca no inverno”, din.
“Cos cambios de tempo en calquera momento pode dispararse. Hai que estar vixiante todos os días e botar man destes produtos cando é necesario”, asegura Begoña. Valoran cada caso e en función da gravidade administran READIET STOP ou NEODIET PLUS.
Para os casos menos graves usan READIET STOP mesturado en leite e se non melloran pasan a darlles os sobres NEODIET PLUS con auga
“Se non están moi mal eu non lles quito o leite ás becerras enfermas. Moitas veces cos polvos de READIET STOP mesturados no leite xa é suficiente, pero se vexo que non melloran paso a darlles os sobres NEODIET PLUS, neste caso xa mesturados con auga, sobre todo nos casos nos que hai diarreas máis severas ou os animais non toleran o leite”, explica.
Aquí suero non usamos nada; con estes produtos estamos cubertos
“Se pola mañá vexo que non mamou ben, pola noite xa lle dou READIET STOP. Se non maman por si mesmos dámosllo por sonda para garantir que o tomen para que non se deshidraten e se non se corta a diarrea pasamos aos sobres. Aquí suero non usamos nada; con estes produtos estamos cubertos”, afirma.
Prevención e control individualizado
En SAT Os Penedos apostan pola prevención e o control individual de cada xata. Fanlles ecografía a todas as becerras antes de pasalas á amamantadora para detectar de xeito precoz pequenas lesións pulmonares que poden derivar en pneumonía e tratalas con antiinflamatorios e antibiótico en caso e ser necesario. “Así evitamos os contaxios cando pasan aos lotes conxuntos, onde sería un problema”, recoñece Begoña.
Usan tamén tratamentos preventivos contra ‘Cryptosporidium parvum’, un protozoo que causa a criptosporidiose nas xatas
Desde as 40 vacas que muxían no ano 1998 cando se constituíu a SAT até as 500 nas que van estar en pouco tempo medraron todo a base de recría propia. Pero a granxa está xa chegando ao límite de UGMs permitido pola lexislación (850), polo que van empezar a poñer máis seme de carne para frear ese crecemento.
O traballo coa recría é fundamental nunha explotación que quere medrar
“Temos moita recría, estamos nos 380 animais entre becerras e xatas e en 7 meses temos 140 xovencas para parir. A partir de agora poñeremos seme sexado nas xovencas e algunha vaca boa de segundo parto e ao resto imos poñerlles cruces cárnicos con angus e azul belga. Para manternos non nos fai falta tanta recría, porque temos a taxa de eliminación no 17%”, detalla Manuel.
“É un produto moito máis completo ca outros que hai no mercado, con dous sobres moitas xatas xa sanan”
Fai más dun ano que en SAT As Pandas, situada en Goiriz (Vilalba) empezaron a utilizar os sobres NEODIET PLUS para curar os procesos diarreicos das becerras de recría. Moisés Vispalia, un dos socios desta explotación conta algunhas das melloras que notaron.
“Antes de usar os sobres de Galidiet empregabamos outros produtos que hai no mercado pero eran moito menos completos, servían únicamente para rehidratar pero axudaban pouco á recuperación da xata. Este produto é moito máis completo, con dous sobres xa sanan moitas veces”, asegura.
Os produtos Galidiet incrementan a apetencia de animais con episodios de descomposición, mellorando a súa hidratación e a absorción de nutrientes
Cando detectan un caso, mesturan o contido dun sobre (100 gramos) coa cantidade de lactoreemprazante correspondente a cada toma e danllo á becerra que está enferma. Deste xeito melloran a apetencia dos animais que teñen episodios de descomposición, mellorando a súa hidratación e a absorción de nutrientes.
Cambios de lote
Os primeiros días de vida e os cambios de lote son os momentos críticos para a recría de SAT As Pandas, unha explotación con tres robots de muxido e medias de produción por enriba dos 47 litros. “Nos 10 ou 15 primeiros días de vida é cando se presentan a maioría dos casos de descomposición”, explican.
Cando pare unha vaca nesta granxa, a becerra pasa a un box individual, onde está os primeiros días de vida antes de pasar ao lote da amamantadora, un proceso que levan a cabo moitas veces xa na primeira semana tralo parto por problemas de espazo na zona dos boxes. “Sería mellor que estiveran 10 días pero en ocasións temos que facer sitio e pasámolas antes”, recoñecen.
O paso á amamantadora é un momento bastante traumático para as becerras e é raro que non se produza algún caso de diarrea
“Ese cambio é bastante traumático para elas e acostuma ser o momento no que se presenta algún caso de descomposición. Supoño que será unha suma de varios factores: o contacto con outros animais, o propio estrés que lles pode xerar o cambio e a baixada aparellada de defensas”, razoa Moisés.
Aplicación de tratamento sen separar do grupo
Collida a tempo, nun día ou dous a becerra acostuma estar recuperada e nin sequera teñen que cambiala de lote para aplicar tratamento, unicamente lle dan o biberón con NEODIET PLUS e déixanlle estar coas outras.
Normalmente cos sobres solucionamos todos os casos de diarrea que se presentan na granxa, non necesitamos empregar ningún medicamento a maiores
“Normalmente cos sobres solucionamos todos os casos de diarrea que se presentan na granxa, non necesitamos empregar ningún medicamento a maiores nin temos que poñerlles suero. Isto é unha vantaxe, porque pinchar agora non é tan sinxelo”, destaca Moisés.
Vacinación contra e-coli
Para evitar riscos de episodios graves por e-coli, por exemplo, “que poden facer que a becerra estea ben pola noite e chegues pola mañá e estea xa tumbada”, optaron por vacinar as vacas secas un mes antes de parir.
SAT As Pandas aplica un completo protocolo vacinal tanto nas xatas pequenas como nas vacas secas
A maiores, vacinan tamén as becerras entre os 2 e os 10 días tralo parto cunha intranasal. Os protocolos de vacinación das xatas pequenas inclúen tamén outra fronte a determinadas bacterias. Ao mes e aos dous meses repiten as vacinacións preventivas, o que os obriga a estaren pendentes e incrementa o manexo necesario coa recría.