
Lucía López Sobrado, de 27 anos, traballa na explotación da súa familia, Puluán SC, en todas as tarefas da gandería. A rapaza estudou Veterinaria en Madrid e mesmo traballou na capital. Pero sempre tivo claro que o seu futuro estaba na granxa que a súa familia ten en Monforte de Lemos.
Experiencia e responsabilidades
“Xa dende cativa facía traballos na explotación. Sempre hai algo que facer. Arrimar comida, limpar, darlle leite ós xatos…eu estou afeita a facer de todo e por eso non me supuxo ningunha dificultade incorporarme. Mesmo cando estudaba en Madrid viña as fins de semana e axudaba a muxir.”
A experiencia madrileña tamén a axudou a decidirse por voltar para a casa. “Cando rematei os estudos, rotei polos diferentes servizos. Traballei moito con mascotas pero tamén con cabalos e algo con vacas. Precisamente ese traballo visitando explotacións acaboume de convencer, aínda que xa o tiña bastante claro.”
As novas tecnoloxías permiten optimizar recursos e aforrar tempo. Eso é decisivo para facer atractiva laboralmente a gandería
Lucía explica que o feito de traballar na casa e coa familia é un factor que axuda. “Poder contar co apoio da familia é importante. Se cadra moitas veces non hai relevo xeracional porque non somos quen de valorar o que temos na casa ou de asumir a responsabilidade de seguir co traballo dos nosos pais e avós”.
Ademais dos labores propios da gandería, Lucía é a responsable da queixería e de atender as visitas na liña de agroturismo da explotación. “Depende de cada día pero dende que me incorporei fago de todo. Dende muxir ata coller o tractor para arar unha leira ou facer as camas nos cubículos. Temos que estar preparados para cada tarefa”.

A explotación está situada no Regadío do Val de Lemos moi preto da cidade de Monforte
O emprego de novas tecnoloxías e de Intelixencia Artificial (IA), é parte do día a día laboral da rapaza. “No teléfono e no ordenador teño diferentes aplicacións para os parámetros de manexo do gando. E coa IA fago consultas de todo tipo que me serven para as tres liñas de negocio”.
Lucía considera que as novas tecnoloxías son xa imprescindibles e aínda o serán máis no futuro do sector leiteiro. “Serven mesmo para optimizar tempos e recursos en todas as facetas do traballo diario. Hoxe son unha das principais ferramentas e aínda o serán máis co paso do tempo”.
A gandería produce o seu propio queixo e apostou nos últimos anos por organizar visitas de agroturismo
O sector e o seu futuro
Como é habitual en moitas zonas agrarias, os mozos e mozas da quinta de Lucía que foron os seus compañeiros no ensino primario e secundario non están no sector primario e moitos deles tampouco quedaron na comarca de Lemos. “De 40 que eramos, só quedei eu e outros dous rapaces que xa tiñan granxa. E un amigo noso emprendeu un proxecto agrario. O resto non teñen ningún vencello co campo”.
Nese sentido, a rapaza recoñece que a falta de tempo de lecer pode influír no feito de que a xente nova non queira quedar nin incorporarse. “Eu teño dispoñibilidade porque están os meus pais, o meu irmán e os empregados. Pero non en todas as granxas é así. Sempre é necesario desconectar e desfrutar un pouco da vida. Se non, o traballo faise moi pesado.”
O problema do relevo xeracional case se está vendo superado polo da falta de man de obra, que é máis urxente e con menos solución
“Considero que esa é outra vantaxe das novas tecnoloxías. Aplicacións, IA, robots, arrimadoras… cada vez hai máis técnicas e aparellos que fan o traballo máis lixeiro e que nos permiten ter algo de tempo libre. Sen dúbida van ser un factor determinante para o relevo xeracional.”
De feito, en Puluán SC xa están pensando en incorporar robots para muxir as vacas. “Se cadra habería que reducir un pouco a cabana para optimizar ao máximo os equipos. Pero tamén gañariamos un tempo precioso para os outros labores da granxa. Estamos valorando alternativas”.
Un relevo xeracional que a moza ve como un dos problemas estruturais do sector leiteiro galego. “Xa non só é que non haxa relevo. É que a día de hoxe é moi difícil conseguir man de obra para o traballo nas granxas. E a inconsistencia dos prezos en orixe tampouco axuda nada. Non hai a estabilidade que nos permitiría traballar con máis certezas”.

Dar de comer as vacas é só unha das múltiples tareas que desenvolve Lucía na explotación
Lucía reflexiona que a vida do gandeiro require de moitas horas de traballo pero sempre diferentes. “Fas cousas moi distintas ao longo da semana e estás nun entorno máis agradable que o dunha oficina. Obviamente, hai que ter vocación. Pero ás veces esa vocación tamén hai que sabela buscar, Se cadra sería útil que a xente das cidades viñera ver o que é o día a día.”
Para ser gandeiro hai que ter unha certa vocación. Pero esa vocación pode estar oculta nas cidades. Temos que sacala a flote
Nese sentido, a rapaza insiste nas tecnoloxías como elemento de atracción. “Os tractores de agora son moi diferentes dos que había a principios deste século. Teñen aire acondicionado, están altamente informatizados e contan con medidas de seguridade de alta calidade. O traballo faise máis rápido e mellor. E igual sucede con outros aparellos e técnicas. Se cadra falta información sobre como é o traballo no campo”.
A explotación
A día de hoxe Puluán SC conta con 150 vacas en muxidura e 150 secas e xovencas. Todas elas de raza frisoa. Para os cruzamentos cárnicos empregan doses de azul belga e de angus. O muxido realízase nunha sala de espiña de 16 puntos ás 7 da mañá e ás 7 da tarde, con arredor de dúas horas de tempo por sesión.
En canto a datos de produción, a media de produción por animal e día sitúase en 38,5 litros, se ben ao longo do ano oscila entre 38 e 40. Os niveis de sólidos están nun 3,6 de proteína e 3,9 de graxa.
As camas dos animais en muxido son servidas por Galicial, cunha mestura de carbonato cálcico e serrín. Para vacas secas e recría empregan palla de Castela.
Ademais de Lucía, os seus pais e o seu irmán, na granxa traballan outras sete persoas. Todas elas desempeñan tarefas de manexo de gando agás unha empregada que está permanentemente atendendo a tenda da queixería.
Na xenética da granxa orientámonos a que as vacas produzan un leite o máis acaido posible para a produción de queixos
Un labor que diferencia esta granxa doutras de Galicia é que teñen a posibilidade de regar o millo, dado que pertencen á comunidade de regantes do Val de Lemos. “Neste verán estamos pasando moito tempo dedicados a regar porque a calor e a seca castigan o millo. Por fortuna temos esa posibilidade”, explica.

As camas dos animais en produción son de carbonato e serrín
A explotación traballa 200 hectáreas de terreo, das cales arredor de 100 son propiedade da familia e as outras son arrendadas. O millo, o raigrás e a alfalfa son os tres cultivos que traballan. “Para millo só destinamos 40 hectáreas. Porque as leiras lideiras co regadío son pequenas e están moi espalladas. Temos sitios nos que non merece a pena botar millo porque dá moito máis traballo ca rendemento”.
Ao estar no regadío do Val de Lemos, teñen a vantaxe de que poden regar o millo, algo clave en veráns secos como este
Malia ser veterinaria, Lucía non dispón de tempo para encargarse da xenética da granxa. “Traballamos cunha empresa de seme que xa nos indica as doses e cruzamentos que conveñen máis ao longo do ano, e que derivan na produción dun leite orientado á elaboración de queixos.”
A parte de inseminación e partos é na que Lucía aplica os seus coñecementos de veterinaria. E tamén no tratamento sanitario cando detectan algunha enfermidade nas vacas. Por outro lado, na granxa non buscan unha morfoloxía selecta moi calificada e de puntuación ICO alta, senón que se concentran na capacidade produtiva e o ton físico das vacas.
Aínda que dispoñemos da estrutura do Regadío do Val de Lemos, non podemos sacarlle todo o partido por non haber concentración parcelaria
Puluán SC forma parte da Cooperativa Lemos, que é a que lles facilita o carro mesturador para a servir a ración dos animais. O outro servizo agronómico que reciben é o da colleitadora para recoller o millo. O tractor e os autocargadores póñenos eles.
“O noso parque de maquinaria é moi amplo porque temos que facer nós practicamente todos os traballos. Temos tractores, cisternas, hileradora, rotativa, remolques, arados…de todo o que se emprega nas granxas leiteiras. E ás veces veñen doutra explotación da zona coas súas máquinas botar unha man. E nós onda eles.”

As vacas secas e as de recría supoñen a metade do rabaño total, con 150 animais
O 20% da produción leiteira adícana á elaboración dos seus propios queixos
Elaborar queixos foi unha iniciativa para darlle valor ao leite que producen na granxa. “Somos o único sector que non ten a capacidade de poñerlle prezo ao seu produto. Coa elaboración dos queixos podemos darlle valor engadido ao froito do noso traballo e competir no mercado”. Lucía encárgase da elaboración dos dous queixos que producen e é a responsable de vendas, facturación e toda a xestión administrativa que leva consigo a queixería.
Por iso, participa periodicamente en xornadas e accións formativas sobre elaboración de queixo. “Unha vez que coñeces as técnicas de preparación, tes que xogar cos tempos, as temperaturas e outros parámetros, ata dar co que buscas. É un proceso de aprendizaxe continua”.
Polo de agora temos que priorizar outras tarefas por diante da produción de queixo, por iso concentramos os momentos de elaboración
A rapaza calcula que arredor do 20% do leite que producen se destina á elaboración dos queixos da propia empresa de transformación da granxa, Lácteos Ribeira Sacra. A queixería ocupa un edificio con sala de elaboración, unha cámara para o queixo fresco e dúas de maduración.

O queixo macerado en viño da Ribeira Sacra está a ter moita aceptación
“Actualmente non podemos elaborar queixo todos os días porque fan falta catro persoas en cada quenda e non sempre estamos dispoñibles. Non podemos desatender outras tarefas para facer o queixo, de forma que imos alternando”.
Con todo, Lucía di que o seu obxectivo é que o día de mañá todo o leite que producen se destine á queixería. “É algo que temos que valorar entre todos. Eu persoalmente decantaríame por reducir un pouco a cabana e a produción e destinala toda a queixo. Ou polo menos que o 80 ou o 90% fora para queixo. O tempo dirá.”
Percibimos que aumenta o número de ganderías que destinan parte do leite á elaboración e venda de diferentes lácteos
A instalación queixeira conta cun tanque de recepción de leite de 3.000 litros, un pasteurizador cunha caldeira de 130 Kw e unha cuba de elaboración de 2.500 litros, ademais dun secadeiro con control de humidade e un salgadoiro con equipo de frío.
A iniciativa do agroturismo
O agroturismo está comezando a chegar a Galicia e xa hai diferentes explotacións gandeiras que ofrecen un servizo de visitas guiadas polas súas instalacións e terreos. Tamén é o caso de Puluán SC, onde levan xa tempo agrupando os visitantes para explicar o seu traballo.
“Foi idea do meu pai. Porque cada pouco viña xente á granxa e á queixería e querían ver como funcionamos. Ou incluso turistas que pasaban por diante co coche e querían ver esto. Así tiñas que pasar unha hora ou máis con cada un e non podías facer outra cousa”.
Decidimos concentrar as visitas para optimizar o tempo e que resulten máis atractivas
Agora teñen un horario de visitas para grupos e reciben tamén alumnos de ensino primario e secundario e mesmo de usuarios de centros de maiores. “Cóntolles un pouco o que facemos aquí e explico como é a produción de leite e que etapas abrangue. Hai, por exemplo, quen non sabe que para que a vaca dea leite ten que parir”.
As visitas rematan cunha degustación de viños da Ribeira Sacra e dos queixos que elaboran na granxa, un deles precisamente macerado en viño de adegas da zona, adscritas á Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Galego









Control OJD