Paneis acústicos de madeira, un prototipo galego que se demostra diferencial

A Universidade de Vigo, en colaboración coa Axencia Galega da Industria Forestal XERA, desenvolveron unha alternativa sostible ás tradicionais barreiras de sonido das vías de comunicación, feitas con plástico ou metal

Paneis acústicos de madeira, un prototipo galego que se demostra diferencial

Promover unha investigación sobre o uso da madeira como elemento de mitigación acústica, e polo tanto, contribuír á posta en valor de novos usos do recurso. Con este fin, a Universidade de Vigo (UVigo) e a Axencia Galega da Industria Forestal XERA da Xunta de Galicia, traballaron no desenvolvemento dun prototipo de pantalla acústica, realizada con madeira de piñeiro termotratada, que permite reducir o nivel de ruído en preto dun 15%.

Os traballos foron desenvolvidos no Laboratorio de Madeira da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo baixo a coordinación do profesor Óscar González. O que se fixo foi un estudo e desenvolvemento de elementos de madeira para a mitigación acústica en infraestruturas como estradas, vías do tren ou áreas industriais.

E é que o tráfico rodado pode xerar ruídos superiores aos 30 decibelios. Os prototipos foron desenvolvidos con madeira de piñeiro e cortiza termotratadas e foron construídos por unha empresa galega. Falamos co profesor Óscar González para saber máis sobre os prototipos e os seus usos.

– Que especie de piñeiro se empregou e por que?

Empregouse a especie de Pinus pinaster, ou comunmente chamado piñeiro país, de orixe galego, porque un dos propósitos principais do desenrolo do proxecto foi elaborar un produto empregando materiais locais, encaixados no principio das materias primas e produtos elaborados de quilómetro cero (km 0). E recorremos a árbores seleccionadas na provincia de Pontevedra,

– Como funcionan as pantallas? “Atrapan” o ruído?

As pantallas sónicas funcionan baixo dous fenómenos principais; por un lado, mediante o illamento sónico, e por outro lado, pola absorción sónica. Sen entrar en terminoloxía moi técnica, pódese dicir que o primeiro basicamente impide que o son atravese a barreira ao lado oposto da xeración do son, polo que se consigue impedir que o ruído afecte no outro lado da barreira, nun grado determinado, segundo o illamento que se consiga (canto máis mellor).

Empregamos piñeiro pináster procesado para darlle unha maior durabilidade que o faga resistente á intemperie (Óscar González, Profesor da Universidade de Vigo)

Pero xeralmente, o fenómeno de illamento implica tamén un efecto de rebote cara o lado de xeración do son, polo que neste lado se incrementa o nivel sónico, podendo prexudicar dobremente os usuarios do lado no que se orixina o son.

As pantallas impiden que o sonido atravese a barreira ao lado oposto do foco onde se xenera

As pantallas impiden que o sonido atravese a barreira ao lado oposto do foco onde se xenera

Por exemplo, imaxinemos un grupo de vivendas do lado da emisión. Por establecer unha similitude sinxela, digamos que funciona como un espello. Un raio de luz non traspasa o espello, pero vese reflexado cara o lado de emisión, podendo prexudicar os usuarios que o emiten, xa que recibirían máis intensidade.

Para evitar este fenómeno de reflexión (ou reducilo en gran medida), a barreira debe conseguir tamén o efecto de absorción de son, tamén nun grado determinado (canto máis mellor). Este fenómeno consistiría basicamente en atrapar o son no interior e disipalo para evitar o efecto rebote.

Neste caso, cos deseños innovadores que se conseguiron, favorécense os dous fenómenos, conseguindo ademais un equilibrio adecuado coa xeometría, co peso e co sistema de montaxe dos paneis, cumprindo os requisitos que se establecen xa nalgúns países da UE.

Traballamos sobre dous parámetros principais: a absorción sónica e o illamento dos ruídos que se absorben

Co produto innovado conseguimos unha barreira que logra unha clasificación de illamento B3 -máis de 24 decibelios (dB)- e unha clasificación de absorción A3 (entre 8 e 11 dB), sendo polo tanto altamente illante e absorbente.

– Que diferencias e vantaxes presenta o uso da madeira respecto doutros materiais (plástico, metal, formigón…)?

Neste punto é no que radica a súa verdadeira vantaxe e a innovación lograda. Antes mencionamos o aspecto do emprego de madeiras locais galegas, unha vez que alcanzan a durabilidade necesaria para este emprego á intemperie, cumprindo cos requisitos mecánicos e de resistencia.

Pero a isto hai que sumarlle que ao empregar produtos de madeira e derivados de madeira, conséguese ademais cumprir outro dos propósitos deste proxecto, que era o de empregar materiais sostibles, renovables, e que non proceden de fontes fósiles.

A finalidade persegue o encaixe da solución proposta no novo sistema de bioeconomía, no cal, os produtos non sostibles e de orixe non renovables, deben ser substituídos por alternativas biosostibles.

Ademais de reducir o impacto dos ruídos, as pantallas conseguen crear un hábitat máis acolledor nunhas contornas dominadas polo metal e o cemento

Outra das vantaxes que cabe destacar é que no emprego desde tipo de madeira e derivados de madeira, e a pesar de que se requiren procesos e tratamentos adicionais, xérase menos cantidade de gases de efecto invernadoiro no seu procesado, especialmente fronte a materiais empregados xeralmente nestas barreiras, como son os aluminios ou metais mellorados para o emprego a intemperie.

Outro dos obxectivos do proxecto era a substitución de elementos pouco sustentables por biomateriais

Outro dos obxectivos do proxecto era a substitución de elementos pouco sustentables por biomateriais

Por último, cómpre tamén destacar un aspecto relacionado coa saúde e coa interacción humano-medioambiente, especialmente nas zonas habitadas, pois é recoñecido polos usuarios de xeito xeral que o emprego da madeira e derivadas da madeira aportan solucións mais confortables, cálidas, e achegadas a ambiente máis natural. As propiedades organolépticas da madeira e dos derivados da madeira xogan un papel fundamental neste aspecto.

– Cal é a vida útil das pantallas?

Segundo os materiais empregados, que alcanzan as clases de durabilidade mais altas, os documentos técnicos establecen una vida útil que vai desde os 15 ate máis dos 30 anos. Isto sempre dependerá de que as condicións de instalación e funcionamento á intemperie sexan as adecuadas, e non se instalen en contacto directo co chan. En todo caso, o sistema de montaxe está deseñado para poder substituír paneis en caso de ser necesario, xa que se encaixan e desencaixan como fichas.

– Que mantemento precisan?

O efecto da intemperie provoca un cambio nas tonalidades superficiais, como efecto da exposición a choiva e os raios ultravioletas. Os raios solares causan un dos efectos más degradantes que temos no noso entorno, cousa que ata os astronautas deben ter en conta.

Isto é soamente un cambio estético na superficie da madeira, non provoca a perda doutras propiedades. Por regra xeral, as superficies tenden a un agrisado que non afecta as súas propiedades mecánicas. Isto se pode evitar con tratamentos de acabados superficiais cíclicos en forma de lasures ou protectores ultravioleta para manter a súa cor.

Os efectos climáticos sobre a madeira poden afectar a súa apariencia pero non diminúen a súa efectividade

Ben é certo que nalgúns países do norte de Europa, non é habitual aplicarlle un acabado á madeira e polo tanto redúcese a necesidade dun mantemento, salvo reparacións puntuais. Isto débese a que na súa mentalidade, permítese o envellecemento estético secuencial e natural da madeira sen problema ningún.

Os dispositivos están deseñados para resistir os efectos climáticos

Os dispositivos están deseñados para resistir os efectos climáticos

Se se me permite unha especie de metáfora, pódese dicir que se permite o seu “embelecemento” co paso do tempo (considerando estes cambios como beleza natural da madeira). Dependerá polo tanto da demanda social ou dos promotores.

– Estes paneis, en que zonas e lugares se poderían empregar? Con que usos específicos?

A idea sería o seu emprego en vías de circulación rodada e de ferrocarril, nos lugares nos que sexa convinte evitar o efecto sónico aos usuarios. Pero tamén sería posible o seu emprego como paneis divisorios entre propiedades privadas, por exemplo, xardíns ou terrazas entre vivendas, que ademais de conseguir unha separación individualizada, permitan un illamento do son.

Todo isto, como xa se mencionou, cunha solución de materias agradables e cálidos para os usuarios, amén das vantaxes medioambientais.

– Xa hai pantallas colocadas nalgunha zona?

De momento temos varios prototipos elaborados no proxecto colocados a modo de proba nunha instalación dunha industria de Ponteareas, e outros nas instalacións do CIS-Madeira en Ourense.

Estes prototipos poderían ser fabricados en serie, seguindo as especificacións técnicas, por calquera industria da madeira que teña a materia prima axeitada.

– Elaborastes os paneis con piñeiro. Poderíase empregar eucalipto?

Sen dúbida. O que sucede é que para a investigación proposta, outro dos criterios establecidos foi o emprego dunha madeira cunha durabilidade adecuada para a colocación en intemperie. Por este motivo, o piñeiro galego, ó que se lle achega unha durabilidade superior á súa propia natural mediante o termotratado, cumpre con este obxectivo.

Ademais de á beira de estradas e vías férreas, as pantallas poden ter usos domésticos para reducir outro tipo de sons

A súa densidade é adecuada para ter un peso/resistencia final dos paneis adecuado, tanto para encaixe no seu manexo, como a súa montaxe. O eucalipto tería un peso propio superior, pero tamén é certo que precisaríanse seccións máis reducidas de madeira, debido a súa resistencia superior, polo que ó reducir volume, redúcese tamén peso propio.

Sería cuestión de comprobar que se adecúa ao buscado. A día de hoxe consideramos que a madeira dispoñible ideal no noso entorno para esta finalidade sería o piñeiro modificado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información