A Praza de Abastos de Lugo e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros son dúas instalacións ubicadas en pleno centro da cidade que levaban anos en decadencia, con postos pechados e afluencia de público minguante. Nin as obras millonarias acometidas nos dous edificios nos últimos anos serviran para reflotar a súa actividade, que seguía pouco a pouco esmorecendo. Pero nisto chegou a covid-19 e todo cambiou.
“Nótase moita máis afluencia de xente ca antes, a xente veu a comprar no confinamento e quedou como clientela fixa. Foi como un revulsivo”, asegura Jesús Somoza, que leva 29 anos á fronte da Carnicería Somoza, ubicada xusto fronte á porta principal de entrada á Praza.
A carnicería era dos meus avós e logo dos meus pais; levamos en total 90 anos na Praza
O seu é un deses negocios “de toda a vida” que mantiñan unicamente ese tipo de clientela fiel. “Levamos 90 anos en total na Praza, antes ca min estiveron os meus pais e primeiro os meus avós”, detalla Jesús. “Pero tan importante como manter a clientela de toda a vida é renovala e atraer a outra nova”, recoñece.
Ser un dos establecementos máis antigos do recinto permítelles facer en primeira persoa un percorrido cronolóxico polo devir destes comercios de proximidade e percibir os cambios que se deron no último ano. “No confinamento deuse un cambio de clientela, comezou a achegarse máis xente nova a mercar e aumentou moito a venda os sábados”, asegura Jesús.
Trazabilidade e confianza
Os días fortes na Praza de Abastos de Lugo sempre foron os martes e os venres, cando se celebra o mercado tradicional no que os produtores da contorna se achegan a vender os seus excedentes. Moitos deles son persoas xubiladas que traen queixos, chourizos ou verduras da casa, produtos sen envasar nin etiquetaxe que non chaman a atención do novo perfil de compradores.
Os martes e venres segue vindo a xente de sempre pero os sábados agora hai moita xente nova que comezou a vir no confinamento e quedou como clientela fixa
Estes buscan outro tipo de artigos e refúxianse na trazabilidade que lles ofrecen negocios de confianza como o de Jesús. “Eu creo que é polo bo produto que hai aquí na Praza a respecto dos supermercados, eu merco a tenreira directamente ao gandeiro e sei como foi criada, non pido nada a ningún matadoiro nin sala de despece e a zorza, as hamburguesas ou as albóndigas son de elaboración propia, facémolas nós. Deste xeito podemos garantir a calidade e a trazabilidade aos nosos clientes”, conta.
Maior demanda de alimentos saudables
Se o de Jesús Somoza é un dos postos máis antigos da Praza de Abastos de Lugo, o de Ana Lozano é dos máis novos. Fai dous anos en xuño que se instalou, logo de coller un traspaso. Vende produtos ecolóxicos, algúns deles de produción propia, xa que forma parte do proxecto de Traloagro, unha explotación de cría de polos e vacún de carne en extensivo asentada no veciño concello de Friol, onde contan tamén con ecotenda e centro de despece e elaboración. “A filosofía nosa é vender directamente ao consumidor”, explica.
Hai máis concienciación sobre a saúde e máis interese polos produtos ecolóxicos
Ana constata a mesma percepción que ten Jesús, que os mercados municipais están a recuperar unha parte da clientela roubada fai anos polos supermercados e grandes superficies. O consumidor segue querendo comodidade, pero agora busca tamén produtos máis saudables. “A xente está máis concienciada coa saúde, nótase máis interese polos produtos ecolóxicos”, di.
Pero apostar pola calidade non ten por que supoñer renunciar á comodidade. “Cando empezou o confinamento comezamos a facer entregas a domicilio e moita xente encarga por teléfono para non ter que agardar aquí pero despois vén ela a buscar o pedido”, explica Ana. Porque en Prazas de Abastos como a de Lugo ou as de moitas outras cidades ir mercar os sábados pola mañá estase a consolidar como unha actividade de ocio máis para facer en familia. Cando menos foino nos tempos dos peches perimetrais, pero tanto Ana coma Jesús confían que esa sexa una das poucas cousas boas que nos deixe o coronavirus.
Un terzo máis de afluencia no último ano
O interese polas tendas tradicionais incrementouse a raíz da covid-19. É un feito que constatan tamén desde o Concello de Lugo, titular das instalacións tanto da Praza de Abastos como do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros, situados un enfronte do outro. Calculan arredor dun terzo o aumento de afluencia a estes dous recintos no último ano e iso está a tirar tamén da demanda de postos onde instalarse por parte de comerciantes e produtores.
Hai tan só dous anos, unha cuarta parte do cento de postos de venda cos que contan a Praza de Abastos de Lugo e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros estaban baleiros. Hoxe quedan xa poucos libres, despois do proceso seguido a nivel municipal para adxudicar os postos vacantes. Trátase de concesións por 25 anos que serven para fixar emprego e dar garantía ás persoas que exploten estes espazos.
Na Praza só quedan neste momento tres postos dispoñibles pero xa hai ofertas para eles, como a da cooperativa A Carqueixa, que reúne a produtores de vacún de carne dos Ancares e que trala boa acollida da súa iniciativa de venda a través da internet queren agora establecer un posto de venda físico na Praza lucense.
O consumidor busca refuxio no comercio de proximidade
“Seguimos traballando para que a Praza e o Mercado cheguen a ter o total dos seus postos ocupados e en funcionamento”, indica Cristina López, a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, que destaca que “na Praza e no Mercado atopamos produtos de calidade, ao mesmo tempo que recibimos a atención persoal das e dos distintos profesionais de cada posto”.
O comercio local demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria
Para a responsable municipal, “o comercio local demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria”, por iso, di, “neste momento é máis importante que nunca colaborar na reactivación económica e social mercando no comercio de proximidade”.
Peonalización e obras no soto da Praza
Ás obras de remodelación e mellora levadas a cabo na última década tanto na Praza como no Mercado lucense con fondos europeos do Plan Urban, súmanse neste momento os traballos de peonalización que se están a acometer nas rúas do seu entorno, o que permitirá convertelo nun lugar atractivo para o paseo e as compras. “A peonalización da rúa Quiroga Ballesteros permitirá ter un entorno axeitado para dinamizar a economía nun lugar privilexiado do centro da cidade”, asegura Cristina.
Traballamos para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico
Ao mesmo tempo, tamén se están a levar a cabo obras de mellora no soto da Praza, que acolle os mercados tradicionais dos martes e os venres, coa intención así de potencialos a través dunha mellora da imaxe e presentación dos produtos. “Traballamos para converter a Praza de Abastos e o Mercado Municipal nun referente do casco histórico”, conclúe a súa responsable.