Pandeirada no Prado: unha homenaxe ás cantareiras con estilo granxeiro  

xanceda letras galegas 25 2A granxa ecolóxica galega Casa Grande de Xanceda, en colaboración co Concello de Mesía, lanzan unha Pandeirada no Prado para conmemorar as Letras Galegas 2025.  

Para isto, as pandeireteiras e bailadoras da Escola de Música Tradicional de Mesía interpretan a Muiñeira de Mesía nun escenario 100% estilo granxeiro: cun palco de pacas e con vacas como público de excepción. Esta peza está recollida polo fillo predilecto do concello, Baldomero Iglesias, Mero.   

Nesta acción colaborou o artesán José Manuel Salvado, “Sanín”, cun deseño exclusivo de pandeiretas con parche de estampado de vaca, madeira negra e ferreñas bicolores que integra a tradición e a modernidade.  

Desde Casa Grande de Xanceda explican que esta homenaxe ás cantareiras pretende “visibilizar que a tradición da poesía oral é tan potente que chegou ata un grupo de mozas adolescentes, que cantan con orgullo desde o rural”. Ao fío disto engaden que “iso non tería sido posible sen esas mulleres rurais irreductibles que a mantiveron e transmitiron un mundo e unha cultura”. “A boa saúde da que goza hoxe en día a música galega con grupos como Mondra, Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra non tería sido posible sen esas avoas e bisavoas que nos fixeron chegar as súas coplas”, sinalan.  

O alcalde do Concello de Mesía, Mariano Iglesias, subliñou a “importancia das escolas municipais de disciplinas tradicionais” nun “momento de auxe da nosa música e o noso baile” e tamén o “orgullo de que un municipio rural como Mesía poida desenvolver este tipo de accións con xente moza e comprometida”.   

Recollida no Museo do Pobo  

A Muiñeira de Mesía comeza coa copla “A parroquia de Xanceda/de lonxe parece vila/ten un caravel na entrada/e unha rosa na saída”. Esta muiñeira forma parte do cancioneiro recollido no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego na colección de Baldomero Iglesias e que conta con 13.404 coplas recollidas na contorna de Mesía.  

A Casa Grande de Xanceda sorteará pandeiretas iguais ás usadas polas cantareiras no vídeo nas súas redes sociais o 17 de maio, Día das Letras Galegas. “Hai poucas cousas que simbolicen máis a tradición rural como unha pandeireta estampada con manchas de vaca”, explican. 

Casa Grande de Xanceda ten como parte da súa responsabilidade social corporativa a posta en valor da figura da muller rural polo aporte “impagable” que fixo e fai ao conxunto da sociedade galega.  

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información