
Xovenca preñada pola que se pagaron 7000 euros
A edición número 101 da poxa nacional celebrada hoxe en Adai, no municipio do Corgo, destacou por alcanzar unha marca histórica en canto a cotizacións se refire, ao adxudicarse a primeira xovenca preñada da poxa en 7.000 euros a un gandeiro de Castroverde. Foi a cotización máis alta da historia, e por descontado a poxa máis longa e máis rifada de todas as poxas que se lembran até a data. De feito, a toura presentouse no anel de poxas a un prezo de saída de 2.200 euros, e foi subindo de 50 en 50 euros até alcanzar nada menos que os 7.000 euros finais. A partir de aí, e tendo en conta que quedaban 14 xovencas por poxar, a organización decidiu subir as poxas de cen en cen euros.
E é que á marxe da marca de 7.000 euros, -as cantidades máis altas que se lembran roldaban os 4.500 euros-, a poxa de hoxe foi todo un éxito, en canto a prezos, á adxudicación de todos os animais presentados, á gran cantidade de compradores e aos prezos medios. A poxa nacional de Adai finalizou cunha media para as xovencas de 3.133 euros e de 2.850 euros para os machos, ambas tamén marcas na historia das poxas de Acruga.
A xovenca de marca, procedente do centro de recría da Granxa Gayoso Castro era a primeira da poxa e tamén a primeira en canto á súa cualificación liñal, cunhas puntuacións que explicaban porqué se trata dun animal morfoloxicamente perfecto.
Pouco antes das 12.00 da mañá comezou a poxa con outra marca que facía presaxiar a animación e as poxas moi rifadas, xa que un total de 68 posibles compradores retiraron o cartón que lles acreditaba para poxar. O recinto gandeiro de Adai lucía como nas grandes edicións, con moitísimo público, moitos gandeiros e gandeiras desexosos de mercar, e varias autoridades, entre eles a Conselleira de Medio Rural, a lucense María José Gómez; ou o Deputado de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada, Carlos López, en representación da Deputación de Lugo, ademais do alcalde do Corgo, Felipe Labrada, como anfitrión da gran festa da Rubia galega.
3950 euros por un touro
Os primeiros en poxarse foron os touros, oito en total, cinco pertencentes a Acruga e tres a gandeiros particulares. O touro que levou a cotización máis alta presentouse en 2.300 e subiu até os 3.950 euros, adquirido por un gandeiro de Celanova, Ourense.

Macho que acadou a maior cotización
Houbo outros exemplares machos que tamén alcanzaron cotizacións moi altas, como a dun macho vendido en 3.250 euros, que é froito dun embrión do programa de mellora xenética que a Xunta de Galicia desenvolve en colaboración con Acruga. Tamén outro dos machos de Acruga, procedente da nave de testaxe, vendeuse en 3.300 euros, cotizacións que a longo prazo fixeron posible esa marca do prezo medio dos machos de máis de 2.850 euros.
O gando estivo moi repartido, xa que os compradores destas 23 reses procedían de Castroverde, Barreiros, Guitiriz, Friol, Becerreá, Celanova (Ourense), Paradela, Cervantes, Monterroso, O Corgo, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e O Incio.
Edición 37 do Concurso nacional

A conxelleira do Medio Rural, María José Gómez
A poxa da xornada de hoxe foi a mellor forma de exaltar á raza Rubia Galega, pero non foi a única. De forma paralela, uns 100 exemplares presentábanse ao concurso nacional, que este ano alcanzou a súa edición número 37. A este certame concorren os mellores ejempares de distintas gandarías de toda Galicia, principalmente de Lugo, e os xuíces deben escoller os mellores en sete categorías, distinguindo aos animais que cumpren co estándar racial. Unha ollada ao recinto gandeiro de Adai permitía ver e admirar aos mellores exemplares, que lucían as escarapelas que lles facían acredores dos diferentes premios.
En total premiáronse oo tres mellores exemplares de sete categorías diferentes: Sementais de máis de 26 meses, que gañou o gandeiro Manuel López Quiroga, de Samos, un dos criadores máis premiados doutras edicións, que tamén levou os primeiros premios na categoría de xatos de 14 a 26 meses, e na de machos e femias até 8 meses.
Alejandro Gutiérrez foi o gañador na categoría de vacas paridas, unha das reses máis fotografadas no recinto gandeiro de Adai; José Antonio Ferreiro Palacios foi o gañador na categoría de becerras de 8 a 18 meses, mentres que en becerros de 8 a 14 meses venceu o exemplar presentado por Gandaría da Morena, que tamén levou o premio ao mellor lote.
Outros gandeiros e explotacións que tamén destacaron con segundos e terceiros premios foron, ademais das citadas, Pena Guisande S.C, a gandaría de Manuel Antonio Fernández Rodríguez, a explotación de Mari Luz Penin Rouco e Gandaría Santalla.