Pacto na UE sobre a regulación da agricultura ecolóxica

Acéptase a eventual presenza de residuos fitosanitarios nos produtos orgánicos cando sexa froito dunha contaminación involuntaria, como a existencia de explotacións en convencional nas inmediacións. Realizaranse controis cada ano sobre o terreo, agás para as explotacións con menos risco.

Publicidade
Pacto na UE sobre a regulación da agricultura ecolóxica

Os ministros de agricultura da Unión Europea chegaron onte a un acordo sobre a nova regulación da agricultura ecolóxica. As delegacións lograron pechar os dous puntos que seguían abertos: o xeito de actuar ante a presenza de substancias non autorizadas nun produto ecolóxico e os controis periódicos a realizar nas explotacións.

Sobre os residuos de fitosanitarios, finalmente rexeitouse a idea proposta pola Comisión Europea de fixar albores ou límites máximos, para desclasificar dos orgánicos aos produtos por enriba desas marxes e dificultar a coexistencia nunha mesma explotación de produción ecolóxica e produción convencional.

O texto aprobado acepta a eventual presenza desas substancias nos produtos ecolóxicos cando sexa froito dunha contaminación involuntaria -sobre todo pola existencia de parcelas próximas cultivas en convencional-, algo que debe determinarse tras unha investigación por parte das autoridades competentes.

Non obstante, as contaminacións evitables impedirán que eses produtos sexan etiquetados como orgánicos.

Os estados con límites de pesticidas poderán mantelos ata o 2020

O texto considera, non obstante, a posibilidade de que os Estados membros que conten agora con albores poidan mantelos ata decembro de 2020, sempre que con iso non se prohiba, limite ou impida a posta no mercado como orgánicos de produtos doutros países.

Sobre os controis, prevese que teñan lugar cada ano sobre o terreo, pero que se poidan espazar ata os tres anos no caso daquelas explotacións para as que as avaliacións de risco conclúan que non é necesaria unha maior frecuencia.

O seguinte paso para a aprobación definitiva do novo regulamento é o visto e prace do Parlamento Europeo, que aínda non se pronunciou, polo alto número de emendas (máis de 350) introducidas ao informe, que obrigarán a atrasar a súa votación a setembro.

A superficie dedicada á agricultura ecolóxica na UE duplicouse nos últimos dez anos

Nos últimos dez anos duplicouse a superficie da UE dedicada a producións bio, que en 2012 alcanzaba os 10 millóns de hectáreas.
Segundo datos da CE, os países con máis extensión de producións orgánicas son España (1,8 millóns de hectáreas), Italia (1,1 millóns), Alemaña (1 millón) e Francia (970.000 hectáreas).

En Europa hai máis de 186.000 producións ecolóxicas, que ocupan unhas 9,6 millóns de hectáreas, é dicir, o 5,4% da superficie agrícola.

O Goberno español móstrase satisfeito co acordo

Pola súa parte, a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio,Isabel García Tejerina, sinalou que España viu satisfeitas a maior parte das súas expectativas sobre a nova normativa de produción ecolóxica,

A ministra indicou que o acordo avanza en algo tan importante para España como é que “as importacións de produtos ecolóxicos cumpran con requisitos similares aos que nos esiximos dentro da Unión Europea”. García Tejerina incidiu na importancia de que as esixencias a terceiros países sexan similares ás dos produtores europeos, xa que iso ofrece garantías aos consumidores de produtos ecolóxicos e, ao mesmo tempo, protexe os produtores fronte á competencia desleal de terceiros países.

Por outra parte, García Tejerina asegurou que “a sanidade na agricultura resulta fundamental”. Por iso, a ministra defendeu no Consello o mantemento dun bo status sanitario, tanto para a sanidade animal como vexetal. Para a ministra, esta cuestión é moi importante para países como España, que ten unha riqueza produtiva fundamental.

“É importante ter unha cabana e uns cultivos sans para poder abrir novos mercados e para protexer as nosas producións da posible entrada de enfermidades”, recalcou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información