Paco Berciano: “O minifundio permitiralle a Galicia elaborar os mellores viños de España”

O viñateiro burgalés impartiu esta mañá a lección inaugural do terceiro Curso Superior de Catador Profesional do Instituto Galego do Viño

Publicidade
Paco Berciano: “O minifundio permitiralle a Galicia elaborar os mellores viños de España”

Inauguración do máster do Instituto Galego do Viño

“O viño é un xogo, un labirinto de sorpresas que require participación activa”, sinalou o director do Instituto Galego do Viño durante a inauguración do curso académico 2015-16 celebrado na Cidade da Cultura de Galicia.

Neste sentido, Xoán Cannas explicou aos 25 alumnos e alumnas seleccionados para participar desde hoxe na 3ª edición do Curso Superior de Catador Profesional que “neste máster trataremos de que perdades os prexuízos e descubrades que hai máis aló da fronteira do sabor, onde empezan os enigmas vitivinícolas”.

Durante o acto, que contou coa presenza do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro; a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González; así como de representantes dos sectores do viño, da hostalería e do turismo, entregouse á segunda promoción do Curso os títulos, mencións especiais e o premio “Turismo Rías Baixas” ao mellor alumno, que este ano recaeu, ex aequo, en Elísabet Castro Vázquez, do restaurante Mesón Docampo (Vilalba) e Marcos Docasal Pereira, da distribuidora Vía XVIII (Lugo).

Paco Berciano destaca as potencialidades do minifundio vitivinícola de Galicia

Á súa vez, Paco Berciano, unha das figuras fundamentais do viño en España, pronunciou a lección inaugural na que lembrou aos matriculados que “o mundo do viño é o único no que podes converter o teu traballo nun gran pracer”. Por elo, o director e copropietario de Alma Vinos Únicos e da vinoteca burgalesa El Lagar, considerada unha das mellores tendas especializadas do país-, convidou os alumnos a “descubrir e compartir a humildade e a paixón que caracteriza á xente do viño, porque desta forma poderedes entender porqué o viño é así”.

Berciano foi máis aló e subliñou que “o minifundismo vitivinícola de Galicia permitirá a esta terra elaborar os mellores viños de España”.

Un máis de 700 horas con recoñecidos expertos do mundo do viño

A partir de hoxe, e ata finais de xuño, a Cidade da Cultura acollerá o máster de 700 horas -teóricas e prácticas- de duración que serán impartidas por recoñecidos expertos a nivel internacional como Ferrán Centelles, José Luís Mateo, César Cánovas, Juancho Asenjo, Michael Wöhr, César Ruíz, e o propio Xoán Cannas, entre outros.

“Trátase de ofrecer unha formación integral da xestión do viño ao máis alto nivel”, subliñou Xoán Cannas. Así, viticultura e vinificación, xeografía vitivinícola, outros produtos e sobremesas, sala e adega, así como as técnicas de márketing e comunicación aplicadas ao viño, conformarán a programación teórica, que estará complementada con visitas a viñedos, adegas e feiras, ademais da realización dun proxecto ou prácticas profesionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información