Oviganic doa 30.000 mascarillas e 30.000 pares de guantes ó Hospital de Monforte

A industria láctea, que forma parte da compañía china Yeeper Dairy, entrega hoxe este material procedente do país asiático. O envío foi un compromiso persoal do máximo responsable da firma, Mu Shambo

Oviganic doa 30.000 mascarillas e 30.000 pares de guantes ó Hospital de Monforte

O director xeral de Oviganic Ibérica, Joaquín Garrido, co material sanitario que lle entregan hoxe ó Sergas no Hospital Comarcal de Monforte.

Oviganic Ibérica, a industria láctea ubicada en Monforte que forma parte da compañía china Yeeper Dairy, entrega hoxe no Hospital Comarcal de Monforte 30.000 mascarillas, 30.000 pares de guantes, 1.000 gafas e 1.000 traxes de protección. O material sanitario foi enviado estes días pola casa matriz de Oviganic, nun compromiso persoal do fundador e máximo responsable de Yeeper, Mu Shambo.

“Cando saltou a crise do coronavirus en China, Yeeper Dairy tamén contribuíu no posible coa doazón de material como ambulancias. A empresa está moi sensibilizada coa pandemia e xa quería ter mandado material a Galicia con anterioridade, pero non foi posible ata agora”, explica o director xeral de Oviganic Ibérica, Joaquín Garrido, que hoxe faralle entrega de todo o material sanitario recibido ao Sergas no Hospital Comarcal de Monforte.

oviganic material sanitario

Entre tanto, Oviganic Ibérica, centrada na produción de leite en po de ovella e cabra, así como de soro en po, maioritariamente para leites infantís, continúa a súa actividade con relativa normalidade. A empresa aplicou desde hai tempo un protocolo estricto de prevención do coronavirus que inclúe o uso de mascarillas e guantes polo seu persoal, desinfeccións de vesturios antes de cada uso, así como a asignación das persoas a un único grupo de turno de traballo, de xeito que se evitan cruces de turnos entre o persoal. O mesmo grupo humano vai rotando polos diferentes turnos establecidos na fábrica, a fin de reducir as interaccións entre o persoal todo o posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información