Ovica pide melloras nas axudas de incorporación para as ganderías de ovino ou caprino

Propostas de Ovica para que sexan incluídas na Orde de axudas de incorporacións de mozos e plan de mellora

Ovica pide melloras nas axudas de incorporación para as ganderías de ovino ou caprino

Comedeiros portátiles. Foto: Ovica

A “Asociación de criadores de Ovino e Caprino de Galicia” (Ovica) conta cunha experiencia no asesoramento a mozos que inician a súa actividade no sector de ovino e cabrún dende fai máis de 20 anos. En base a esta experiencia, en cada convocatoria de axudas dos últimos anos se tratou de aportar novas ideas e por ese motivo se entrega cada ano unha proposta de actualización das necesidades e demandas dos rapaces e rapazas que se van instalando no rural en base á propia experiencia acumulada durante este tempo.

Este informe é remitido ao Servizo de Explotacións Agropecuarias dependente da Consellería de Medio Rural para poder incorporar os módulos de investimentos subvencionables con cargo a orde de axudas que son imprescindibles para iniciar a actividade agrogandeira no sector ovino/cabrún dun xeito óptimo e sostible no tempo.

Por este motivo, para a presente convocatoria de axudas, os técnicos de Ovica elaboraron novamente un informe coa proposta onde figuran todos os módulos que en base a uns criterios técnicos e económicos, os gandeiros consideran que permiten afrontar o proceso de instalación e incorporación a explotación gandeira cunhas garantías mínimas de éxito.

A continuación se detallan os investimentos imprescindibles para que poidan ser incorporados ou modificados na norma complementaria neste 2016:

– A idade do gando a incorporar na primeira actividade non se debe limitar a 6 anos. Dado que o xeito máis habitual de conseguir o gando é mercando rabaños enteiros, é moi complexo poder acadar o número mínimo de animais cun intervalo de idades reducido dun mesmo rabaño. Por ese motivo non se debe restrinxir a idade dos animais e evitar que finalmente se incorporen animais con máis de 2 procedencias distintas o que eleva expoñencialmente o risco de contaxios sanitarios e de problemas de adaptación dos animais á nova explotación de destino.

– Machos sementais: carneiros e castróns de pura raza subvencionables, co obxectivo de mellorar a cabana gandeira de Galicia.

– Manga de manexo para o control sanitario e identificación dos animais.

– Cancelas para ovino e cabrún, empregadas tanto dentro das cuadras como no exterior facilitando o manexo do gando.

– Curros para albergar o gando en exterior con diferentes tipoloxías de estruturas, como por exemplo de madeira con ou sen teito, non únicamente de formigón como contemplaba a actual norma complementaria.

– Mallas móbiles electrificadas: son unha ferramenta imprescindible para realizar un pastoreo rotacional axeitado en rexímenes extensivos e semiextensivos.

– Peches fixos con cercas electrificadas, deseñadas específicamente para gando ovino e cabrún e recomendadas polo CIAM (Centro de investigacións agrarias de Mabegondo).

– Desbrozadora manual, para o correcto mantemento dos peches, eléctricos ou non anteriormente citados.

– Instalación para albergar a forraxe, comedeiros e bebedeiros, co obxectivo de mellorar a alimentación que se pode realizar tanto no interior como no exterior.

– Remolque de transporte de gando ovino e cabrún, axeitados para este tipo de gando, de pequeno tamaño e facilmente manexables. Propiciará que o seu uso sexa habitual e debe ser a peza angular que permita aos novos gandeiros achegar os seus animais ao matadoiro para que poidan ser sacrificados e entrar na cadea de trazabilidade cunhas condicións de sanidade e benestar animal mellores que as actuais.

– Máquina hidrolimpadora, empregada para cumprir a lexislación vixente e manter o remolque anteriormente citado en condición hixiénicas axeitadas.

– Contedor de cadáveres: é un elemento básico para unha xestión sanitaria correcta na explotación.

– Detectores de Preñez: trátase dunha ferramenta indispensable na programación reprodutiva e de mellora xenética nos rabaños de ovino e cabrún.

– Máquina esquiladora ou rapadora para o tosquiado das ovellas: co fin de obter explotacións máis autosuficientes.

– Xerador eléctrico a gasoil ou gasolina: trátase tamén doutro elemento indispensable tamén nas explotacións de ovino e cabrún dada a súa condición especial en moitos casos de itinerante ou trashumante polo propio desprazamento do gando en rexímenes ou manexos extensivos e semiextensivos que obrigan a dispoñer de enerxía eléctrica en ubicacións un pouco alonxadas ás veces da explotación.

Remolque para transporte de gando

Dende Ovica apostan polo sector de ovino e cabrún en Galicia e por unha mellor adecuación das axudas dispoñibles, que en moitos casos son orientadas únicamente cara as explotacións de vacún de leite e de carne. O territorio galego ten unha gran potencialidade para o aproveitamento de pasto arbustivo e sobre arboredo con este tipo de gando menor constituído por pequenos ruminantes que non precisan de grandes investimentos iniciais e que lle dan unha gran flexibilidade á hora de adaptar as instalacións existentes en caso de ter que realizar unha reorientación produtiva no futuro.

Para este fin queremos achegamos este informe coas propostas aos técnicos da Consellería do Medio Rural para que teñan nas súas mans as mellores ferramentas para implantalas nos incorporacións dos mozos/as como módulos de investimento subvencionable e adaptalas ás necesidades reais do sector ovino e cabrún en Galicia.

Descarga:

Informe Ovica Incorporacions 2016 – Fichas Técnicas.

Memoria Informe Ovica Incorporacións 2016

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información