A Organización de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) e a Plataforma STOP Non Máis Lumes no Concello de Cualedro, organizan este domingo, día 29, unha Xornada monográfica sobre os Incendios en Galicia.
A xornada é aberta ao público e gratuíta e pretende apoiar aos gandeiros afectados polos incendios que tiveron lugar este ano nos Concellos de Cualedro, Baltar, Trasmiras e Xinzo de Limia, que devastou máis de 3.000 hectáreas e que deixou sen pastos a numerosas explotacións gandeiras da zona. O lugar de celebración é o Centro de Interpretación dos Castros no Concello de Cualedro (Ourense).
A xornada dará comezo ás 10 e media da mañá e estará adicada a dúas ponencias: a primeira delas está marcada por un carácter sociocultural e incidirá sobre as consecuencias dos incendios sobre a xente do rural, mentres que a segunda incidirá sobre a parte técnica para recuperar as zonas queimadas con aproveitamentos agrogandeiros. Tamén se realizará unha visita guiada por explotacións gandeiras de ovino afectadas polo incendio.
Máis tarde, sobre as 14:30 horas, pararase para xantar no Restaurante O Cepo de Baltar. O custe do menú é de 10 euros por persoa. Para asistir ao xantar é indispensable realizar reserva telefónica no número 687 778 013 ou na dirección de correo electrónico: ovica.galicia@gmail.com.
Xa pola tarde, está prevista unha subida ata o alto do Larouco, onde se realizará un acto simbólico no Banco da Esperanza coa plantación dunha árbore autóctona e a lectura dun manifesto de apoio aos gandeiros coas súas reclamacións.