Ovica demanda melloras nas axudas da Xunta aos gandeiros de ovino e cabrún

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia demándalle á Consellería de Medio Rural cambios nas axudas dos plans de mellora e nas axudas de incorporación para a convocatoria de 2017 co obxectivo de lograr ganderías máis modernas e competitivas.

Ovica demanda melloras nas axudas da Xunta aos gandeiros de ovino e cabrún

Ovellas de Nieves Fernández Vidueira, gandeira de Viana do Bolo (Ourense).

A Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) ven de presentar á Consellería do Medio Rural unha informe cunha serie de propostas para mellorar as axudas de incorporación e de plans de mellora para a convocatoria de 2017.

Ovica, que ven de ser recoñecida co Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2016, destaca que “é primordial aumentar a produción de cordeiro e de cabrito de Galicia”, un produto diferenciado e no que a demanda supera amplamente a oferta do mercado. Ademais, conta dende hai dous meses cun selo que certifica a súa calidade ante o consumidor, a marca “Pastores de Galicia”.

Neste sentido, dende a asociación reclaman á Consellería do Medio Rural unha serie de cambios nas axudas de incorporación e dos plans de mellora para adaptalas á realidade do sector e lograr unhas ganderías de ovino e de caprino modernas, profesionalizadas e competitivas.

En concreto, Ovica solicita á Xunta que realice os seguintes cambios nos investimentos subvencionables e na súa xustificación dentro das axudas dos plans de mellora e de incorporación para a próxima convocatoria do 2017.

Modificacións en investimentos subvencionables:

Aumentar a idade máxima dos animais aos que se subvenciona a súa compra ata os 10 anos:
Posto que en Calicia non existen ganderías especializadas na venta de recría tanto de ovino como de cabrún e que a forma habitual de conseguir gando (e a máis aconsellable sanitariamente) é mercar animais dunha sola orixe (rabaños enteiros), dende Ovica consideran que que non se debe restrinxir a idade dos animais a 6 anos. Cómpre aumentar, por este motivo, a idade máxima ata a súa idade produtiva de 8-10 anos. Entenden que os compromisos sobre este investimento (5 anos de permanencia) deben aplicarse ao censo total, non a cada animal mercado.

Subvencionar tamén os curros de madeira:
Dende Ovica propoñen para as axudas á construción de curros de ovino e de caprino, non só se permitan estruturas de formigón e se engadan estruturas de madeira con ou sen tellado,

Axudas para mallas móbiles electrificadas:
As mallas móbiles electrificadas son unha ferramenta imprescindible para os actuais sistemas de manexo tanto en ovino como en cabrún. Estas constan dunha malla plástica, que dispón de fíos horizontais electrificados, unida a estacas de plástico que permiten
mantela tensa e en posición. Esta ferramenta permite adaptar a superficie de pastoreo ao tamaño da finca (ás veces moi reducido) e á súa forma (ás veces moi irregular) mantendo o gando pechado e controlado durante o pastoreo.

Incrementar as axudas para incremento da superficie forraxeira:
Os investimentos en incremento da superficie forraxeira das explotacións é un elemento fundamental para poder diminuír os custes de produción e manter a actividade agro-gandeira.

Dende Ovica sinalan que “as explotacións galegas poden incrementar a súa base territorial e polo tanto, a cantidade e calidade da produción forraxeira, recuperando terras abandonadas con matogueira e monte baixo ou terras indebidamente forestadas, de modo que producir a un custe razoable sexa máis doado”.

Sen embargo, a asociación considera que “os importes asignados a estes módulos son inferiores ao prezo de mercado”, polo que demanda un incremento das axudas.

Axudas para mangas de manexo:
Dada a falta de concreción sobre este investimento dende Ovica defenden que se debería¡ considerar dentro deste módulo os dous tipos de manga de manexo existentes: fixa e móbil. “O ideal é que poida dispoñer dun sistema de remolque e sexa cómoda de montar e de trasladar a outras parcelas da explotación, en sistemas de pastoreo rotacional”, engaden.

Inclusión de novos investimentos nas convocatorias de axudas:

– Remolque esparexedor de esterco:
Tratase dun apeiro non incluído ata o de agora nas normas complementarias e moi necesario na xestión das dexeccións gandeiras producidas nas explotacións de ovino e cabrún da comunidade galega, nas que predomina a cama de palla ou estrume fronte ao engrellado.

O poder dispoñer deste apeiro nas explotacións supón unha mellora nas condicións de traballo, nas condicións agroambientais e nas relativas a seguridade laboral.

– Podadora de altura:
Nunha parte moi importante das explotacións de ovino e cabrún de Calicia, son explotacións con manexo en extensivo e semi-extensivo nas que os lindes permanecen pechados por sebes e as pradeiras onde pastan os animais manteñen no seu interior árbores ou grupos de árbores autóctonos, tales como carballos ou castiñeiros.

A podadora de altura permite realizar operacións de corte en vexetación espesa, sebes e poda de árbores en altura ou en terreos con pendente de forma ergonómica, sen ter que subir a árbore nin axuda de escaleiras ou elevadores mecánicos, co que se evitan todos os riscos asociados.

– Cancelas para ovino e caprino:
Para o manexo tanto dentro das cortes como no exterior, as cancelas son unha ferramenta moi versátil para o manexo do gando, podendo xuntar un lote ou o rabaño enteiro en calquera situación. Este investimento é económico pero moi flexible, polo que dende Ovica piden que se teña en conta nas axudas de incorporación e plans de mellora.

-Sementais: carneiros e castróns de pura raza
Para a mellora xenética da cabana gandeira galega é necesario fomentar o uso de sementais de raza pura, deste xeito incrementaranse o valor das producións do sector. Neste sentido, dende Ovica reclaman que non só se debera admitir este investimento nas incorporacións, senón que tamén habería que habilitalo para os plans de mellora. “Esta é unha mellora competitiva fundamental para as ganderías profesionais do sector”, subliñan.

peche_ovellas_ciam

Peche para ovino e caprino. Na esquerda, detalle dos fíos electrificados interior e exterior e na dereita, detalle da parte superior do peche. Foto: Beealia

– Peche para ovino e caprino:
Do listado de peches que se describen nas normas complementarias deste ano, Ovica bota en falta un sistema de peche recomendado polo CIAM e desenvolvido por varios dos seus socios, que “está a dar excelentes resultados”, garantindo unha alta seguridade fronte ó lobo, raposo e cans asilvestrados, comprobada por máis de dez explotacións gandeiras espalladas por todo o territorio galego.

– Hidrolimpadoras:
É unha ferramenta de traballo imprescindible para a correcta desinfección do remolque, sempre que na gandería se acredite a existencia dun remolque de transporte de gando ovino/cabrún.

-Contedor de cadáveres:
Para Ovica “trátase dun elemento básico na xestión sanitaria dunha explotación e debería ser incluído tamén neste tipo de axudas”. “Hai épocas do ano en que se pode producir un número elevado de baixas polo que parece razoable a necesidade de dispoñer dun lugar hixiénico onde se recollan os animais mortos e que facilite á súa vez, a retirada da grúa de recollida de materiais de risco Mer contratados nas pólizas 415 e 111 do Agroseguro”.

– Detector de preñez:
O detector de preñez é unha ferramenta indispensable na programación reprodutiva e de mellora xenética nos rabaños de ovino e cabrún. “Pode reducir o número de visitas dos servizos veterinarios, moitas veces innecesarias xa que habitualmente manexan outros utensilios como os ecógrafos que ofrecen un servizo máis detallado, incluso proporcionando información do número de crías por reprodutora, pero que na maioría dos casos non é precisa nun primeiro momento, salvo futuras complicacións clínicas durante a xestación”, explican dende Ovica.

– Máquina rapadora ou esquiladora para tosquiado das ovellas:
En determinadas explotacións cunha certa dimensión e xa cun rabaño numeroso, teñen a oportunidade de esquilar as súas propias ovellas recibindo unha formación apropiada. “Isto propiciaría que a propia explotación fose máis autosuficiente e non dependa de servizos externalizados contratados por fóra da mesma ao mesmo tempo que aumenta a profesionalización dos mozos coa súa formación específica, neste caso no tosquiado das ovellas”, explican dende Ovica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información