Ovellas no viñedo: Adegas Granbazán aposta por un xeito de desbrozar sustentable e económico

A adega Pazo de Bazán emprega 25 exemplares da raza ovina texel para manter limpa de herba unha superficie de 30 hectáreas de viña. Dese xeito conseguen fertilizar a terra e eliminar a maleza sen apenas custo e cunha práctica totalmente sustentable para o medio ambiente. Os animais son propiedade da gandería López Queijo SC

Publicidade

OVELLA VINHEDO

A docilidade e o tipo de pasto que consumen converten á raza de ovellas texel na máis axeitada para eliminar a herba dos viñedos. Por eso, en Adegas Granbazán, de Vilanova de Arousa, introduciron 25 animais que van realizar o desbroce de xeito económico e sustentable.

Carlos Fernández, técnico de campo da adega, explica que as ovellas vanse mover nunha superficie de 30 hectáreas lindeiras coas instalacións. “Levamos moitos anos empregando cubertas vexetais nas viñas que teñen desniveis de ata un 25%. Porque as cubertas combaten a erosión e reteñen a auga. Pero hai que recortalas con moita frecuencia para que non supoñan unha competencia para as videiras.”, sinala.

Actualmente estamos cortando a herba 6 veces ao ano. Coas ovellas agardamos reducir cortas e custos (Carlos Fernández, adegas Granbazán)

Fernández explica que cada ano hai que facer unhas seis cortas ata deixar a herba coa altura mínima. Ata o de agora empregaron diferentes medios mecánicos. Agora, atendendo as recomendacións das diferentes certificacións de calidade de posúen, están a apostar pola redución da pegada de carbono, sendo o uso das ovellas unha desas accións.

Aínda que inicialmente se pensou en cabalos ou vacas, o tamaño deses animais podía acabar danado as plantas e as estruturas de plantación. “Por eso decidimos apostar polas ovellas, aínda sabendo que en Galicia apenas hai rabaños grandes que se adiquen ao pastoreo en terreos grandes e perimetrados.”, di Fernández.

Aínda que noutras zonas vitícolas de España se empregan patos e ocas para o desbroce, en Galicia non hai aves dispoñibles para esa tarefa. “Finalmente, a través da asesoría gandeira Beealia, puidemos contactar coa gandería López Queijo SC, de Abegondo. A súa cabana e dispoñibilidade eran idóneas para o noso proxecto.”

Malia o traballo burocrático que supón cambiar os animais de provincia, paga a pena porque conseguen reducir ao mínimo os pases mecánicos para desbroce e, polo tanto sendo máis respectuosos co medio ambiente. “Aparte de que a herba que segamos coas máquinas queda tirada e pode tardar meses ou anos en converterse en materia orgánica útil para os solos. As ovellas xa fan un abonado directo e inmediato.”

As ovellas fan en 24 horas unha fertilización que, coa corta mecánica, pode tardar meses e incluso anos

O proxecti ten tamén unha dobre vertente investigadora: por un lado vaise analizar se mellora a calidade e as características dos viños que produzan as hectáreas pacidas. Por outro, queren comprobar a evolución da biodiversidade nas cubertas vexetais e ver se aumentan ou se modifican os tipos de herba.

As ovellas non só limpan de herba os viñedos senón que tamén os fertilizan directamente

As ovellas non só limpan de herba os viñedos senón que tamén os fertilizan directamente

“Dentro da parcela de 30 hectáreas, acotamos un espazo dunha hectárea para que estean nel as ovellas. Así, cun pastor móbil, ímolas movendo pola finca ao longo do ano nun pastoreo rotacional. Dese xeito vense obrigadas a comer toda a vexetación que hai na hectárea porque non poden ser tan selectivas como se dispuxeran de todo o espazo.”

Un dos inconvenientes que presenta a iniciativa é que as ovellas non poden estar todo o ano no viñedo. “A ovella texel só soe comer herba. Pero podería darse que, no comezo da primavera, comeran tamén os primeiros brotes dos acios das cepas máis novas que están a rentes do chan, porque son moi tenros. Eso sería moi perigoso para a produción.”

A presenza das ovellas hai que evitala cando comezan a medrar os acios e cando aplicamos fitosanitarios

Por outro lado, os animais tampouco poden estar presentes cando se aplican os tratamentos fitosanitarios nas videiras, porque poderían estar excesivamente expostas. Desta forma, entre finais de marzo e ata pasada a vendima, as ovellas non están nos viñedos. É decir, aprovéitase o momento de parada vexetativa das plantas.

Aínda que as texel están as 24 horas no viñedo, en Granbazán tiveron que acondicionar unha das súas instalacións para que sirva de establo para situacións de emerxencias. E é que se trata dun requisito obrigatorio nestes casos aínda que non se empregue.

Outra cuestión é que sería preciso aumentar o dobre a densidade de ovellas por hectárea para que puideran pacer integramente as 30 hectáreas. “Este é un proxecto en fase inicial e, polo que levamos visto, as 25 ovellas non van ser capaces de consumir toda a herba que temos na parcela.”

Malia que se realizan controis, non semella que as ovellas poidan supoñer un risco para a sanidade dos viñedos. “As doenzas que afectan as videiras como fungos ou insectos non están relacionadas coa fauna. O único sería que trouxeran nas patas algunha semente de malas herbas, pero tampouco sería un problema porque acabarían por comelas.”

Para poder desenvolver este proxecto foi obrigatorio crear unha estabulación para situacións de emerxencia

E, por suposto, a compoñente económica é fundamental. “Se contabilizas o custo do gasóleo que empregan as máquinas de sega e o número de horas de traballo necesarias para facer todo o labor, as ovellas son moito máis rendibles. Fan o traballo, fertilizan a terra e non supoñen ningún gasto. Dende logo é un sistema que sería moi beneficioso para viñedos que teñan problemas de man de obra.”

Texel de alta xenética levadas dende Abegondo

As ovellas texel que están no viñedo de Granbazán son propiedade da gandería López Queijo SC, de Abegondo. O proceso para levar as ovellas ata o viñedo implicou a creación dunha nova explotación co seu correspondente número de rexistro (REGA), sinala Santiago López, gandeiro.

“A raza texel é moi pacedora. Gústalles a herba e non buscan outras cousas como si fai a ovella de raza galega, que podería danar as parras e videiras. A verdade é que hai tempo que a adega buscaba este tipo de colaboración pero ninguén tiña moi claro dar o paso polo movemento de animais que implica.”

López Queijo destaca a facilidade de manexo das ovellas texel

López Queijo destaca a facilidade de manexo das ovellas texel

Se ben a técnica de usar animais para desbrozar as viñas é moi antiga, López considera que tamén é unha forma de reducir custos de produción nun contexto en que as empresas afondan cada vez máis nese concepto. E, sobre todo, supón unha práctica sustentable e respectuosa co medio ambiente.

“A ovella texel pode ser útil en calquera viñedo que teña herba. Agora ben, se son cepas baixas é mellor que só estean os animais cando estean as videiras en parada vexetativa. Porque, se non, poden comer follas e brotes.”

O desbroce con ovellas non é nada novo. Pero agora ten unha compoñente mediaombiental e económica que antes non tiña. (Santiago López, gandeiro)

Aínda que a distancia entre Abegondo e Vilanova de Arousa se percorre en só unha hora, hai un traballo burocrático previo moi costoso e que require de moitas horas. Con todo, tanto a gandería como a adega saen beneficiadas da colaboración.

López Queijo e outros produtores de texel de Galicia veñen de poñer en marcha unha asociación de gandeiros para promover e mellorar a raza en territorio galego. “Son animais dunha docilidade extrema, incluso para subir ao camión non opoñen resistencia. E teñen un excelente rendemento cárnico comendo só herba.”

O gandeiro sinala que agora é un momento bo para a gandería de ovino en Galicia. “A mágoa é que xa quedamos poucos, pero o certo é que os prezos da carne están a bon nivel e a demanda non se reduciu como hai anos.”

De feito, en lugares como A Coruña, chegouse a pagar nas pasadas festas ata 40 euros por quilo de cordeiro. Outra boa noticia é que se están a vender exemplares de máis peso -de 10 ou 11 quilos- pola posibilidade de trocealos e ofrecelos por pezas, algo que non é posible cos animais máis cativos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información