Outra gran adega galega pasa a mans foráneas: La Val, de Rías Baixas, é adquirida por CVNE

Publicidade
Outra gran adega galega pasa a mans foráneas: La Val, de Rías Baixas, é adquirida por CVNE

Adega La Val en Salvaterra de Miño

A Compañía Vinícola del Norte de España, CVNE, informa a través dun comunicado de que formalizou a incorporación de adegas La Val -situada en Salvaterra de Miño, no Condado de Tea da Denominación de Orixe Rías Baixas- á compañía. O histórico grupo rioxano suma así a súa oitava adega ao grupo e incorpora á familia viños albariños. Trátase da primeira adega do D.O. Rías Baixas que se suma a CVNE, que xa está presente no D.O. Rioxa, D.O. Ribera del Duero, D.O. Valdeorras e D.O. Cava.

En palabras de Víctor Urrutia, CEO de CVNE: “Esta iniciativa forma parte do obxectivo de CVNE de estar presente nas zonas vitivinícolas máis relevantes do país. Como compañía que aposta polo sector do viño, contamos coa ilusión e co obxectivo de facernos visibles e fortes nas zonas vinícolas de España por antonomasia e hoxe temos o pracer de dar un paso máis nese sentido”. 

90 hectáreas de viñedos 

Adegas La Val fundouse en 1985 no Rosal cunha leira á que debe o seu nome. La Val é unha adega histórica da zona, foi unha das pioneiras na elaboración de Albariño e impulsora da creación da Denominación de Orixe Rías Baixas en 1988.

Anos máis tarde, o seu crecemento posibilitou o seu traslado a Finca Arantei, en Salvaterra de Miño. Desde 2010, a administración e propiedade de La Val leva consolidando a compañía como unha das máis relevantes do sector en Rías Baixas, incorporando novos viñedos e elaborando viños moi apreciados entre os consumidores. Fernando Bandeira e Antonio Ruiloba de Adegas La Val, sinalaron a importancia do acordo alcanzado: “Para nós é un orgullo pasar a formar parte dun grupo vinícola recoñecido non só en España senón fóra das nosas fronteiras. Seguiremos elaborando viños de máxima calidade coa mesma paixón de sempre e co respaldo dunha gran compañía como é CVNE”.

Con esta operación CVNE incorpora ao grupo unha adega e unha marca recoñecida, que conta con máis de 90 hectáreas propias de viñedo. La Val destina o 70 por cento das súas vendas ao mercado exterior.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información