Ourense concentra o principal impacto da procesionaria do piñeiro en Galicia

A Administración tratou no último ano un total de 3.300 hectáreas en Galicia, das que un 75% estaban na provincia ourensán

Ourense concentra o principal impacto da procesionaria do piñeiro en Galicia

Mapa dos tratamentos contra a procesionaria aplicados no último ano en montes de xestión pública.

A procesionaria do piñeiro é unha praga considerada secundaria no sector forestal, pois só en casos extremos produce danos severos sobre os piñeirais, pero si é un problema que precisa de control, pois debilita as masas e favorece a penetración doutras incidencias, como fungos ou insectos escolítidos. Durante o último ano, a procesionaria obrigou ó tratamento de 3.300 hectáreas en montes de xestión pública, a superficie máis alta tratada contra a procesionaria na última década. A provincia de Ourense foi a máis afectada.

O 75% dos tratamentos aplicados pola Administración desenvolvéronse na provincia de Ourense, en especial na súa parte oriental. Outro 22% correspondeu a Lugo, principalmente na zona do Sil limítrofe con Ourense, en tanto na Coruña só houbo tratamentos puntuais en 55 hectáreas (1,6%).

O 2018 foi o ano con maior incidencia da praga na última década, pois en anos anteriores os tratamentos precisos foran inferiores, con 1.900 hectáreas tratadas no 2017 e 2.150 no 2016.

Para as aplicacións, a Xunta utiliza un insecticida biolóxico, elaborado a base de ‘Bacillus thurienginensis’, unha cepa de bacterias que se demostran altamente efectivas no combate da procesionaria. Os tratamentos desenvólvense principalmente en setembro e outubro, cando as larvas son pequenas, e acompáñanse de medidas complementarias en maio, xuño e xullo, cando se fan trampeos con caixas de feromonas que atraen ás bolboretas femia da procesionaria, o que impedirá que se reproduzan e desoven, minguando o impacto da praga nos seguintes meses.

Problemas fitosanitarios
Con todo, a procesionaria é na actualidade un problema menor nos piñeirais galegos. A principal ameaza céntrase no nematodo do piñeiro, unha praga de corentena que xa afecta ó sur da provincia de Pontevedra e que se espera que impacte tamén nos próximos anos en Ourense, pois a praga está a expandirse por Portugal cara a fronteira galega e espérase a chegada da súa fronte principal ó sur de Pontevedra e de Ourense en torno ó 2021.

Outro foco de preocupación sitúase nos fungos da banda vermella e marrón, que están causando serios danos nas masas de piñeiro insigne do País Vasco. A incógnita por despexar é se eses fungos poden chegar a representar un problema do mesmo calibre nos piñeirais galegos de ‘Pinus radiata’, que se atopan principalmente en comarcas do interior de Lugo e, en menor medida, en Ourense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información