A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Osmo: Recuperación do rural e xeración de riqueza grazas ás “aldeas modelo”

Este núcleo do concello ourensán de Cenlle é a primeira “aldea modelo” de Galicia, unha iniciativa posta en marcha pola Consellería do Medio Rural para recuperar as franxa máis próximas ás vivendas. Grazas á intervención púxose en marcha unha gandería de porco celta e recuperáronse terras para horta. Coñecemos de primeira man como está a ser a experiencia

Osmo: Recuperación do rural e xeración de riqueza grazas ás “aldeas modelo”

A aldea de Osmo, no concello ourensán de Cenlle, é a primeira “aldea modelo” de Galicia, unha iniciativa pioneira da Consellería do Medio Rural que busca recuperar a actividade productiva nas terras abandonadas arredor dos núcleos de poboación, de forma que non só se lle aforra aos propietarios o custo de acometer as limpezas obrigatorias da maleza para previr os incendios forestais, senón que ademais perciben unhas rendas das persoas que lles alugan os terreos.

No caso de Osmo, foi o interese dunha parella nova e que non vivía na aldea, a formada por Martín Touceda e Alba Lombao, a que a está facer rexurdir. “Eu son de Cuntis e a Alba de Santiago, onde vivíamos ata hai 4 anos, cando decidimos vir á casa da miña sogra en Osmo, unha vivenda á que só se viña nas vacacións do verán. Aos dous encantábanos este sitio e cremos que é o mellor lugar para criar ao noso fillo Fiz”, explica Martín, que traballa como comercial.

Aos dous tiráballes o de producir horta en ecolóxico, un proxecto que lles presentaron a Gabriel Alén, o anterior alcalde de Cenlle. “Isto foi a comezos do ano pasado, e sen a súa axuda non sería posible este proxecto. Díxonos que había a posiblidade das aldeas modelo, que sería moi beneficioso tanto para os veciños como para nós, e tamén para a aldea, pois ao estar boa parte dos terreos cheos de maleza e arborado era un perigo para as casas en caso de incendio”, explica.

Inicialmente, o proxecto de Martín e Alba era poñer en cultivo terras abandonadas na faixa de protección -os primeiros 50 metros dende as casas- da aldea para producir e vender produtos da horta en ecolóxico, pero a necesidade de controlar a maleza nos terreos colindantes levounos a incluír tamén gando.

“Barallamos meter vacas cachenas para ter controlada a maleza na faixa secundaria, pero tiñamos o problema de que Osmo ten poucas terras de pasto, tamén contemplamos meter un rabaño de cabras ou ovellas, pero desestimámolo porque nos pareceu que non tiña tanta saída comercial, e finalmente, decantámonos polo porco celta. Despois de facer un curso e de visitar varias explotacións, trouxemos os primeiros exemplares no mes de xuño deste ano”, explica Martín.

Neste momento teñen 4 nais, un verrón e 25 cebos que manteñen a vexetación controlada nunhas 6 hectáreas que lle alugaron aos veciños durante 10 anos a través do Banco de Terras, despois de ser desbrozadas de xeito gratuíto pola Xunta. A base da súa alimentación son as landras, as castañas, a herba e as raíces do bosque mixto no que viven, complementada con cereal. Algúns dos porcos xa foron adquiridos por veciños e por restaurantes e en decembro estarán listos para a matanza. “A nosa idea é seguir aumentando a cabana e chegar a elaborar nós embutidos desta carne de gran calidade, para o cal xa temos unha marca, CienPorCel”, avanza Martín.

Porcos de CienPorCel nunha carballeira de Osmo

Porcos de CienPorCel nunha carballeira de Osmo

Ademais das 6 hectáreas para o porco celta, que están protexidas por un peche especial, instalado de forma gratuíta pola Xunta, para evitar os ataques dos lobos ou do xabarín, esta parella de mozos emprendedores no rural tamén vai recuperar outras 3 hectáreas para horta ecolóxica e 1 hectárea para a produción de cereal en ecolóxico co que alimentar aos porcos. “Ata o de agora nas parcelas para horta plantamos nabos para ir preparando o terreo e na primavera comezar a cultivar”, avanzan.

Execución dos traballos de limpeza e cesión dos terreos

Pero que Martín e Alba puideran acceder a estas 10 hectáreas, repartidas en nada menos que 100 parcelas pertencentes a uns 40 propietarios, nun prazo tan breve non sería posible sen as “aldeas modelo”, unha ferramenta da Xunta, áxil e innovadora, que respeta a propiedade dos titulares -non se tocan nin os marcos, nin os valados nin os camiños- e garántelles aos propietarios uns ingresos mediante o aluguer das parcelas a través do Banco de Terras. Aos arrendatarios dálles unha seguridade de poder dispor da superficie durante un período mínimo de 5 anos, ampliable por acordo entre as partes. No caso de Osmo, a iniciativa de presentarlle o proxecto aos veciños partiu do anterior rexedor, Gabriel Alén.

“Os veciños están contentos coa iniciativa e con que nós montemos isto. De feito, asinaron a autorización para que lle limpasen os terreos, aforrándolles un custo, e posteriormente a autorización para cedelos ao Banco de Terras de Galicia, para que este á súa vez nolos alugase”, destaca pola súa parte Martín Touceda.

Nesta aldea a limpeza das parcelas realizouna a Xunta, que asumiu o custo de desbrozar 24,77 hectáreas de terreo situado nas franxas de protección deste núcleo de poboación. A limpeza executouse nun total de 169 parcelas propiedade de 51 veciños e veciñas.

 Xa están en marcha 44 proxectos de aldeas modelo en Galicia

A aldea-modelo-osmo 2

O modelo de Osmo serviu como exemplo exitoso de como transformar un problema e unha obriga para os propietarios (limpeza dos terreos abandonados arredor das aldeas) nunha oportunidade de xeración de riqueza e de fixación de poboación no rural. Así, segundo datos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a día de hoxe están postos en marcha un total de 44 iniciativas, que se atopan en diferentes etapas ou fases de execución.

En concreto, xa están declaradas como aldeas modelo un total de 12 proxectos, dos cales tres están en fase de finalización de execución. Estes son os de Osmo (Cenlle), aldea destinada á produción de porco celta en ecolóxico; e as de Trascastro (O Incio) e Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), aldeas que se destinarán á produción de vacún de carne autóctono en ecolóxico.

No canto dos outros nove proxectos xa declarados, xa se completou o proceso de desbroce e limpeza en todo o seu perímetro, agás na aldea de Meixide (A Veiga), na que se está a traballar ao decretarse aínda o pasado 22 de setembro. Nestas iniciativas, procederase a introducir cabras ou ovellas en pastoreo co fin de garantir o mantemento preventivo destes perímetros dun xeito natural, ecolóxico e, ademais, produtivo.

Doutra banda, dos 32 proxectos restantes, nove están en fase de recollida de sinaturas, un requisito imprescindible para a declaración dun aldea modelo; e as outras 23 están en fases iniciais, é dicir, en fase de estudo previo ou de determinación de perímetro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *