“Os xatos van seguir subindo; os poucos que hai peléxanse por eles”

Febreiro e marzo eran tradicionalmente meses difíciles para os produtores de carne de vacún pola caída de prezos e as dificultades para dar saída aos animais das explotacións. Pero este ano a situación é totalmente diferente, con cotizacións á alza e forte demanda tanto en Galicia como fóra da comunidade

O gando de Juan na parroquia de Vilavella (Triacastela)

Unha das explotacións da provincia de Lugo que comercializa a través da asociación de gandeiros de Suprema

A maior parte das vacas de carne en Galicia seguen parindo na primavera, nos meses de abril e maio, polo que os xatos que traen chegan á idade de sacrificio con 10 meses en febreiro e marzo do ano seguinte.

Isto provocaba tradicionalmente unha acumulación de canais nunha época, a de inverno, de menor consumo de carne de tenreira en Galicia (os cocidos tiran máis da carne de porco) e esa caída da demanda, sumada ao exceso de oferta, dificultaba a saída de animais das explotacións e facía caer os prezos.

Pero este ano a realidade é ben diferente. “Non é so que non vai haber baixada, senón que vai haber subida”, augura Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema. “Hai unha escaseza brutal de animais, os poucos que hai non chegan a nada e peléxanse por eles, polo que, se se atende claramente á lei da oferta e a demanda, iso ten que facer subir o prezo”, defende.

Neste momento hai unha escaseza brutal de animais para a demanda existente; peléxanse por eles e non chegan a nada

A situación actual, di, débese a unha suma de circunstancias. “En Galicia produciuse a tormenta perfecta, un cúmulo de factores: o peche de explotacións, a EHE, a forte demanda nacional e o tirón das exportacións”, enumera.

Produciuse a tormenta perfecta: peche de explotacións, EHE e forte tirón da exportación

O sector vive un momento doce e Santiago Rego considera que será duradeiro.  “Imos para un ciclo de 2-3 anos, porque os tempos dunha vaca son os que son. Aínda que compres agora unha xata ata que empreña e ten un xato que sirva para comercializar pasan mínimo tres anos”, razoa.

Os cebadoiros queren encher, pero os animais para vida están tamén polas nubes e isto non é unha fotocopiadora

“Neste momento os cebadoiros queren encher as súas instalacións, pero os animais de vida están tamén polas nubes e isto non é unha fotocopiadora; a cabana de vacas nodrizas é a que é e o seu ciclo natural tamén”, insiste.

 “Nós non estamos cargando para o barco”

Ás instalacións dos mercados de gando da Fonsagrada e Becerreá seguen a vir cada semana operadores de fóra de Galicia a mercar xatos cebados. “Tomamos esta decisión porque no seu momento, no mes de setembro, non entendiamos como aquí non subía a carne, cando estaba subindo en todos os outros sitios, por iso decidimos facer a folga de entregas e vender para fóra, e o tempo está a darnos a razón”, afirma o presidente de Gandeiros Galegos da Suprema.

Estamos movendo unha media de 150 animais á semana, entre 4 e 5 tráilers

Os envíos semanais a industrias doutras comunidades séguense a manter, con incrementos de volumes e número de explotacións. “Estanse movendo neste momento entre 4 e 5 tráilers á semana, o que representa unha media duns 150 animais”, explican, matizando que o destino final non é a exportación.

“Seguimos mandando para fóra de Galicia, pero non estamos cargando para o barco; todos os nosos animais estanse quedando aquí na península, en Estremadura, Madrid, Asturias e Valencia, basicamente. Nos últimos meses sumáronse máis destinos pero o nicho de mercado está aí principalmente”, detallan.

Unha vez perdido o medo inicial, máis gandeiros sumáronse á estratexia de vender os seus xatos para fóra. “Estanse sumando compañeiros todas as semanas, somos xa máis de 200 as explotacións que comercializan por medio da Asociación. Gusta sobre todo o sistema de venda a peso vivo, que é o máis transparente para o gandeiro”, asegura Santiago.

“Ternera Gallega ten que reflexionar”

Os produtores que están a optar por vender os seus animais para fóra fano, din, porque logran un mellor prezo, pero insisten en que non teñen intención de desabastecer o mercado galego, abrindo a porta a que poida entrar outra carne a ocupar ese oco.

“Hai xatos que van para fóra e outros que quedan aquí en matadoiros de Galicia pero que son tamén vendidos a peso vivo, é dicir, nas mesmas condicións que os que van para fóra: pago ao contado e peso vivo”, detallan.

“Seguimos defendendo a marca de Ternera Gallega, pero a IXP ten que reflexionar porque o que non pode ser é que valla mais a carne que non está amparada por ningunha etiqueta que a que ten o selo. Non é normal que os nosos animais vallan máis fóra de Galicia cando perden todas as etiquetas da IXP”, insiste Santiago, que chama á reflexión tamén por parte da industria e da distribución, “que son os que poden facer que o prezo suba en orixe”.

O sector segue axitado pero o gandeiro perdeu o medo a que se lle pasen os animais, a demanda que hai neste momento serviu para sacarnos esa venda dos ollos

“Cada animal ten que ser pagado pola calidade que ten e non por unha idade determinada. O gandeiro agora xa non ten ese medo a que se lle pase o animal. Estamos mandando xatos de 8 meses e de máis dun ano; cada gandeiro fai o manexo que mellor se adapta á súa situación e leva os seus animais ao peso e idade que considera. A demanda que hai neste momento para fóra serviu para sacarnos a venda dese tabú que había aquí en Galicia”, di o presidente de Gandeiros Galegos de Suprema, organización pola que é vogal no Consello Regulador das IXPs de Vacún de Galicia (Ternera Gallega e Vaca e Boi Galego).

Prezos de 4,20 euros kg vivo

Febreiro e marzo eran tradicionalmente meses difíciles para os produtores de carne de vacún. “Caía o prezo porque era a xogada que facía a industria en Galicia, que era o tapón que había aquí sempre pero que agora desapareceu”, asegura Santiago Rego. “A baixada de prezo no inverno era unha estratexia da industria máis que unha realidade do mercado”, insiste.

A perspectiva do sector para esta primavera é boa e máis aínda pensando xa de cara ao verán. “Estamos logrando neste momento prezos xa de 4,20 euros peso vivo. Non me quero imaxinar o que vai pasar cando se achegue a época de máis consumo, xa que no verán vaise agudizar aínda máis a falta de gando”, prognostica.

A cadea de supermercados asturiana Alimerka está a pagar xa becerros por enriba de 7,5€ kg canal

Santiago Rego considera que a competitividade das granxas galegas no mercado vén dada pola calidade da carne que producen, acadando prezos superiores aos fixados en lonxas de referencia como as de Salamanca ou Binéfar. “Os nosos animais non se poden comparar cos que se crían noutras zonas do Estado. A calidade onde está vese. Alguén que vén buscar os nosos xatos desde Estremadura sumando 5 ou 6 horas de porte e repite é porque o produto vale e responde”, argumenta.

A perspectiva do sector para esta primavera é boa, e máis aínda pensando xa de cara ao verán

Cos custos de produción contidos neste momento, a rendibilidade das explotacións de vacún de carne pasou en pouco máis dun ano de estar gravemente comprometida a ofrecer marxes xustas aos produtores. Por iso, di o presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, “o ano 2025 vai ofrecer unha oportunidade de lograr unha rendibilidade que era impensable fai uns meses”.

A IXP, nunha encrucillada

Desde Unións Agrarias, José Ramón González, responsable de producións extensivas do sindicato e vicepresidente do Consello Regulador, recoñece que a actual é “unha situación de mercado delicada para a IXP Ternera Gallega”. “O que non pode ser, e é algo que hai que corrixir, é que a IXP teña un prezo por baixo do xenérico”, defende.

Estamos nunha coxuntura de mercado nacional á alza que está levando a Ternera Gallega a unha situación difícil

“En Galicia non se dan igualado prezos. Esta semana acordamos unha nova suba na Mesa de Prezos de Ternera Gallega para igualar cotizacións coas lonxas españolas, pero o mercado nacional vai por diante e segue á alza. Agora parece que virán uns meses máis tranquilos pero de cara ao verán volve pintar difícil a situación para Ternera Gallega e iso pode levarnos de novo a certas incoherencias como que unha IXP, que é unha marca de calidade diferenciada, estea por baixo do mercado xenérico nacional da carne e que acabe protexendo un prezo máis baixo, no canto de estar defendendo un prezo por enriba”, conclúe.

“A todo iso hai que darlle unha volta”, di, porque “a alta demanda actual vai continuar un tempo”. “Veu para quedar, non é algo puntual, vai durar polo menos este ano”, augura.

A ameaza do acordo con Mercosur

Brais Álvarez, coordinador do sector da carne do Sindicato Labrego, tampouco ve un risco de caída de prezos a curto prazo, pero pon sobre a mesa un novo elemento distorsionador que pode condicionar o mercado de cara ao futuro, como é o recente acordo de libre comercio entre a UE e os países do Mercosur, entre eles Brasil ou Arxentina, grandes produtores de carne de vacún.

“Normalmente nesta época custaba dar saída aos animais, pero este ano estes problemas non se ven. É unha situación totalmente excepcional pola demanda internacional de carne a terceiros países e o déficit de xatos de zonas como Estremadura ou Salamanca, que está vinculado cos problemas coa lingua azul e a EHE no 2023”, asegura.

O déficit de xatos en zonas como Estremadura ou Salamanca está vinculado cos problemas da lingua azul e a EHE no 2023

“Aquí non hai xatos tampouco, así o din tamén os datos da propia IXP. Porque os custos altos de produción que houbo no ano 2022 e no 2023 fixeron que as explotacións reduciran a súa cabana e se quedaran tamén con menos recría”, engade.

Con todo, Brais entende que se trata dunha “situación coxuntural”. “Dous ou tres camións que vaian para un lado ou para outro axudan a subir os prezos en Galicia , pero non cambian o mercado. Non é un cambio estrutural do sector”, asegura.

Trátase dunha situación coxuntural, non é un cambio estrutural do sector

“Os prezos están á alza e eu penso que van aguantar o inverno, aínda que a industria galega segue tentando facer presión á baixa. Pero nun escenario a longo prazo e coa presión das importacións do Mercosur e doutros tratados internacionais da UE como Indonesia na porta, pode que non sexamos capaces de manter os prezos actuais, porque nós non podemos competir en custos con eses países, aínda que eu agardo que non se volva a un escenario de prezos de 5,5 euros o quilo, que provocan perdas nas granxas e acelera o seu peche”, advirte.

O acordo con Mercosur supón “100.000 toneladas de carne ao ano que van entrar en Europa”, explica. “Ese é o déficit de carne que pode haber a nivel europeo neste momento e que provoca esta suba de prezos, pero nese escenario de entrada de 100.000 toneladas de carne de Mercosur volverase equilibrar a oferta e demanda e os nosos produtores poden verse prexudicados porque os prezos é probable que se resintan”, razoa.  

Evolución da Mesa de Prezos de Ternera Gallega: medio euro máis en quilo ca fai un ano

Os prezos da IXP Ternera Gallega comezaron este ano 2025 subindo. Nas catro sesións que van celebradas este mes de xaneiro da Mesa de Prezos no Mercado de Amio (a do mércores 8, a do mércores 15, a do mércores 22 e a deste mércores 29) houbo suba en todas as categorías e a revalorización total foi de 6 céntimos en Suprema, quedando en 6,80€ quilo canal o prezo dos machos de categoría intermedia (U) de menos de 200 kg, e de 12 céntimos en Ternera Gallega, pagándose neste momento a 6,45€ quilo canal os machos da mesma categoría U.

A revalorización dentro do selo de Ternera Gallega no último ano foi a metade que a producida no resto de España

A suba de prezos desde o mes de setembro foi maior no caso dos becerros de cebadoiro que nos de Suprema: 51 céntimos máis por quilo para os xatos de Suprema e 63 céntimos no caso cos animais co selo de Ternera Gallega. Comparado con fai un ano, a mellora de cotizacións deste mes de xaneiro con respecto a xaneiro do 2024 na Mesa de Prezos da IXP foi de 53 céntimos para a TGS e de 65 para TG.

A suba está a ser maior para os xatos de cebadoiro que para os de Suprema

O prezo dos becerros en Galicia comezou a subir timidamente no mes de xullo, polo incremento da demanda que sempre se produce no verán, pero foi no outono, a rebufo da revalorización que se viña producindo desde facía meses no resto de España tralo incremento das exportacións de gando a Marrocos, cando máis se notou, presionado polas compras de tratantes de fóra da comunidade.

Cotizacións á alza nas principais lonxas españolas

A revalorización do mercado da carne de vacún tamén continúa nas principais lonxas de referencia españolas. Este luns a de Salamanca pechaba con suba en todas as categorías, pagándose tanto os tenreiros cruzados como os añojos entre 3,76 e 3,90 euros quilo vivo dependendo da súa conformación.

Segundo o informe semanal de prezos elaborado polo Ministerio de Agricultura, a carne de tenreira (animais de 8 a 12 meses) estase a pagar na actualidade nos principais matadoiros a unha media de 6,30 euros quilo canal, un euro máis ca fai un ano. A suba é dun 20% no último ano e dun 40% nos últimos 5 anos.

Nos mercados de Binéfar ou Salamanca os xatos de menos dun ano estanse a pagar a 6,30€ quilo canal, os añojos a 6,35 e as vacas de desvelle a 4,25

En canto ao gando de máis idade, o añojo acada neste momento niveis tamén altos (6,35€ quilo canal), 1,25 euros máis en quilo ca fai un ano e máis de 2 euros con respecto ao ano 2022; mentres que as vacas de desvelle páganse a 4,25€ quilo canal, 1,25 euros máis que en xaneiro do 2024.

A alta demanda por parte dos cebadoiros está tamén a disparar o valor dos becerros. Os xatos de cruce industrial de menos dun mes páganse neste momento a 285 euros, mentres que os xatos pintos de menos dun mes rozan os 160€ por cabeza. Son 70€ máis que o ano pasado. En canto aos pasteiros destetados, están en 455€, 130€ máis do que se pagaba por eles a comezos do ano pasado.  

España atópase neste momento cos prezos de carne de vacún máis altos da UE

En comparación co resto de países da UE, España rexistra neste momento os maiores prezos, con diferenzas de 50 céntimos en quilo con respecto a Alemaña ou Francia en categorías como Añojo e de máis dun euro con respecto a Portugal ou Dinamarca en carne de tenreira de 8 a 12 meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información