“Os xatos que chegan de Irlanda veñen moi ben encalostrados e iso nótase nos cebadeiros”

En plena tempada de importación de becerros mamóns desde Irlanda, coñecemos como traballa unha empresa galega que subministra a explotacións de cebo de Cataluña, Aragón e Castela-A Mancha

Xatos irlandeses destetados nun cebadoiro de Aragón

Xatos irlandeses destetados nun cebadeiro de Aragón (Foto: Ganados A.Aragonés)

A importación de becerros desde Irlanda gaña peso nos cebadeiros españois tralos brotes de dermatose nodular contaxiosa en Francia, principal subministrador tradicional de xatos ás granxas de vacún de carne de Cataluña ou Aragón. Pero debido á enfermidade, amplas zonas de Francia están pechadas á exportación de animais, polo que o gando irlandés está a gañar protagonismo.

Irlanda conta  cuns 4,5 millóns de hectáreas agrícolas, o 80% pastos, e unhas 135.000 explotacións familiares de vacún. Delas saen nesta época becerros que acaban en cebadeiros españois despois dun traxecto en barco e camión que dura máis de dous días.

Os cebadeiros de Cataluña, Aragón ou Castela-A Mancha son o principal destino para o gando vivo irlandés. Case 85.000 cabezas chegaron o ano pasado de Irlanda a España, das que 53.000 eran animais de recría de menos de 80 kg de peso. Un de cada 10 xatos de menos de 80 kg importados con destino a cebadeiros españois procede xa de Irlanda.

Os cebadeiros españois son o principal destino para o gando vivo irlandés

O número deste tipo de becerros procedentes de Irlanda incrementouse un 27% o ano pasado. Os casos de dermatose nodular contaxiosa en explotacións de gando vacún en Francia provocaron un cambio nas vías de subministro de becerros aos cebadeiros cataláns, gañando especial protagonismo os xatos chegados desde Irlanda.

Cruzamentos con touros de raza cárnica

Na actualidade, a cabana gandeira irlandesa está formada por 2,5 millóns de vacas, das que a metade son vacas leiteiras e a outra metade nodrizas de aptitude cárnica.

Tanto unhas coma as outras son inseminadas con touros de carne para producir xatos cruzados, o que fai que o 75% dos xatos que nacen en Irlanda descendan dun touro de raza de carne, fundamentalmente angus, limusín, charolés, azul belga e hereford.

Máis da metade das vacas leiteiras son inseminadas con touros de actitude cárnica

Irlanda exporta arredor do 90% do vacún que produce, xa sexa vivo ou en canal. España, Italia e os Países Baixos son, por esta orde, os principais destinos para cebo, mentres que Líbano e o Reino Unido son os principais lugares de envío de animais para sacrificio.

 Concentración de partos

Tres cuartas partes dos nacementos teñen lugar entre febreiro e maio, debido á rutina de manexo establecida na maioría das explotacións de vacún, que concentran os partos no comezo da primavera para aproveitar de xeito máis eficiente os pastos, principal fonte de alimentación do gando.  

A metade da superficie total de Irlanda son pastos, cunha cabana gandeira de 2,5 millóns de vacas

Irlanda é un prado inmenso, pois dunha superficie total de 6,9 millóns de hectáreas que ten o país, máis da metade (3,6 millóns de hectáreas) están destinadas a pradeiras para pacer o gando.

O sistema de manexo con partos concentrados no final do inverno e comezo da primavera fai que a exportación de becerros tamén se concentre nun curto período de tempo dunhas 5 o 6 semanas nos meses de marzo e abril.

Dous días de viaxe

A distancia de viaxe entre Irlanda e España e duns 1.500 km e os becerros pasan dous días desde que saen da súa gandería de orixe en Irlanda até que chegan ás mamoneiras españolas, as granxas onde serán destetados antes de pasar aos cebadeiros.

Tras pasar unha inspección veterinaria en porto, os becerros son embarcados con destino a Cherbourg, en Francia, para continuar despois camiño por estrada até España

Os animais son embarcados en ferry no porto de Rosslare, en Irlanda, e transportados dentro dos camións até Cherbourg, en Francia, onde desembarcan e fan unha parada de 24 horas para seren alimentados, tal como establece a normativa de benestar animal comunitaria (Regulamento 1/2005), antes de continuar viaxe xa por estrada até España. O sistema é semellante para os xatos procedentes de Alemaña, que habitualmente fan unha parada de 24 horas en Italia.

En Cherbourg fan parada de 24 horas, segundo establece a normativa de benestar animal, para seren alimentados

As empresas importadoras compran en orixe a distintos intermediarios, que fan os lotes e subcontratan o transporte. Existen unha ducia de exportadores principais de gando de Irlanda, con capacidade para reunir os 300 animais que viaxan en cada camión. Os traxectos en barco son realizados por compañías como Brittany Ferries, Stena Line ou Irish Ferries.

“De Irlanda veñen con 5 semanas, son xatos xa un pouco máis duros que os franceses”

Instalacións de Ganados Lago

Instalacións de Ganados Lago, que conta con centros de destete e cebadeiros propios

José Lago está á fronte de Ganados Lago, unha empresa galega que importa becerros desde Irlanda, tanto para cubrir as necesidades dos cebadeiros que posúen en Cataluña e Aragón como para abastecer a outros clientes do centro de España.

“Neste momento estamos traendo 2 camións á semana de Irlanda, con 600 animais entre os dous, 1 de Francia e 1 de Alemaña. Como en Irlanda programan os partos, a exportación empeza a principios de marzo e dura dous meses como moito. En Francia o 90% dos partos son desde mediados de agosto ata marzo e en Alemaña e Italia igual que en Francia. Por iso os becerros destes sitios estanse terminando e vén máis gando de Irlanda neste momento”, explica José.

Neste momento hai pouco gando nos cebadeiros; os xatos que hai dispoñibles non chegan para todos

“Agora mesmo hai pouco gando nos cebadeiros españois porque en Irlanda hai só 10 ou 12 exportadores que poidan facer volume, é dicir, 2 ou 3 camións á semana, polo que os xatos que hai dispoñibles non chegan para todos”, recoñece.

5 semanas de vida

O proceso para traer xatos de Irlanda comeza contactando cun exportador local, que se encarga de reunir os animais polas explotacións e da loxística do transporte até destino. “Os animais van de orixe a destino, directamente á explotación”, conta.

Os animais irlandeses chegan a España cunha media de 65 kg. “Perden un 8 ou un 9% de peso na viaxe, igual que os alemáns. Os franceses un pouco menos, pero veñen máis novos, cunhas 3 semanas e uns 60 kg. De Irlanda veñen xatos máis duros, de 5 semanas de vida e de Alemaña tamén, con entre 4 e 5 semanas”, detalla José.

Os becerros perden entre un 8 e un 9% do seu peso durante a viaxe

En canto ás razas, veñen tanto xatos frisóns coma cruzados con azul belga, angus ou hereford. Son na gran maioría becerros procedentes de explotacións leiteiras.

De Mazaricos a Cataluña

Fai uns 20 anos, un pouco despois de facerse cargo da empresa familiar, José empezou a importar becerros. “Temos instalacións propias en Mazaricos, un centro de recepción para animais da zona, pero hoxe o noso maior volume de compra é fóra. En Galicia compramos azul belga e pintos”, indica.

A historia de Ganados Lago comeza a mediados do século pasado. Adolfo Lago Agra, pai de José, comezou como tratante mercando gando en explotacións da zona de Mazaricos e Santa Comba, que vendía en mercados e matadoiros de toda Galicia.

Adolfo, o pai de José, empezou como tratante a mediados do século XX

No ano 2002 José e o seu irmán Juan fixéronse cargo da empresa, profesionalizando e diversificando a actividade, e foi polo 2007, con José xa á fronte, cando o ámbito comercial se expandiu a nivel internacional.

Hoxe, Ganados Lago SL importa gando desde distintos puntos de Europa e conta con instalacións propias tanto para destete como para cebo. “Realizamos servizos de destete para terceiros e cebamos as nosas propias reses para abastecer a importantes empresas do sector cárnico español”, conta José.

Destete e cebo

Fóra de Galicia, Ganados Lago dispón de establos en Cataluña e Aragón, onde os becerros continúan co proceso de destete e cebado. “Nós traemos todo para tomar leite e destetamos aquí, cando teñen 3 meses e medio aproximadamente. Destetamos a gran maioría en instalacións nosas e logo unha parte deles continuamos o proceso de cría en cebadeiros nosos tamén que temos Cataluña ou Aragón. O 30 ou 40% quedámonos nós con eles e o resto subministramos a outros clientes para que rematen o proceso de cebo nas súas instalacións”, indica.

O destete prodúcese con 3 meses e medio e o sacrificio cun ano de vida

“Sanitariamente os becerros que chegan de Irlanda veñen mellor encalostrados e iso notase despois a nivel de enfermedades, tanto dixestivas como respiratorias. Nese sentido, responden mellor que os de Francia e moito mellor que os que mercamos aquí en España. Temos que aprender bastante niso, porque en moitos casos aquí nas explotacións leiteiras os animais que non son para recría non os tratan igual, é dicir, non reciben os mesmos coidados os machos que venden que as becerras que quedan na casa”, quéixase.

Unha vez destetados, fan lotes por idades independentemente da súa procedencia, polo que os becerros irlandeses son cebados mesturados cos franceses, os alemáns e españois até que teñen o peso e a idade necesaria para o sacrificio.  “Matamos cun ano e subministramos directamente a matadoiros”, conta José.

Irlanda gaña peso como orixe dos becerros

España importou no ano 2025 un total de 895.326 cabezas de gando vacún, das que 84.154 eran procedentes de Irlanda, por valor total de 68 millóns de euros. Tralos xatos franceses, os irlandeses son, xunto cos italianos, os becerros máis importados para encher os cebadoiros españois.

En función do seu peso, este foi o número de animais importados o ano pasado procedentes de explotacións leiteiras e de carne irlandesas:

  • Menos de 80 kg: 53.033 animais en 2025, por valor de 25,5 millóns de euros. Tralos xatos franceses e italianos, Irlanda é o terceiro subministrador de becerros. O número de xatos procedentes de Irlanda incrementouse un 27% o ano pasado con respecto ao 2024 e duplicouse con respecto ao 2023.
  • De 80 a 160 kg: 8.135 cabezas, por valor de 3,4 millóns de euros. Historicamente a principal orixe dos xatos desta categoría era Irlanda (a metade dos xatos procedían deste país) pero o ano pasado baixaron nun 57% con respecto ao 2024, representando aínda así un terzo dos animais importados.
  • De 160 a 300 kg: 8.096 cabezas, por valor de 9,6 millóns de euros. Terceiro país de orixe despois dos xatos chegados de Francia e Portugal. O número de animais duplicouse con respecto ao ano 2023.
  • Máis de 300 kg: 14.890 cabezas, por valor de 29,5 millóns de euros. Segundo país de procedencia tras Francia para os becerros carniceiros con destino a matadoiro.

Incremento da dispoñibilidade de xatos despois do 2015

O aumento da cabana gandeira adicada á produción leiteira en Irlanda tralo final no ano 2015 das cotas lácteas incrementou a oferta de becerros dispoñibles e abriu un mercado exterior de venda de xatos mamóns que permite ás explotacións de orixe obter unha vía de ingresos complementaria á da produción de leite.

Irlanda xa optara polo desacoplamento total das axudas directas 10 anos antes, en xaneiro do 2005, ao considerar o Goberno irlandés que era a mellor decisión para garantir o desenvolvemento e profesionalización do seu sector agrogandeiro e unha maior orientación ás demandas do mercado.

O aumento da demanda de carne e de animais vivos en países de Oriente Medio e o Norte de África está a facer que a oferta de becerros non chegue e suban os prezos, segundo recoñecen os operadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información