Os viticultores da DO Ribeiro tras o pedrazo: “Hai parcelas nas que se vai perder toda a colleita”

Medio Rural calcula que hai 190 hectáreas afectadas, das que considera que 60 presentan danos importantes e outras 130 cunha leve incidencia

Publicidade
Os viticultores da DO Ribeiro tras o pedrazo: “Hai parcelas nas que se vai perder toda a colleita”

Danos do pedrazo nunha parcela do Coto de Gomariz

Os viticultores da Denominación de Orixe Ribeiro comezan a valorar os danos que sufriron logo das treboadas con pedrazo dos últimos días: “En xeral, na zona de Gomariz, en Leiro (Ourense), case tódalas parcelas están afectadas nun abano amplo de incidencia. Nas zonas altas, hai algunha parcela de arredor dunha hectárea na que se vai perder case todo”, explica Inma Pazos, enóloga da adega Coto de Gomariz.

Malia que os técnicos aínda non concluíron o alcance dos danos, segundo os datos que manexaba na mañá do xoves a DO Ribeiro, as zonas afectadas serían, por orde de impacto, Gomariz en Leiro, Pazos de Arenteiro en Boborás, Riobó en Cenlle e Cabanelas en Carballiño. “Aínda non podemos dar cifras nin asegurar cales foron os danos, pero algúns viticultores xa nos reportaron danos severos”, expón Juan Manuel Casares, presidente da Denominación de Orixe Ribeiro.

Horas despois, na tarde do xoves, o conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou que a superficie afectada rondaba as 190 hectáreas, das que 60 presentaban danos importantes e outras 130 unha leve incidencia. Nestas últimas, González estima que se puido ver afectada un 10-15% da colleita.

A Xunta de Galicia vén de despregar técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) pola zona do Ribeiro na que se rexistrou onte o episodio de sarabia. A fin é realizar unha primeira avaliación provisional dos danos e tamén asesorar aos viticultores das adegas afectadas. Estes profesionais encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas.

 Cómpre adoptar medidas preventivas coa aplicación de bioprotectores ecolóxicos sen prazo de seguridade ou de baixo prazo

“Estamos estudando cal vai ser a mellor forma de actuar e, nalgúns casos, tratar de salvar a colleita do ano que vén”, engade Inma Pazos. Esta última treboada colleunos no peor momento. A escasos 15 días de comezar a vendima de albariño e godello, os viticultores desta adega xa comezaran a desfollar as viñas dos brancos para acelerar a maduración: “O pedrazo caeu xusto cando deixamos os acios máis desprotexidos”, explica a enóloga do Coto de Gomariz.

Neste sentido, a Evega advirte que cómpre adoptar medidas preventivas coa aplicación de bioprotectores ecolóxicos sen prazo de seguridade ou de baixo prazo. Especialmente para previr e frear no posible a evolución dos danos nos acios e sen que afecte á hixiene da colleita. Trátase de minimizar a incidencia de doenzas nos acios, a causa deste episodio adverso.

Danos do pedrazo en uva branca nunha das parcelas do Coto de Gomariz

Danos do pedrazo en uva branca nunha das parcelas do Coto de Gomariz

Xunta e DO Ribeiro remarcan a importancia dos seguros agrarios
A Consellería do Medio Rural lembra aos produtores que poden acollerse á orde de axudas que convocou o Goberno galego no pasado xaneiro para fomentar os seguros agrarios. A Xunta insiste na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, recordando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias.

Os seguros agrarios están aí e son extremadamente útiles. É moi recomendable contratalos e así facémosllo saber aos viticultores

No Consello Regulador coiciden coa consellería que lidera José González Vázquez: “Os seguros agrarios están aí e son extremadamente útiles. É moi recomendable contratalos e así facémosllo saber aos viticultores. Porén, non debemos esquecer que, en calquera caso, é unha decisión persoal dos profesionais e debemos respectala”, argumenta Juan Manuel Casares.

A Xunta de Galicia lembra aos viticultores que o prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro -segundo a liña da que se trate- e que a axuda correspondente se recibe no momento da contratación. A Xunta concede estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2021 formalizadas este ano.

Medio Rural quere buscar mecanismos para asegurar a totalidade dos viñedos da denominación de orixe

De cara a próximos exercicios, o conselleiro do Medio Rural, José González, que este xoves visitou as zonas afectadas do Ribeiro, avanzou que hai previstas varias reunións con diferentes entidades aseguradoras e cos consellos reguladores para buscar mecanismos que permitan a posibilidade de ter asegurada a totalidade da denominación de orixe, “traballando de forma colectiva e conxunta”.


Información actualizada o venres 3 de setembro ás 8 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información