Os viños tostados do Ribeiro apaixonan en Madrid

O Consello Regulador presentou estas xoias da enoloxía no Salón de viños xenerosos, doces e fortificados, celebrado no hotel Princesa Plaza

Publicidade
Os viños tostados do Ribeiro apaixonan en Madrid

O C.R.D.O. Ribeiro regresou de Madrid “cunha enorme satisfacción” tras presentar o catro tostados actualmente certificados, no “Salón dos viños xenerosos, doces e fortificados”, celebrado no hotel Princesa Plaza de Madrid o pasado luns. Máis de 200 profesionais do sector puideron degustar esta auténtica xoia enolóxica e introducirse un pouco no mundo dos Tostados do Ribeiro, produto descoñecido para moitos deles.

O Tostado do Ribeiro é un viño naturalmente doce de longa tradición no D.O. Ribeiro. Para a súa elaboración unicamente utilízase o mosto procedente da selección das mellores uvas autóctonas convenientemente pasificadas a cuberto e unicamente con ventilación natural. A súa produción é moi pequena (apenas alcanza o 1% da produción), complexa e laboriosa, resultando unha auténtica xoia da enoloxía de características únicas.

As referencias exhibidas neste especializado evento foron viños de catro adegas e colleitas distintas: Alma de Reboreda 2008, Tostado de Costeira 2015, Bico de Leive 2018 e Celme Tostado 2019. Na cata, estes especiais viños móstranse como viños doces intensos, complexos e peculiares. Percíbense neles aromas de froitos secos e confitados, mel, flores amarelas, doce de marmelo, pel de laranxa confitada. Trátase de viños moi concentrados con bo equilibrio entre acidez e dulzor. Untuosos, aterciopelados e moi persistentes no padal.

O presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara comenta que “o Tostado do Ribeiro constitúe unha manifestación relevante máis do patrimonio cultural e enolóxico desta enocomarca. É un tipo de viño tradicional que, aínda que con pequenos volumes de produción, adquiriu no século XIX unha gran fama. As mellores uvas de variedades autóctonas sometíanse a un proceso de secado en locais unicamente con ventilación natural até chegar case até a pasificación da uva. Posteriormente, procedíase ao seu prensado e á fermentación. A continuación, o viño maduraba en recipientes de madeira antes do seu consumo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información