
Unha edición anterior da Feira do Viño de Negueira de Muñiz
Os produtores da conca do río Navia darán a probar este sábado os seus viños en Negueira de Muñiz, que acolle esta fin de semana a edición número 14 da súa Feira do Viño, unha cita que serve para exhaltar uns caldos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia.
A consecución deste recoñecimento supuxo o impulso definitivo para esta zona tradicional de produción de viño que chegara a correr risco de desaparecer froito do abandono dos viñedos, pero que está a coller un novo pulo nos últimos anos.
O renacer da viticultura nesta área que abarca os concellos de Negueira, Navia e A Fonsagrada, está vinculado ao mantemento de variedades autóctonas propias, como a branca lexítima. A ubicación, no extremo leste de Galicia, e as condicións microclimáticas en ladeira, confiren unhas características únicas aos viños desta zona.
O viño estase a converter nos últimos anos no motor económico de Negueira e no seu principal recurso turístico
Nos últimos anos están a xurdir novos proxectos que impulsan a economía do lugar, co viño como protagonista, e que están a servir para fixar poboación e reverter un proceso de emigración e abandono sufrido durante moitas décadas.
A raíz da construción do embalse de Grandas de Salime para produción hidroeléctrica, que anegou zonas de viñedo e obrigou aos veciños a marchar do lugar, a tradición da produción de viño fórase perdendo até que hai 20 anos Manuel Cancio primeiro (Adega Panchín) e despois Paco Sanromán (Adega Sidrón) apostaron por recuperar e profesionalizar a produción de viño.
A eles sumáronse nos últimos tempos outras iniciativas, como a de Adega da Señora, ou as de outros produtores que están a poñer en marcha os seus proxectos de produción e comercialización de viño que están a servir para recuperar viñas vellas e para poñer a producir novas parcelas con variedades tradicionais como a branca lexítima, propia desta zona.
Medio cento de produtores de viño na zona amparada pola IXP
A Asociación Pola Defensa das Variedades Autóctonas e Viñedo da Conca do Río Navia conta neste momento con 29 socios dos concellos de Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e A Fonsagrada, aínda que hai máis xente que fai viño na casa, tanto para autoconsumo como para venda a granel.
En toda a zona amparada pola IXP hai uns 50 produtores pero só tres adegas comercializan viño embotellado coa etiqueta do selo de calidade
Na actualidade só tres adegas venden viño embotellado amparado polo selo de calidade da Indicación Xeográfica Protexida: Panchín e Sidrón, situadas no municipio de Negueira, e Adega da Señora, ubicada en Coea (Navia de Suarna). A iniciativa dos produtores do Navia pola dignificación dos viños da zona está a servir de exemplo para outras áreas produtoras de Galicia con identidade propia, como os do val do Limia en Ourense.
O viño, motor económico e turístico
As dúas primeiras organizan ademais visitas aos seus viñedos e Sidrón conta tamén con restaurante, polo que o viño estase a converter tamén no principal atractivo turístico da zona e no seu motor económico.
O concello de Negueira, o que menos habitantes ten de toda Galicia (non chega aos 200), recibe no día da Feira a centos de visitantes, o que supón unha importante inxección económica para os establecementos de hostalaría locais e contribúe á dinamización da zona.
Programa do 2025
A edición número XV da Feira do Viño de Negueira, organizada pola Asociación de viticultores en colaboración co Concello, conta cun programa que inclúe mercado, degustación de balde do viño da zona e animación musical.
O venres, día previo á Feira, ten lugar ás 7 da tarde no salón da Casa dos Cazadores de Negueira unha cata na que participarán, ademáis das 3 adegas da IXP Terras do Navia que embotellan (Panchín, Sidrón e Adega da Señora), outras adegas de Cangas de Narcea e Ibias, na vertente asturiana do río Navia, así como Viños do Barbanza e Iria.
Todas elas comparten a variedade branca lexítima, propia tamén da IXP Terras do Navia, pero a cata non se limitará tan só a esta caste autóctona, senón que as adegas locais presentarán tamén viños elaborados con variedades tintas e con verdello branco.
A cata do venres conta con aforo limitado e as prazas para participar, para o que é necesaria inscrición previa, están xa esgotadas
Esta cata servirá, coma todos os anos, para comprobar a calidade dos viños da zona, pero debido á falta de aforo, é necesaria inscrición pervia a neste momento as prazas están xa todas cubertas.
Mañá sábado arrincará a Feira do Viño ás 12 do mediodía coa apertura do mercado de produtos da zona. Á unha terá lugar o pregón a cargo do piloto de rallies Sergio Vallejo e a continuación será a degustación gratuita de viño a cargo das adegas da zona.
O grupo de música tradicional Axeigo, o Dúo Élite e a Orquestra Suavecito serán os encargados de amenizar a xornada, na que tamén haberá xogos infantís pensados para os máis pequenos.