Os viños, licores e augardentes galegos promociónanse en Dinamarca

Os seis consellos reguladores que conforman ACRUAGA estarán presentes en Copenhague o vindeiro 11 de xuño, nunha xornada de exhibición e degustación de produto, que conta co respaldo da Xunta, a través do IGAPE, e se desenvolve en colaboración coa Unión Española de Catadores (UEC)

Publicidade

VIÑO_CATA_INGAVI_03A capital danesa acollerá o vindeiro mércores, 11 de xuño, o I Salón dos Viños e Augardentes de Galicia en Dinamarca, un showroom impulsado pola Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.XX. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (ACRUAGA) que conta co respaldo da Consellería de Economía e Industria, a través do IGAPE. Con esta actividade, realizada en colaboración coa Unión Española de Catadores (UEC), ACRUAGA pretende fortalecer a súa vocación de promoción e internacionalización dos viños, licores e Augardentes galegos, un dos obxectivos fundacionais.

Ata Copenhague viaxarán 125 viños de adegas de todas as denominacións de orixe da comunidade autónoma (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), así como 25 referencias de empresas comercializadoras de destilados amparadas polas Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores de Galicia.

En total, son 150 referencias as que se poderán degustar no restaurante TRIO da capital danesa, nun acto que terá lugar entre as 11:00 e as 15:00 horas (horario local). O obxectivo desta acción promocional é “achegarnos ao mercado danés e atraer así ao maior número de profesionais posible”, tal e como sinala Antonio Lombardía, presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra e máximo responsable de ACRUAGA.

“Tras o éxito das anteriores edicións deste salón, celebradas en cidades como Ámsterdam, ou en Londres o pasado mes de novembro, consideramos interesante darlle continuidade a esta idea, en colaboración coa UEC, nesta ocasión en Copenhague, buscando unha vez máis, a internacionalización dos nosos viños e destilados e favorecer, así, o dinamismo económico e as exportacións do sector”, detalla Lombardía quen, ademais, agradece ao IGAPE “a súa implicación para que esta iniciativa se teña convertido nunha realidade”.

Calidade e diversidade

O I Salón dos Viños e Augardentes de Galicia en Dinamarca pretende amosar a un público profesional a calidade e diversidade das elaboracións da Galicia vitivinícola, coa súa forte impronta atlántica, así como os destilados feitos no país.

ACRUAGA -que naceu en 2021- activou esta acción promocional no marco dun convenio firmado co IGAPE, con diferentes obxectivos, entre eles o de favorecer e impulsar o grao de coñecemento dos viños e licores galegos a través de accións de visibilización, divulgativas e formativas conxuntas en diferentes puntos de España e do estranxeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información