Un total de 53 referencias de brancos e tintos de Valdeorras, pertencentes a 21 adegas, a metade das que conforman a D.O., puideron degustarse este luns en Madrid no acto de presentación da anada 2016 da comarca, no que participaron representantes dos ámbitos institucional, político, empresarial e social da capital de España, así como diversos distribuidores e restauradores de prestixio.
Ao comezo do acto, presentado polo actor Javier Veiga, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García Álvarez, animou aos presentes a degustar os viños da comarca e a coñecer os “valores diferenciais e singulares” que os definen. García destacou a calidade dos viños da zona e expresou a súa seguridade de que, tras a degustación de hoxe, todos os asistentes ao acto actuarán “como prescriptores e embaixadores” dos viños valdeorreses.
Ademais, na súa intervención o presidente do Consello Regulador referiuse ao arraigamento e á tradición vinícola de Valdeorras. “Case todos os habitantes da comarca están ligados, dun modo ou outro, á elaboración de viño”, precisou, o que orixinou que na zona se fose conformando “un saber facer único” neste ámbito. Precisamente, “este saber facer permitiu á D.O. de Valdeorras situar os seus viños en mercados tan esixentes como os Estados Unidos, Reino Unido, Holanda, Bélxica ou Xapón”, destacou o presidente do Consello Regulador.
Ademais de Francisco García, interviñeron no acto a directora xeral de Gandería e Industrias Agroalimentarias da Xunta, Belén do Campo; o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega; o subdirector xeral de Calidade Diferenciada e Agricultura Ecolóxica do MAPAMA, Javier Maté, e o prestixioso enólogo José Hidalgo, quen dirixiu unha cata comentada, explicando aos presentes as singularidades dos viños de Valdeorras.
O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, valorou que “o viño é cultura, civilización e amizade. O viño forxa, en efecto, a amizade cando se escancia con prudencia”. Tamén tivo palabras de eloxio para a zona de Valdeorras, “un paraíso onde o Sil dá de beber á paisaxe e aos viñedos, onde os xistos e loureiras achegan fortaleza, por ser o teito de Galicia”. “Valdeorras é paraíso desde a Prehistoria e alí chegaron os pobos antigos e quedaron nesa fermosura de paisaxe. Andan as terras de León e Zamora preto e Valdeorras é a esencia de paisaxes e viñedos”, engadiu.
Cata comentada
Durante o acto, o prestixioso enólogo José Hidalgo destacou as singularidades e características das principais variedades autorizadas e preferentes de uvas brancas e tintas da comarca. Pola súa banda, a directora xeral de Gandería e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, resaltou o “bo traballo” que están a efectuar as adegas que conforman a D.O. Valdeorras e puxo en valor a “relevancia” que posúen os actos de promoción para difundir a potencialiade dos viños galegos. Por este motivo, felicitou ao presidente do Consello Regulador por poñer en marcha de forma regular iniciativas divulgativas. Finalmente, definiu o sector vitivinícola galego como “estratéxico”
Finalmente, participou tamén no acto o subdirector xeral de Calidade Diferenciada e Agricultura Ecolóxica do MAPAMA, Javier Mate, encomiou o traballo da D.O. Valdeorras á hora de apostar por diferentes variedades de uva no seu territorio amparado. Mate destacou, ademais, que o ámbito vinícola mobiliza un volume de negocio en España de máis de 4.000 millóns de euros anuais.
Sobre a Denominación de Orixe Valdeorras
A de Valdeorras é unha das catro denominacións de orixe vinícolas da provincia de Ourense. Está conformada por 43 adegas dos municipios da Rúa, Larouco, O Barco, O Bolo, Petín, Rubiá e Vilamartín. Os viños desta D.O. ocupan un total de 1.171 hectáreas de territorio nas que traballan 1.460 viticultores. En 2016, a produción da colleita en Valdeorras superou os 4,6 millóns de quilos de uva.