Os viños de Valdeorras afiánzanse como unha opción con gran demanda na restauración

Falamos con algúns dos referentes culinarios en Galicia, que levan tempo incluíndo os viños da Denominación de Valdeorras nas súas cartas, para coñecer a súa opinión e a da súa clientela

Publicidade
Os viños de Valdeorras afiánzanse como unha opción con gran demanda na restauración

Javier Míguez, xerente do grupo La Bodeguilla, de Santiago, con algúns dos viños de Valdeorras que inclúe na carta dos seus restaurantes.

Os viños da Denominación de Orixe (DO) Valdeorras son hoxe en día un piar fundamental nas cartas dos restaurantes galegos e convertéronse xa nuns dos referentes dos viños galegos no resto de España e do mundo. Así o demostran no seu día a día os sommeliers, que comproban de primeira man a demanda que experimentaron estes viños nos últimos anos por parte da clientela.

Galegos, turistas e foráneos achéganse cada vez máis interesados polos viños de Valdeorras, o que lles está abrindo camiño tamén en proxectos culinarios fóra de Galicia. Falamos con algúns dos referentes culinarios das catro provincias galegas para coñecer a opinión que teñen sobre os viños de Valdeorras e a resposta da súa clientela.

La Bodeguilla (Santiago, A Coruña): “É o propio cliente quen chos demanda. Os viños de Valdeorras véndense sós”

No Grupo La Bodeguilla, con tres restaurantes na capital galega, os viños da DO Valdeorras levan acompañándoos dende que comezaron no ano 1986. “Dende os nosos inicios apostamos sempre polos viños galegos e entre eles non podían faltar os de Valdeorras. Nos comezos apostamos, sobre todo, polos viños brancos, os godellos, e logo virían tamén os tintos”, explica Javier Míguez, xerente do grupo, quen recorda os esforzos feitos nos anos 90 a través do plan de Revitalización dos Viñedos de Valdeorras (Revival), a primeira iniciativa en Galicia de recuperación das variedades autóctonas da vide e coa que se procurou revitalizar e impulsar os viños desta denominación.

Javier Míguez destaca o carácter diferenciador dos viños galegos, onde especialmente os brancos se converteron nunha icona máis na variedade vinícola galega. “Son castes moi diferenciadoras e que teñen a súa propia identidade”, explica o xerente.

Ó longo destes anos traballando cos viños de Valdeorras nos seus establecementos (A Bodeguilla de San Roque, Santa Marta e San Lázaro), comprobaron tamén a evolución que tiveron. “Fomos vendo como os viños de Valdeorras foron pasiño a pasiño ata consolidarse e agora mesmo son dos viños brancos máis cotizados en Galicia, con máis calidade e presenza”, indica Míguez ó tempo que valora os esforzos feitos por estes vitivinicultores. “A aposta pola calidade que fixeron está dando os seus froitos”, recoñece o hostaleiro.

“Dende o 2014 vimos un cambio total de tendencia e, sobre todo, os nosos clientes galegos demándannos godellos de Valdeorras”

Nestes máis de 30 anos de traxectoria hostaleira, foron testemuña dun cambio de tendencia entre a súa clientela e de como os viños de Valdeorras foron gañando adeptos, sobre todo entre os galegos. Pola Bodeguilla de San Roque, situado en pleno casco histórico compostelán, pasan nos meses de verán milleiros de turistas e peregrinos chegados de distintas partes do mundo, que comezaron tamén a apreciar os viños de Valdeorras. “Nos anos 90, o 80% dos viños brancos que se vendían eran Rías Baixas, apenas tiñan demanda os viños do Ribeiro ou de Valdeorras, porén dende o 2014 observouse un cambio total de tendencia e vemos como, sobre todo os galegos, comezaron a pedir cada vez máis os viños de Valdeorras, ata o punto de que agora os godellos desta DO son os que maior demanda teñen”, detalla.

Así, hoxe por hoxe, nos seus locais os viños de Valdeorras teñen un consumo moi destacado. “Son os propios clientes os que che reclaman este tipo de viños. Agora mesmo os viños de Valdeorras véndense sós”, evidencia o xerente do grupo La Bodeguilla.

Pan de millo (O Grove, Pontevedra). “Sabiamos que debían estar na carta para atender a demanda da nosa clientela”

No restaurante Pan de millo do Grove, en Pontevedra, tiñan claro que os viños de Valdeorras non podían faltar na súa carta, por iso dende que comezaron a súa andaina no 2012, contan con algúns dos viños máis destacados desta denominación. “A filosofía de Pan de millo baséase en compracer o gusto dos nosos clientes e dende os nosos comezos incluímos os viños de Valdeorras porque a xente nolo demandaba. A verdade é que tivemos unha reacción moi positiva na nosa clientela cara estes viños”, detalla Lorena Moldes, chef e propietaria do restaurante.

Os viños da DO Valdeorras conquistaron tanto ó seu sommelier, Carlos Castro, como á clientela do Pan de millo pola súa frescura. “Son viños agradables ó padal e que non teñen moita acidez para ser un branco galego”, valoran no establecemento hostaleiro.

Situado nun dos enclaves turísticos da costa galega, os viños de Valdeorras ábrense camiño mesmo na terra dos albariños. Son unha opción por descubrir para moitos turistas que procuran tamén coñecer outros viños de Galicia pese a atoparse en pleno Salnés. “Hai clientes que nos piden directamente probar outros viños galegos que non sexan Albariño e que quedan gratamente sorprendidos cos brancos de Valdeorras”, concreta Moldes.

Vinoteca-Restaurante-Pan-de-Mino-O-Grove-

Viñoteca do restaurante Pan de millo, no Grove.

Galileo (Ourense). “A xente amósase sorprendida pola evolución tan positiva que tiveron os viños de Valdeorras nos últimos 30 anos”

Os viños de Valdeorras sempre estiveron presentes na carta do restaurante Galileo, situado na cidade das Burgas. “Comezamos de man de godellos e mencías de Joaquín Rebolledo, que foi unha persoa moi activa na promoción dos viños desta zona. Nestes anos tamén fomos incorporando novas propostas, como as de Rafael Palacios. Estando en Ourense, sempre quixemos que os viños de Valdeorras tiveran unha importancia na nosa carta como as outras denominacións de orixe galegas”, explica Flavio Morganti, chef e dono do restaurante ourensán.

“Vivindo nunha provincia coma Ourense, con 4 denominacións de orixe, descubrimos viños moi diferentes, aínda que moitos comparten a variedade de uva. Temos a sorte de poder gozar de viños especiais debido á altitude dos seus viñedos ou do seu terroir. Eu son moi respectuoso co traballo do campo que nos posibilita gozar destes momentos con viños únicos”, recoñece a alma gastronómica do Galileo.

Os viños de Valdeorras foron gañando cada vez máis incondicionais entre os seus clientes, tal e como detalla o restaurador. “A nosa clientela local xa coñece estes viños e ós visitantes gústalles descubrir os matices do territorio. A xente amósase sorprendida pola evolución tan positiva que tiveron os viños de Valdeorras nos últimos 30 anos, pasando dunha elaboración máis tradicional a unha aposta clara pola calidade e o coidado en todo o proceso”, valora.

“No noso proxecto en Alicante non podían faltar os viños galegos e entre eles os de Valdeorras”

A aposta do Flavio Morganti polos viños de Valdeorras non só se limita ó seu restaurante ourensán. De feito, o cociñeiro e empresario está inmerso nun ambicioso proxecto na Costa Branca onde na súa carta tamén incluíu os viños de Valdeorras. “Na nosa carta non podían faltar os viños galegos. Así é que dos 100 viños que temos na nosa carta teremos uns 8 viños de Valdeorras. Creo que é moi importante que a xente coñeza a calidade do viño que temos en Galicia”, reivindica o chef. 

Campos (Lugo). “Houbo momentos nos que o 80% da nosa carta eran viños de Valdeorras”

A familia Vázquez é unha das sagas hostaleiras máis lonxevas non só da provincia lucense senón de Galicia, ó fronte do restaurante Campos dende 1952. Situado na cidade de Lugo, neste establecemento hostaleiro tamén fixeron unha aposta decidida polos viños de Valdeorras. “Convertémonos en auténticos embaixadores desta terra e dos seus viños naqueles tempos nos que houbo unha transformación e aposta pola calidade. Para min son os mellores mencías e godellos de Galicia”, reivindica Manuel Vázquez, a segunda xeración deste negocio hostaleiro e que aínda colabora activamente co seu fillo Nicolás, actual xerente e sommelier do restaurante.

“Para min os de Valdeorras son os mellores mencías e godellos de Galicia”

A aposta de Manuel polos viños desta denominación foi moi decidida. “Houbo momentos nos que o 80% da nosa carta eran viños de Valdeorras”, recoñece o hostaleiro. Ante a súa clientela destacan que “estes viños son unha opción cunha menor acidez á doutras elaboracións galegas, sendo máis redondos e secos, e a xente adoita quedar satisfeita logo de probalos”, detalla Vázquez.

Logo de anos apostando por estes viños na súa carta, Manuel insiste na importancia de seguir incidindo na posta en valor destes viños pola súa calidade, para que os esforzos e os resultados acadados non se vexan embazados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información