Do conxunto de galardóns, 12 pertencen á categoría Gran Ouro, Platino ou Selección do Xurado, 83 son de Ouro, 109 de Prata, 63 de Bronce e 7 recomendacións. A metade destes viños de Rías Baixas pertencen á anada 2024, máis de 100, que foi cualificada como ‘Excelente’, converténdose así nunha das 7 anadas coa máxima puntuación na historia deste Consello Regulador.
Manter a excelencia
Son premios recibidos nos máis prestixiosos concursos internacionais e nacionais que sitúan novamente os viños de Rías Baixas como uns dos mellores brancos do mundo. Así, España foi unha boa praza para esta Denominación de Orixe, que pode presumir de ser “profeta na súa terra” grazas aos resultados en concursos consolidados como os organizados pola Unión Española de Catadores (UEC): os Bacchus 2025, que premiaron a 22 Rías Baixas (3 Gran Bacchus de Ouro, 13 Bacchus de Ouro e 6 de Prata); o seu irmán pequeno, os Baco 2025, concederon a estes viños un total de 32 galardóns (1 Gran Ouro, 20 Ouros e 11 Pratas). Tamén os Vin España, concurso nacional de viños organizado pola Federación Española de Enoloxía, outorgaron ás marcas da D.O. Rías Baixas un total de 34 premios: 5 Gran Ouros, 17 Ouros e 12 Pratas.
No panorama internacional, os viños de Rías Baixas tamén brillaron ao conseguir 88 galardóns nos Decanter World Wine Awards (1 Gran Ouro, 5 Ouros, 42 Pratas e 40 Bronces), aos que se suman tamén as 38 medallas do International Wine Challenge (18 Pratas, 13 Bronces e 7 Recomendacións).
Outros concursos internacionais que premiaron a gran calidade dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas son: o Challenge International du Vin, con 3 Ouros; o Concurso TEXSON Wine Awards, un dos concursos de viños máis prestixiosos e rigorosos do mundo con sede nos EE. UU., que concedeu 6 galardóns (1 Platino e outro Selección do Xurado, 1 Ouro, 2 Pratas e 1 Bronce); o Mundus Vini, con 32 premiados (22 Ouros e 10 Pratas); o IWSC International Wine & Spirit Competition, con 18 premios (1 Ouro, 8 Pratas e 9 Bronces); e o Citadelles du Vin, con 1 Ouro.
Aínda que a última anada, neste caso a 2024, tivo un peso importante con máis dun cento de galardóns, esta situación contrarréstase co resto de anadas presentadas a estes certames, que tamén suman máis dun cento de premios repartidos na seguinte orde: 2023, 2022, 2021, 2020, 2018, 2019 e 2027. Cómpre salientar que os viños Espumosos de Calidade Rías Baixas recibiron un total de 15 premios, demostrando así a súa consolidación como produto e o seu potencial.

Outros destacados
Ao longo do ano 2025, a D.O. Rías Baixas recibiu a visita de importantes prescritores e profesionais co obxectivo de afondar nos seus coñecementos sobre esta rexión atlántica. Algúns deles foron o Máster of Wine español Pedro Ballesteros, quen catou a cegas 78 viños de Rías Baixas, así como o seu colega, o Máster of Wine inglés Tim Atkin, que leva xa 4 anos consecutivos visitando esta denominación e que recentemente publicou un amplo informe no que recolle o resultado das 263 marcas de Rías Baixas catadas, incluíndo o seu propio podio.
Tamén o líder da publicación independente Vinous, Joaquín Hidalgo, visitou esta Denominación de Orixe o pasado ano; do mesmo xeito que o fixeron os oito participantes do programa Spanish Wine Educator, procedentes de Canadá e Estados Unidos, que organiza o ICEX; os 25 alumnos do WSER Global Academy, así como as habituais misións inversas que se organizan todos os anos a través do plan de promoción do Consello Regulador e que en 2025 procederon de México, Reino Unido e Estados Unidos.
Galego









Control OJD