Os viños de Rías Baixas, distinguidos con cinco grandes ouros nos premios Bacchus 2026

É a denominación de orixe de viños tranquilos con máis Grandes Bacchus de Ouro

Publicidade
Os viños de Rías Baixas, distinguidos con cinco grandes ouros nos premios Bacchus 2026

A Denominación de Orixe Rías Baixas inaugura a tempada de premios cun total de 32 marcas galardoadas no XXIV Concurso Internacional de Viños Bacchus, dez máis que en 2025. Un certame vinícola no que cinco Rías Baixas (das anadas 2018 (2), 2024 (2) e 2025) foron distinguidos co Gran Bacchus de Ouro, ao conseguir un dos 51 viños que acadaron unha puntuación superior a 93 puntos. Cinco distincións que sitúan a Rías Baixas como a denominación de orixe de viños tranquilos con máis Grandes Bacchus de Ouro nesta edición.

Ademais, outros 21 viños desta denominación recibiron o Bacchus de Ouro (con máis de 89 puntos), dos cales sete son da anada 2025, outros sete da de 2024, un da anada 2023, tres da de 2022 e outros tres de 2020. Vinte deses Bacchus de Ouro son viños brancos, mentres que un dos premiados é un tinto da anada 2024. Finalmente, 6 viños foron premiados co Bacchus de Prata (con puntuacións entre 85 e 89 puntos), catro da anada 2024 e dous da anada 2025.

Edición vinte e catro

O XXIV Concurso Internacional de Viños Bacchus reuniu en Madrid un total de 1.540 viños procedentes de 17 países, onde España se alzou no máis alto do podio, seguida por México, Bolivia, Perú, Arxentina, Uruguai, Brasil e Portugal. República Checa, Italia, Xeorxia, Australia, Alemaña e Eslovaquia completaron o podio internacional de Bacchus 2026.

Esas 1.540 referencias foron valoradas a través de catas a cegas por un xurado integrado por 100 catadores procedentes de 26 países. Promovido pola Unión Española de Catadores (UEC), consolídase na súa edición número vinte e catro como un dos Grand Cru do calendario anual de grandes concursos vinícolas do mundo. Unha referencia internacional avalada polo rigor e independencia da Unión Española de Catadores como organizadora desde 1996, e pola participación dun cento de prestixiosos líderes de opinión nacionais e internacionais como xurados de Bacchus 2026, incluíndo Masters of Wine, Masters Sommelier, sumilleres, importadores, responsables de compras e comunicadores.

O certame está recoñecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e avalado pola Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV) e a Federación Mundial de Grandes Concursos de Viños e Licores (VINOFED).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información