A Denominación de Orixe Monterrei deu un novo paso na promoción dos seus viños fóra de Galicia coa celebración dun showroom profesional en Santander, unha cita na que participaron 22 adegas e na que se presentaron 45 referencias, entre viños brancos e tintos. O encontro, celebrado no Gran Casino Sardinero, reuniu a profesionais da hostalaría, a distribución e o comercio especializado interesados en coñecer a oferta vitivinícola desta denominación ourensá.
A iniciativa, organizada polo Consello Regulador, permitiu mostrar a diversidade e a personalidade dos viños elaborados na D.O. Monterrei, unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas. Durante a xornada, os asistentes puideron degustar 29 viños brancos e 16 tintos, elaborados por adegas amparadas baixo o selo de calidade da denominación.
O presidente do Consello Regulador, Manuel Vázquez Losada, destacou o interese estratéxico do mercado cántabro e subliñou que este tipo de accións permiten establecer contacto directo con profesionais que actúan como prescritores e contribúen á difusión da cultura do viño.
A D.O. Monterrei abrangue os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra, Castrelo do Val, Laza e Cualedro. Na actualidade está integrada por 30 adegas e conta con 852 hectáreas de viñedo cultivadas por 397 viticultores.
Este tipo de encontros forman parte das accións de promoción coas que a denominación busca consolidar a presenza dos seus viños en novos mercados e reforzar o recoñecemento dunha zona produtora que destaca pola calidade das súas elaboracións e pola riqueza das súas variedades autóctonas.
Galego









Control OJD